Co texto da obra xa coñecido, só cumpría agardar o xeito en que ía ser levada a escena. Alberto Núñez Feijóo reuniu este sábado nun hotel compostelán -frecuentemente utilizado polo BNG en tempos do bipartito- a xunta directiva do PPdeG, máximo órgano entre congresos. Situou nun lugar destacado á práctica totalidade de quen foron membros do seu Goberno dende 2009 e alí, ante os membros da dirección que nos últimos meses reclamaron e case imploraron en público e privado que recuncase, escenificou o que todos agardaban. Haberá un cartel electoral do PP galego co rostro de Feijóo por terceira vez consecutiva. "Creo que o noso proxecto é o que máis convén a Galicia e que Galicia está por riba de todo; non son eu, senón os galegos e galegas, os que teñen que elixir, por iso me presento".
Feijóo argumenta no seu amor a Galicia e na necesidade do proxecto do PP a súa decisión de volver presentarse
"Estou seguro de que poderemos volver gañar", dixo Feijóo, que interrompeu o seu discurso para non chorar e destacou que ocupar a presidencia da Xunta foi "a maior honra" da súa vida. "Nada mellor no que fixen antes e nada no que poida facer despois", indicou entre continuas ovacións do auditorio. O aínda presidente galego emocionouse varias veces e veuse obrigado a parar a súa alocución logo de insistir na idea de que se sacrificou e sacrifica polo país: "Non elixín a opción máis cómoda".
Nunha intervención na que apelou á emotividade reiterou que "sempre" que tivo a "oportunidade de escoller", escolleu Galicia. "Porque Galicia paga a pena sempre", dixo. "Galicia non escolleu un executivo que viña de Madrid, senón a aquel rapaz que axudaba á súa avoa nos Peares", engadiu quen reivindicou tamén o PPdeG. "Non sei o que pasará nos demais partidos, pero Galicia pode ter a seguridade de ter un PP renovado e coherente cos seus principios", engadiu para volver advertir da súa "disposición pero sobre todo a do partido" ante os cidadáns galegos.
"Aquí hai un partido, aquí hai futuro, hai servizo público, hai motivación e hai renovación", asegurou Feijóo, quen manifestou que "a política ben entendida conleva renuncias". "A política tamén trae sensabores pero merece a pena cando un sente a responsabilidade do servizo público, cando un ama o seu país e por todas as persoas que nos unen", engadiu o líder popular, antes de volver apelar á emotividade: "Se alguén pensaba que tiña a cabeza noutro lugar, eu respondo que non só teño a cabeza en Galicia, senón tamén o corazón".
Xa fóra, e tras o seu discurso, recoñeceu que a decisión levoulle "meses" tomala o que quere dicir que non foi "doada". "Non elixín a opción máis cómoda, pero é necesario que sexamos o futuro do país", engadiu, situando o PP como única vía para Galicia e axitando o medo á alternativa. Rajoy, nun acto pouco despois do anuncio de Feijóo, asegurou que a decisión era "a mellor noticia para el, para Galicia e para o partido".
Feijóo renega así dunha reflexión recorrente: a de que o "razoable" e non permanecer na presidencia máis de dous mandatos
Feijóo abxura así do que nunca chegou a ser unha promesa, pero si unha recorrente reflexión dende o inicio do seu mandato á fronte da Xunta. Sempre considerou "razoable" non permanecer na presidencia máis de dous mandatos, dixo en infinidade de ocasións, palabras que sempre foron lidas como unha porta a medio abrir cara á política estatal. A publicación no diario El País, hai agora tres anos, das fotografías que amosaban a Feijóo navegando pola ría de Arousa co narco Marcial Dorado en 1995, cando o actual presidente dirixía a sanidade pública galega, frearon abruptamente unha carreira a Madrid que a súa segunda maioría absoluta, en outubro de 2012, semellou volver a impulsar.
O nomeamento daquela de Alfonso Rueda como vicepresidente, cargo que viña exercendo de facto, alimentou aínda máis as especulacións dunha saída máis ou menos ordenada cara a Madrid. Pero os anos foron pasando e chegou o ciclo electoral coas eleccións europeas de 2014, as que prenderon todas as alarmas nas filas populares, tamén en Galicia. O PPdeG mantívose como primeira forza, pero perdeu naqueles comicios 200.000 votos e colleitou o seu peor resultado en Galicia en 25 anos mentres na Galicia urbana se apreciaba un xiro á esquerda que ficou confirmado nas municipais dun ano despois.
Os golpes sufridos nas europeas, municipais e xerais fixeron aumentar as voces que instaban a Feijóo a recuncar
Eses comicios locais golpearon de novo ao PPdeG co seu peor resultado histórico en Galicia e cunha inédita perda de poder institucional. Tras arrasar catro anos atrás foi desbancado polas mareas nas tres alcaldías urbanas da provincia da Coruña, caeu ante a absolutísima maioría absoluta do PSdeG en Vigo e tamén retrocedeu notablemente nas vilas medias, unha treboada que o deixou fóra das presidencias das deputacións da Coruña e Pontevedra e tamén da de Lugo, a cal os conservadores puideron exercer catro meses grazas a un edil socialista rebelde. O contexto non foi mellor nas xerais: os de Feijóo perderon 5 escanos por Galicia e retrocederon en apoio cidadán aos tempos de Alianza Popular.
Difícil con Feijóo, practicamente imposible sen el
A sucesión de malas novas electorais para o PP foi inversamente proporcional ao volume das voces que instaban a Feijóo a recuncar. As enquisas internas amosan un panorama no que lograr unha terceira maioría absoluta consecutiva semella pouco menos ca unha misión imposible á que un PP erosionado polos anos de recortes e casos de corrupción só pode lanzarse con relativas garantías se Feijóo está á fronte.
Trátase de aspirar a unha "maioría suficiente para gobernar", afirmouse nos últimos días dende o seo dos populares galegos. Aínda que isto implique negociar coa eventual representación parlamentaria que poida acadar Ciudadanos ou mesmo Democracia Ourensana, o partido localista que xa designou candidato, o avogado que o representa no proceso xudicial contra José Manuel Baltar, e que di estar en condicións de obter "dous ou tres" escanos.
Feijóo será elixido no congreso do 7 e 8 de maio en territorio baltarista
Ourense, precisamente, será o segundo escenario da obra na que Feijóo tentará lograr unha terceira maioría que o elevaría definitivamente aos altares históricos do PP e, segundo se afirma dende a madrileña rúa de Génova, o achegaría en boa medida ás súas aspiracións na dirección central do partido. Alí, en territorio baltarista, será onde os populares galegos lancen definitivamente a precampaña co seu congreso autonómico fixado este sábado para o 7 e 8 de maio, onde Feijóo será formalmente elixido. Os votos do celeiro de Baltar serán esenciais nunha batalla na que Feijóo aínda descoñece que rivais terá diante, pero na que xa marca o terreo, elixe rivais e axita o medo.
"A alternativa en Galicia non é a alternativa que os galegos merecen", dixo Feijóo para xustificar tamén o seu paso adiante para intentar recuncar na Xunta. Ademais, aludiu á "arrogancia" doutras formacións que "dan leccións pero nunca fixeron nada".
>> HABERÁ AMPLIACIÓN