Listas municipais: das 15 candidaturas de Ourense á única opción de Vilarmaior

Un total de 1.263 candidaturas preséntanse nos 313 concellos que conforman Galicia © eldiario.es

O vindeiro 26 de maio celébranse eleccións municipais, que renovarán os plenos e Alcaldías dos 313 concellos galegos. Este mércores os boletíns provinciais publicaron a relación provisional de candidaturas en cada localidade, que serán definitivas a vindeira semana.

Unha primeira ollada a estas listas permite constatar que, unha vez máis, o PP foi a única formación que foi quen se presentar candidatura en todos os concellos do país, ficando o PSdeG-PSOE moi preto de facelo (300 listas) e mantendo o BNG unha ampla representación, nun total de 247 localidades.

En 39 concellos só haberá dúas listas e noutros 120 haberá tres candidaturas. E en Vilarmaior apenas unha

A análise das candidaturas revela igualmente enormes diferenzas entre uns e outros lugares. Entre o decorado electoral das cidades (pero tamén dalgunhas vilas e concellos pequenos), marcado pola multiplicidade de listas e a atomización da esquerda e tamén da dereita. E a realidade que presenta unha gran parte do país, onde onde os e as electoras só poderán elixir entre dúas ou tres opcións. 

De feito, en Vilarmaior (A Coruña) tan só se presentou unha candidatura, a do PP. En 39 concellos só haberá dúas listas (na maior parte dos casos de PP e PSdeG-PSOE) e noutros 120 só haberá tres candidaturas. En total, suman 160 concellos, máis da metade.

Ourense (15) e Lugo (12) son os lugares con máis listas

No outro extremo aparecen os concellos nos que hai un gran número de opcións, como Ourense (15 listas) e Lugo (12), lugares onde se acadou a cifra máis elevada dos últimos anos. Ferrol, Vigo e A Coruña suman 11 candidaturas e Pontevedra 10. Porén, tamén vilas como Sarria (10) ou Ponteareas (9) presentan unha elevada atomización, o mesmo que Baiona, Vilagarcía, Sada, Sanxenxo, Cambre, Ribeira, Xinzo, Lalín e o sorprendente Coristanco, todos con 8 opcións, máis das que hai por exemplo en Santiago de Compostela. 

Adelante, Ourense en Común, Ciudadanos, Por Un Mundo máis Xusto, BNG, PSdeG-PSOE, Democracia Ourensa, Partido Liberal Español, Vivir Ourense, Ourense Mellor, VOX, PP, Espazo Común, Compromiso por Galicia e Unidas Podemos son as 15 listas que se presentan no Concello de Ourense.

Mentres, Foro Lugo Independiente, Lugonovo, Galiciasempre, BNG, Ciudadanos, PSdeG-PSOE, PP, VOX, Podemos, Converxencia21, Alternativa Cidadá de Esquerdas e Compromiso por Galicia son as 12 candidaturas no Concello de Lugo.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.