As 'outras' eleccións: estas son as candidaturas ao Parlamento europeo

O hemiciclo do Parlamento Europeo © Praza Pública

Entre a campaña para as eleccións xerais deste 28 de abril e os preparativos para os comicios municipais de dentro dun mes, outra convocatoria electoral -a do Parlamento europeo- está a ficar completamente escurecida e invisibilizada. Este mércores veñen de publicarse no BOE as candidaturas provisionais para esta convocatoria, á que concorren un total de 39 listas en todo o Estado Español, que competirán polos 54 escanos en xogo, toda vez que o Reino Unido tamén elixirá eurodeputados e eurodeputadas, ao non terse completado aínda o Brexit (nese caso teríanlle correspondido 59 a España).

Francisco Millán Mon, Nicolás González Casares, Vanessa Angustia, Adrián Vázquez Lázara, Ana Miranda, Lidia Senra e Juan Carlos Piñeiro son os principais candidatos e candidatas galegas

Entre as 39 candidaturas presentadas destacan, ademais das de PP (encabezada por Dolors Montserrat), PSOE (por Josep Borrell), Unidas Podemos (Maria Eugenia Rodríguez Palop), Ciudadanos (Luis Garicano), VOX, Pacma e Junts (liderada por Carles Puigdemont), as coalicións formadas por partidos nacionalistas de distintos territorios, que unirán os seus votos para mellorar as súas opcións nunha convocatoria de circunscrición única.

Así, Agora Repúblicas integra a ERC, Bildu e BNG, entre outras formacións. Tamén a Coalición por unha Europa Solidaria (CEUS) une a PNV, CC e Compromiso por Galicia. E a Compromiso por Europa está formada por Compromís, En Marea, Nueva Canarias ou Chunta Aragonesista, entre outros partidos.

Entre os candidatos e candidatas galegas, destaca a presenza de Francisco Millán Mon como número 8 na lista do PP. Con todo, a incorporación de Ángel Garrido a Ciudadanos, coñecida este mércores, podería obrigar a modificar a candidatura popular, na que ocupaba o número 4. Tamén a inclusión de Nicolás González Casares como número 9 na candidatura do PSOE. Ou a de Vanessa Angustia como número 10 na de Unidas Podemos. Tamén Ciudadanos leva a Adrián Vázquez Lázara no número 8 da súa lista.

Escolleranse finalmente 54 deputados e deputadas, en circunscrición única

De igual xeito, Ana Miranda é a número 5 na candidatura de Agora Repúblicas, liderada por Oriol Junqueras. Lidia Senra é a número 2 de Compromiso por Europa, encabezada por Jordi Sebastià Talavera. E Juan Carlos Piñeiro é o número 3 da Coalición por unha Europa Solidaria, que lidera Izaskun Bilbao. Na publicación do BOE especifícase que a denominación en Galicia destas tres listas será BNG-Agora Repúblicas, En Marea: Compromiso por Europa e Compromiso por Galicia-Coalición por unha Europa Solidaria é só figurarán os candidatos e candidatas galegas.

Non son moitas as sondaxes publicadas ata agora con estimación de voto e distribución de escanos para as eleccións ao Parlamento europeo. A propia cámara vén divulgando periodicamente unha serie de estudos demoscópicos, que na súa última entrega, hai unha semana, prevían que o PSOE obtería 18 escanos, o PP 13, Unidas Podemos 8, Ciudadanos 7, VOX 6 e Agora Repúblicas 2. Pola súa banda, hai dúas semanas unha enquisa de Sigma2 estimaba que, escollendo 59 deputados/as (finalmente serán 54), o PSOE sería o gañador con 19, o PP levaría 13, Ciudadanos 9, Unidas Podemos 8, VOX 6 e Agora Repúblicas 3.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.