O PSOE podería obter unha clara vitoria nas eleccións europeas, dando continuidade ao seu resultado das eleccións xerais do 28A. Esa é, cando menos, a previsión do CIS, que este xoves publicou o seu barómetro para as eleccións municipais, autonómicas e europeas do 26M.
Os socialistas poderían obter 17-18 escanos, fronte aos 14 que acadaron en 2014, un dos seus peores resultados históricos. O PP, en cambio, caería ata os 11-12 (16 en 2014), superando por pouco a Ciudadanos (8-9) e Unidas Podemos (8). Hai cinco anos Ciudadanos e UPyD obtiveron 6 escanos e a suma de Podemos, IU e confluencias chegou a 11 deputados/as. A sondaxe do CIS rexistra tamén a entrada de VOX no Parlamento Europeo, con entre 4 e 5 escanos. A porcentaxe de voto estimada para cada unha destas candidaturas é moi semellante ao resultado obtido nas xerais do 28 de abril.
Tres das listas dos partidos nacionalistas obterían tamén representación. Agora Repúblicas (a lista de ERC, Bildu e BNG) tería 3 escanos. E Junts (a lista encabezada por Puigdemont) e CEUS (a lista encabezada polo PNV na que participa CxG) acadarían 1 cada un. Pacma e Compromiso por Europa (encabezada por Compromís e na que participa En Marea) ficarían sen representación.
Con este resultado tan só Francisco Millán Mon (número 8 na lista do PP), Nicolás González Casares (número 9 na candidatura do PSOE) e Adrián Vázquez Lázara (número 8 na lista de Ciudadanos) terían asegurada a súa presenza directa no Parlamento europeo entre os políticos galegos incluídos nas candidaturas. Vanessa Angustia é a número 10 na de Unidas Podemos e Ana Miranda é a número 5 na de Agora Repúblicas (encabezada, iso si, por Oriol Junqueras, en prisión) e terían que agardar a recambios de lista ou á súa incorporación nalgún momento da lexislatura en función dos acordos previos de constitución das candidaturas.
A enquisa revela que o interese dos españois e españolas polas eleccións europeas é reducido, pois só o 30% di seguir as noticias sobre estes comicios con "moito" ou "bastante" interese. De igual xeito, tan só o 61% afirma que "con toda seguridade" votará o 26 de abril nas eleccións ao Parlamento europeo.
O CIS estende esta previsión de vitoria do PSOE ás eleccións autonómicas, pois os socialistas poderían manter os gobernos territoriais que teñen neste momento (Estremadura, Asturias, Castela-A Mancha, Aragón e Baleares) e poderían facerse con Madrid e Canarias, sendo ademais o partido máis votado en Murcia ou Castela-León, pero con maioría das dereitas. O PRC mantería o poder en Cantabria e en Navarra o cuatripartito de esquerdas necesitaría os votos do PSOE para remetir mandato
A enquisa do CIS foi realizada nas semanas previas ás eleccións do 28 de abril (entre o 23 de marzo e o 23 de abril), polo que non recolle o posible efecto da vitoria do PSOE neses comicios. Componse de 18.000 entrevistas, 964 en Galicia.
Eleccións municipais
O CIS ofrece tamén estimación de voto e unha previsión de reparto de escanos nas cidades máis poboadas: Madrid, Barcelona, Sevilla, Valencia e Zaragoza, nas que Manuela Carmena, Ada Colau, Juan Espadas e Joan Ribó poderían manter a Alcaldía, mentres que na capital aragonesa o PSOE podería liderar o Goberno local.
A enquisa ofrece tamén información de Santiago de Compostela, a partir de 300 entrevistas. Porén, na capital galega o barómetro non achega estimación de voto nin reparto de edís e tan só datos de Intención de voto+simpatía. Neste caso, o PSdeG-PSOE (22,1%) aparece por diante de PP (19,7%), Compostela Aberta (9,4%), BNG (5,7%) e Ciudadanos (3%), cun 7,7% de respostas a "outros partidos".