Só 35 concellos gañaron poboación dende as municipais de 2015

Unha das imaxes do proxecto 'Morte Terra' de Matteo Bertolino sobre o despoboamento do rural galego © Matteo Bertolino

Galicia perde poboación e está a piques de caer por debaixo dos 2,7 millóns de habitantes. Porén, este despoboamento non é uniforme e está a afectar de maneira máis acusada aos concellos máis rurais, mentres que as zonas urbanas seguen a medrar, aínda que sexa de maneira paseniña. As cifras oficiais de poboación do Padrón Municipal correspondentes a 2018, publicadas esta semana polo INE, confirman a tendencia, revelando que dende o ano 2015 tan só 35 concellos incrementaron o seu número de habitantes, mentres que os 278 restantes viron reducido o seu número de cidadáns empadronados.

O descenso dende as últimas eleccións municipais afecta mesmo a varias cidades, como Vigo (-456), Ourense (-726), Lugo (-109) e, sobre todo, Ferrol (-2650). Tamén rexistraron reducións moi importantes, superiores aos 300 habitantes, A Estrada, Fene, Coristanco, Vimianzo, Vilalba, Narón, Monforte de Lemos, Redondela ou Marín.

Os concellos que máis poboación gañaron neste mandato municipal que está a piques de rematar foron Ames, A Coruña, Arteixo, Oleiros, O Porriño, Santiago de Compostela, Culleredo e Cambre, todos con incrementos por riba dos 500 habitantes en tres anos. En termos relativos á súa poboación as localidades que máis creceron foron Barbadás, O Porriño, San Cibrao das Viñas, Coirós, Miño e Ames.  

Mentres, os concellos que máis sufriron o despoboamento dende o ano 2015 foron Rairiz de Veiga, Beade, A Bola, Verea, Montederramo, Castrelo de Miño, Chandrexa de Queixa, Vilardevós, A Teixeira, Oímbra, Lobios, Vilariño de Conso, Larouco e Calvos de Randín, todos eles con caídas superiores ao 10% e todos eles situados, ademais, na provincia de Ourense.

No mapa, obsérvanse tres grandes áreas nas que a poboación continúa a medrar: a área metropolitana da Coruña (A Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre, Oleiros, Sada, Carral), a comarca de Santiago (Compostela, Ames, Teo, Brión, Oroso) e boa parte dos concellos ao sur de Vigo (Nigrán, Baiona, Oia, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño). Despois, crecen tamén Pontevedra e Poio, Vilagarcía e Caldas e varios concellos nos arredores de Ourense (Barbadás, San Cibrao e Allariz). 

Na maior parte das zonas costeiras o descenso é pequeno, agás a Costa da Morte e o Ortegal. E a caída é moito máis acusada nas comarcas interiores

No resto do país, agás excepcións illadas (Foz, Outeiro de Rei, Cabanas, Lalín...) a poboación cae en distintos graos. Na maior parte das zonas costeiras o descenso é pequeno, agás a Costa da Morte e o Ortegal. E a caída é moito máis acusada nas comarcas interiores, dende as zonas orientais de Pontevedra á Terra Chá, e chegando a extremos moi preocupantes na montaña lucense e, sobre todo, na maior parte da provincia de Ourense, onde se localizan os concellos que máis poboación perden.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.