As eleccións europeas xóganse nun segundo plano coa incógnita da participación, que en 2014 foi do 39%

Colexio electoral CC-BY-SA Merixo

As eleccións ao Parlamento europeo celebradas en 2014 significaron o inicio dun acelerado ciclo electoral que levou aos comicios municipais e xerais de 2015 e no 2016 a unha nova convocatoria de eleccións xerais e ás eleccións ao Parlamento galego. Significaron ademais a irrupción de Podemos e Ciudadanos e un forte golpe ao Bipartidismo, pois PP e PSOE perderon 17 escanos en toda España e sumaron menos do 50% dos votos.

En Galicia o PP foi a forza máis votada, caendo case 15 puntos con respecto ao ano 2009. O PSOE perdeu máis de 13 puntos e ficou no 22% dos sufraxios. A terceira forza foi AGE, que sumou o 10,5% dos apoios, superando por pouco a Podemos, que obtivo o 8,5% e que chegou a ser a terceira forza na cidade da Coruña. O BNG ficou no 7,88%, un punto menos que no ano 2009. UPyD (3,5%), Ciudadanos (1,62%), Pacma (1,09%), CxG (0,96%) e VOX (0,77%) obtiveron resultados máis cativos.

En 2014 a participación non chegou ao 40%. A coincidencia coas eleccións municipais fai prever que a abstención será moi inferior nesta ocasión

A outra nota que marcou os comicios de 2014 foi a baixa participación, que non chegou ao 40% e foi a máis baixa da historia neste tipo de convocatorias. En realidade, a abstención nas eleccións ao Parlamento europeo é habitualmente moi elevada, sobre todo cando estes comicios non se celebran conxuntamente con outras citas. Tan só en 1987 e 1999, cando coincidiron coas eleccións municipais, a participación roldou o 60%. No resto dos anos a cifra moveuse entre o 38,7% de 2014 e o 44,3% de 2004 e só en 1994 se superou o 50%. 

Nesta ocasión, a convocatoria europea volve coincidir coas eleccións municipais, polo que a participación de seguro será moi superior á de 2014. Será importante telo en conta á hora de comparar os datos dunha e doutra cita. 

Nesta ocasión concorren ás eleccións ao Parlamento europeo un total de 39 candidaturas, que competirán polos 54 escanos en xogo (os mesmos que en 2014), toda vez que o Reino Unido tamén elixirá eurodeputados e eurodeputadas, ao non terse completado aínda o Brexit (nese caso teríanlle correspondido 59 a España).

39 candidaturas optan aos 54 escanos en xogo

Entre as 39 candidaturas presentadas destacan, ademais das de PP (encabezada por Dolors Montserrat), PSOE (por Josep Borrell), Unidas Podemos (Maria Eugenia Rodríguez Palop), Ciudadanos (Luis Garicano), VOX, Pacma e Junts (liderada por Carles Puigdemont), as coalicións formadas por partidos nacionalistas de distintos territorios, que unirán os seus votos para mellorar as súas opcións nunha convocatoria de circunscrición única. Así, Agora Repúblicas integra a ERC, Bildu e BNG, entre outras formacións. Tamén a Coalición por unha Europa Solidaria (CEUS) une a PNV, CC e Compromiso por Galicia. E a Compromiso por Europa está formada por Compromís, En Marea, Nueva Canarias ou Chunta Aragonesista, entre outros partidos.

Entre os candidatos e candidatas galegas, destaca a presenza de Francisco Millán Mon como número 8 na lista do PP.  Tamén a inclusión de Nicolás González Casares como número 9 na candidatura do PSOE. Ou a de Vanessa Angustia como número 10 na de Unidas Podemos. Tamén Ciudadanos leva a Adrián Vázquez Lázara no número 8 da súa lista. De igual xeito, Ana Miranda é a número 5 na candidatura de Agora Repúblicas, liderada por Oriol Junqueras. Lidia Senra é a número 2 de Compromiso por Europa, encabezada por Jordi Sebastià Talavera. E Juan Carlos Piñeiro é o número 3 da Coalición por unha Europa Solidaria, que lidera Izaskun Bilbao.

A enquisa do CIS, publicada este xoves, prevé unha ampla vitoria do PSOE (17-18 escanos), seguido de PP (11-12), Ciudadanos (8-9), Unidas Podemos (8) e VOX (4-5). Agora Repúblicas (3), Junts (1) e CEUS (1) completarían a representación do Estado Español

Facendo un rápido repaso pola historia das eleccións europeas en Galicia, cómpre destacar que nas sete convocatorias que tiveron lugar dende 1987 o PP foi sempre o máis votado, aínda que en 1989 tan só superou o PSOE por unhas décimas. Haberá que ver se os socialistas repiten o 26M a vitoria acadada o 28A.

O PP foi sempre o máis votado e obtivo en 1994 o seu mellor dato. En 1999 foi o mellor resultado do BNG e no 2004 o mellor dato do PSOE

Os populares movéronse entre 1994 e 2009 ao redor do 50% dos votos, caendo en 2014 ata o seu segundo peor dato histórico. Mentres, o mellor resultado do PSOE deuse nas citas de 2004 e 2019, por riba do 35%, mentres que os socialistas baixaron do 25% en 1994 e 1999.

Precisamente en 1999 o BNG acadou o seu mellor resultado nunhas eleccións ao Parlamento europeo, un 22% dos votos que o deixou a menos de dous puntos do PSOE e que levou a Camilo Nogueira á eurocámara. Nas tres convocatorias seguintes, o Bloque foi perdendo apoios, caendo por debaixo do 10% en 2009 e 2014. Neste ano 2014 AGE e Podemos dividiron os seus votos, que sumados se terían achegado ao 19%.

As eleccións europeas foron sempre un escenario moi acaido para a irrupción de novas forzas políticas ou para que partidos pequenos mellorasen os seus datos. Así, en 1987 o CDS obtivo o seu mellor resultado histórico en Galicia (10,25%) e dous anos despois tamén aquí se deixou ver o fenómeno do partido de Ruíz-Mateos, que superou o 4% dos apoios. Esquerda Unida tivo igualmente nunhas eleccións europeas, en 1994, a porcentaxe de voto máis elevada acadada en Galicia, por riba do 5%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.