Hai dúas semanas Red Localis (entidade na que colaboran profesores e investigadores das tres universidades galegas e secretarios municipais de varias concellos) fixo pública unha proposta de fusións municipais para toda Galicia. O seu obxectivo é unir a maior parte dos concellos menos poboados (os que non chegan a 5 mil habitantes), para incrementar o financiamento que na actualidade reciben do Ministerio de Facenda e conseguir grandes aforros no seu funcionamento xeral.
O mapa municipal resultante tería entre 143 e 172 concellos, ao redor da metade dos hoxe existentes. Ourense sería a provincia máis afectada, pasando dos actuais 92 concellos a entre 33 e 39; Lugo ficaría entre 32 e 39 (hoxe son 67 termos municipais); en Pontevedra habería entre 28 e 35 (na actualidade son 61; A Coruña pasaría de 93 a entre 50 e 59.
A proposta foi recibida con algunhas críticas, sobre todo dende as deputacións provinciais de Lugo e Ourense. O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, negou que os actuais concellos sexan "inviables" e reivindicou que teñen "unha función moi próxima aos veciños", concluíndo que a fusión de concellos non é "a panacea”. Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, tamén manifestou o seu desacordo, sinalando que "a fusión, máis que resolver o problema da dispersión, o enmascara" e que "as posibles economías de escala que xere a incorporación serán capitalizadas case exclusivamente polo concello resultante". Falamos con Alejandro de Diego, secretario municipal do Concello de Avión, e co-autor (xunto co profesor Alberto Vaquero) da proposta de Redimensionamento da planta local.
"As cantidades que o Ministerio de Facenda lles ingresa aos concellos increméntanse moito ao pasar dese nivel: un concello de 5.000 habitantes ingresa un 17% máis que un de 4.999"
Que vantaxes terían as fusións municipais que propoñedes no documento?
Esencialmente estamos falando de fusionar pequenos municipios e o ideal sería que todos eles pasasen dos 5 mil habitantes, que estivesen entre 5 e 7 mil habitantes. Esa barreira dos 5 mil é fundamental; parece unha barreira psicolóxica, pero é sobre todo unha barreira fiscal e de ingresos. As cantidades que o Ministerio de Facenda lles ingresa aos concellos increméntanse moito ao pasar dese nivel: un concello de 5.000 habitantes ingresa un 17% máis que un de 4.999. A seguinte suba importante dáse no nivel dos 20.000 habitantes, pero é impensable propoñer fusións municipais xeneralizadas para acadar esa cifra.
Suporían tamén un aforro económico?
Nos concellos pequenos os cidadáns teñen que soportar un gasto per capita moito maior para o funcionamento da administración. Este maior gasto non se produce tanto polos soldos que cobren ou non alcaldes e concelleiros, senón polo aparato administrativo que se crea ao seu redor. Dado que os gastos xerais son maiores, os concellos pequenos quedan con moi poucos recursos para a prestación de servizos. Coas fusións conséguese un aforro moi importante. Hai que ter en conta que temos concellos moi pequenos que son incapaces de ofrecer servizos, o que nalgúns casos está obrigando aos seus habitantes a mudarse a localidades maiores.
"A poboación galega xa se distribúe de forma dispersa, con concellos que acollen no seu interior varios núcleos. O que propoñemos non é diferente ao modelo que xa existe"
A proposta foi recibida con críticas dende as deputacións provinciais de Lugo e Ourense, que poñían en dúbida os beneficios e, ademais, reclamaban o papel dos concellos como a administración máis achegada á cidadanía...
Non entendo a razón desas críticas. Por que vai supoñer unha perda de atención ao cidadán o feito de que en lugar de acudir a unha casa do concello acudas a outra, a unha localidade á que ademais as persoas xa se están desprazando por outros motivos? As fusións que propoñemos toman como referencia as cabeceiras comarcais xa existentes, para nada afastadas ou alleas. A poboación galega xa se distribúe de forma dispersa, con concellos que acollen no seu interior varios núcleos. O que propoñemos non é diferente ao modelo que xa existe. Pódense buscar moitas fórmulas para contrarrestar esa dispersión, dende abrir oficinas de atención ata sobre todo mellorar o transporte público, moi fácil de financiar co aforro que se consegue por outras vías.
"A proposta realizaríase a través dunha serie de ámbitos territoriais tomando como referencia cabeceiras comarcais xa existentes e cun radio máximo de 15-20 minutos en coche ata o núcleo máis afastado"
Como se levarían a cabo estas fusións? Quen debería tomar a iniciativa? Como se vencerían as reticencias que puidesen xurdir?
Eu dende hai anos defendo o que chamo 'fusión non traumática'. Sería importante que dende a Xunta se crease unha Oficina Técnica que sexa a encargada de delimitar que concellos deberían fusionarse. A proposta realizaríase a través dunha serie de 'ámbitos territoriais' tomando como referencia cabeceiras comarcais xa existentes e cun radio máximo de 15-20 minutos en coche ata o núcleo máis afastado. Crearíamos unha especie de 'proxectos de concellos a fusionar' que comezarían a funcionar como tales, pero sen estar fusionados. Sabemos que este é un tema complexo, no que entran en xogo factores sentimentais e culturais. Polo tanto, primeiro imos experimentar, imos probar a funcionar como concellos fusionados, de xeito que cando a cidadanía vexa as vantaxes evidentes que produce, a fusión chegará soa.
"Imos experimentar, imos probar a funcionar como concellos fusionados, de xeito que cando a cidadanía vexa as vantaxes evidentes que produce, a fusión chegará soa"
Como valoras a fusión entre Oza e Cesuras? Hai xa elementos suficientes para analizar o seu éxito?
Aínda é cedo para analizar os seus resultados. No estudo facemos unha análise deste caso, que amosa como Oza e Cesuras por separado se situaran nos últimos anos por debaixo do nivel de ingresos que tiñan as localidades próximas, mentres que dende a fusión o seu nivel de ingresos creceu notablemente, situándose por riba da media da súa contorna. Os seus gastos comezan tamén a reducirse, aínda que segue a haber duplicidades de persoal administrativo que na medida en que se vai reducindo se poderá dirixir á prestación de servizos sociais, ambientais ou educativos. Ademais, nos cinco primeiros anos da fusión teñen preferencia á hora de acceder a subvencións. E, finalmente, reciben ingresos do Fondo para Fusións creado pola Xunta.
"A comarcalización naceu morta e durante todos estes anos é algo que figura na lei, pero sen desenvolvemento ningún. Pero a proposta de fusións que nós facemos si pode revitalizar as comarcas"
A proposta de Red Localis implicaría a morte definitiva do mapa comarcal, que xa foi superado pola fusión de Cerdedo e Cotobade?
A comarcalización naceu morta e durante todos estes anos é algo que figura na lei, pero sen desenvolvemento ningún. Pero a proposta de fusións que nós facemos si pode revitalizar as comarcas. Non significa que en cada comarca fose haber un só concello, pois na maioría habería varios, pero as localidades pequenas próximas ás cabeceiras si se unirían a elas, fomentando o seu crecemento.
Dende Red Localis tamén propuxestes unha reforma da Lei de Administración Local de Galicia, da que dicides que está desactualizada...
A Lei de Administración Local de Galicia non era máis que unha copia da norma estatal. O problema, ademais, é que mentres que a lei estatal foi actualizándose a galega non cambiou. De feito, a norma galega segue dificultando a realización de fusións, pois esixe unha maioría de dous terzos nos plenos para aprobalas, mentres que a norma estatal rebaixou a esixencia á maioría simple.
"Moitos alcaldes son conscientes disto e recoñéceno en privado, pero en público son moito máis remisos a admitilo. E seguramente os propios aparatos dos partidos son remisos a perder esta especie de delegados locais"
En todo caso, a proposta que facedes implica un consenso político e unha estratexia política a medio e longo prazo? É posible iso en Galicia neste momento?
A clave vai estar na actitude da clase política, que non pode estar simplemente pendente de administrar pequenas localidades nun proceso de despoboamento. Están vendo como todos os días marcha xente dos seus concellos para vivir nas cidades. E moitos marchan porque nos seus concellos non teñen dereito a unha axuda a domicilio, a unha aula de informática ou a outros servizos, cousas que na vila do lado si teñen. Moitos alcaldes destes pequenos concellos si que son conscientes disto, e recoñéceno en privado, pero en público son moito máis remisos a admitilo. E seguramente os propios aparatos dos partidos son remisos a perder esta especie de delegados locais que son os alcaldes. Fai falla unha planificación estratéxica definir a administración que queremos ter no século XXI.