O PPdeG retrocede aos tempos de Alianza Popular e Feijóo fica lonxe do seu obxectivo

Dominio Público Praza Pública

O presidente do PPdeG e da Xunta formulara o obxectivo ás claras: maioría absoluta de escanos ou, o que é o mesmo, 12 dos 23 que se elixen polas catro circunscricións galegas. Fíxoo en precampaña e reiterouno despois de coñecer os datos da sondaxe do CIS que, ás portas da campaña, lle outorgaban 10 escanos aos seu partido, exactamente os mesmos que acabou por conseguir e que fan retroceder a formación aos tempos nos que as súas siglas eran aínda as de Alianza Popular de Galicia, pero con menor representación parlamentaria.

Dende que, nas eleccións de 1982, UCD deixou de ser unha peza central no taboleiro político do país, o solo dos populares en canto a representación no Congreso polas circunscricións galegos estaba en 11 escanos, os acadados en 2008 nos comicios tras os que José Luis Rodríguez Zapatero foi investido presidente por segunda vez. Non obstante, naquela ocasión os conservadores superaban os 800.000 votos, máis do 43% do total, e desta volta están un chisco por baixo dos 600.000 sufraxios e roldan o 37% do apoio cidadán.

O menor número de deputados para o PPdeG fora en 2004, con 11, pero daquela superaban os 800.000 votos e desta volta non chega aos 600.000

Así as cousas, o PP deixa polo camiño máis de 200.000 votos a respecto dos anteriores comicios xerais e non cabe concluír que todos pasasen a Ciudadanos, formación que estrea representación por Galicia con algo menos de 145.000 sufraxios. Por circunscricións, onde mellor resisten os populares é en Ourense, provincia na que, así e todo cae once puntos, ata o 45%, e perde un escano. Na outra provincia do interior o PP lucense fica no 42% tras perder uns 24 puntos e un escano que, como no caso ourensán, gaña En Marea.

A circunscrición con menor apoio porcentual ao PPdeG pasa a ser Pontevedra, a provincia de Mariano Rajoy e Ana Pastor, onde o 34% dos votos supón unha caída de 16 puntos e un posto no Congreso. Na provincia pontevedresa o partido de Feijóo logra, non obstante, un dos seus obxectivos da campaña: reter o terceiro escano e asegurar o posto no Congreso para a actuar presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, unha das dirixentes do PPdeG máis próximas a Rajoy.

Feijóo: "Era imposible repetir resultado"

Feijóo enmarca as cifras acadadas polo PPdeG nas "eleccións máis difíciles para o PP na súa historia". "Hai catro anos -dixo na súa comparecencia en Compostela- tivemos un resultado histórico e sabiamos que era imposible obter ese resultado". Non obstante, e malia á abrupta caída, o titular do Goberno galego aférrase ao feito de manterse como "o partido máis votado" e estar "doce puntos por riba da segunda forza, que é Mareas de Podemos", denominación que empregou para En Marea durante toda a súa intervención.

"É verdade -evidencia Feijóo- que perdemos apoio" e por iso, afirma, "imos seguir renovándonos para chegar a máis xente" nun contexto de "autocrítica", pero de "vitoria". En calquera caso, resalta o presidente, o que "máis nos preocupa" é "a gobernabilidade" dun Estado que "lle corresponde gobernar" a Mariano Rajoy, di, para lograr a "estabilidade" que o seu propio Executivo, ao seu xuízo, segue a representar en Galicia.

Feijóo, este 20-D na sede do PPdeG © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.