O voto por correo en Galicia nas pasadas eleccións xerais mantívose, na liña do acontecido no conxunto do Estado, nas maiores cifras do século. Esta tendencia á alza do voto postal -que non inclúe o do Censo de Residentes Ausentes (CERA)- consolídase para as eleccións municipais e europeas do vindeiro 26 de maio. O balance provisional feito público pola Oficina do Censo Electoral indica que en Galicia foron aceptadas un total de 61.745 solicitudes de voto por correo, 61.480 delas de persoas residentes nalgún punto do Estado e as restantes, temporalmente no estranxeiro.
As máis de 61.700 solicitudes de voto por correo aceptadas en Galicia para o 26M supoñen un incremento do 62% con relación ás anteriores municipais
Esta cifra global supón un incremento superior ao 62% a respecto das eleccións municipais do ano do 2015 e está tamén un 60% por riba das que se celebraran anteriormente, en 2011. En ningunha desas dúas ocasións as municipais cadraron coas europeas, destas volta. Esa coincidencia si se produciu en 1999, cando as solicitudes de voto por correo apenas superaran as 20.000. En 2015 os votos postais que finalmente chegaron a ser remitidos roldaron os 29.000.
O prazo para enviar o voto por correo remata o 24 de maio ás dúas da tarde
Unha vez pechado o prazo para solicitar o voto por correo nos comicios do 26M, o pasado día 16, os prazos para completar a participación electoral por esta vía seguen o seu curso. A Oficina do Censo Electoral tiña ata o pasado día 19 para remitir ao electorado toda a documentación para votar por correo, se ben estes envíos sufriron algúns atrasos por mor de impugnacións de candidaturas como as formuladas por PP e Ciudadanos contra a lista de JxCat ao Parlamento Europeo, encabezada por Carles Puigdemont.
Este foi un dos factores que levou a Xunta Electoral a alterar levemente os prazos iniciais do voto por correo. Se inicialmente estaba previsto que o voto postal puidese ser remitido ata o día 22 de maio, este prazo foi finalmente ampliado ata o día 24, isto é, ata o venres previo ás eleccións ás dúas da tarde. Nos días que restan ata o remate dese prazo Correos ofrece horario ampliado en moitas das súas oficinas para facilitar a entrega do voto. Pódese consultar o listado completo nesta ligazón.