Trece das vinte e tres deputadas e deputados que remataron a pasada lexislatura estatal como representantes das circunscricións galegas no Congreso dos Deputados non volverán sentar na Cámara Baixa cando, o vindeiro maio, volva constituírse para iniciar o novo período lexislativo. O importante número de remudas nas candidaturas das formacións políticas e o relevante cambio na correlación de forzas á que deron lugar as urnas este 28A traen consigo unha evidente renovación nas persoas que ocupan os vinte e tres postos galegos no Congreso e tamén unha representación feminina aínda maior.
Quince mulleres e oito homes teñen encomendada dende este 28A a representación da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra no novo Congreso. Na nova primeira forza política, o PSdeG, o 70% da súa delegación galega é feminina despois de concorrer ás eleccións con catro mulleres encabezando as súas listas. Todas elas serán deputadas: Pilar Cancela, Ana Prieto, Marina Ortega e Olga Alonso. Xunto a elas sentarán tamén Pablo Arangüena, Montserrat García, Sonsoles López, Adolfo Pérez, Guillermo Meijón e Ángeles Marra.
As mulleres son maioría nas delegacións galegas de PSdeG e PP, En Común enviará ao Congreso un home e unha muller e Ciudadanos, dúas mulleres
Tamén son maioría as mulleres nos nove postos que obtivo polas circunscricións galegas o PP, que elixiu mulleres para encabezar tres das catro candidaturas. Marta González, Tristana Moraleja e Valentina Martínez serán as representantes populares pola Coruña; Jaime de Olano e Joaquín García Díez por Lugo; Ana Vázquez e Celso Delgado por Ourense e Ana Pastor e Diego Gago, por Pontevedra.
Na terceira forza en Galicia nestas eleccións xerais, En Común-Unidas Podemos, a representación corresponde a un home e unha muller, Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz. Mentres, Ciudadanos regresa ao Congreso por Galicia tras a súa fugaz estancia en 2015 con dúas mulleres: Marta Rivera pola Coruña e Beatriz Pino, por Pontevedra. Unha ollada a anteriores eleccións amosa o crecente número de mulleres nesta representación galega no Congreso.
Unha situación ben diferente é a que se dá na representación electa polas circunscricións galegas no Senado, Cámara na que as eleccións xerais deixaron tamén un relevante cambio, co PSdeG e o PP empatando a 8 representantes. Das dezaseis persoas que ocuparán os postos electos por Galicia no Senado 12 serán homes e unicamente catro -unha por provincia- serán mulleres.