Amplas zonas de Galicia están a sufrir dende hai décadas un intenso proceso de envellecemento e despoboación. Este fenómeno, con implicacións na prestación de servizos ou na xestión do territorio, ten tamén as súas consecuencias na configuración das súas institucións locais, pois o número de concelleiros e concelleiras que se elixen está determinado pola poboación do concellos no últimos datos definitivos do padrón (correspondentes ao 1 de xaneiro de 2018).
Ribadeo, Xinzo de Limia, A Illa de Arousa, Meis e Muxía encabezan a lista de concellos que perden edís. Tan só hai un que gañe representantes: San Cibrao das Viñas
O número de edís das corporacións municipais varía cando se superan ou se perden uns determinados niveis de poboación (500, 1.000, 2.000, 5.000, 10.000, 20.000, 50.000 ou 100.000 habitantes. E nestes últimos catro anos son case unha vintena os concellos galegos que perderon concelleiros por mor da súa perda poboacional. A maior parte corresponden á provincia de Ourense (11 de 19), aínda que curiosamente tamén se atopa en Ourense a única localidade que gaña edís: San Cibrao das Viñas, que pasa de 11 a 13 ao superar os 5.000.
O resto son todo perdas. Ribadeo e Xinzo de Limia baixan de 17 a 13 concelleiros/as ao perder o nivel dos 10.000 habitantes. A Illa de Arousa, Meis e Muxía caen de 13 a 11 ao baixar de 5.000 habitantes. A Merca, Aranga, Avión, Monfero, Oímbra, Vilamarín, Vilardevós e Xermade pasan de 11 a 9. Finalmente, A Arnoia, Baltar, Beariz, O Bolo, Ribas de Sil e Verea caen de 9 a 7 edís. Os descensos continuarán en vindeiras convocatorias, pois moitas localidades que están a perder poboación salvaron o punto de corte por apenas unhas ducias de empadroados e empadroadas.
O partido xudicial de Corcubión perde un representante (tiña 2), que pasa ao de Compostela (pasa de 7 a 8)
Hai tamén un cambio na asignación de deputados e deputadas provinciais aos distintos partidos xudiciais. Na provincia da Coruña, o partido de Corcubión perde un representante (tiña 2), que pasa ao partido de Santiago de Compostela (pasa de 7 a 8). No 2015 en Corcubión o PSdeG-PSOE obtivo un deputado e o BNG gañou o segundo, que agora desaparece. En convocatorias anteriores ese segundo representante correspondera habitualmente ao PP.