O PSOE sería a primeira forza na circunscrición española das eleccións europeas cun escano máis que o PP. Ciudadanos experimentaría un gran ascenso e a extrema dereita de Vox irrompería en Bruxelas con seis escanos. Son algúns dos principais resultados da proxección do Parlamento Europeo para as próximas eleccións do 26 de maio baseada en estudos demoscópicos xa publicados nos 27 estados nos que se celebran eleccións -todos agás o Reino Unido, que para daquela xa estaría fóra, segundo o calendario do Brexit.
Os socialistas serían a primeira forza cuns dous puntos máis que hai cinco anos, segundo o inquérito divulgado pola Eurocámara
No caso de España, o informe fundaméntase nas enquisas de NC Report e GAD3 publicadas recentemente. Os socialistas españois aumentarían a súa representación de 14 a 16 eurodeputados e pasarían a ser o principal partido español no hemiciclo europeo, que tras a recomposición pola saída do Reino Unido dá a esta circunscrición única estatal 59 escanos fronte aos 54 actuais.
A sondaxe divulgada polo Parlamento Europeo non ten en conta coalicións como a que une o BNG con ERC e Bildu
Pola súa banda, o PP conseguiría 15 escanos -un menos- e seguiríao Ciudadanos con 12 eurodeputados fronte aos 2 que logrou en 2014. Unidos Podemos perdería dous escanos con respecto á suma de IU e Podemos en 2014 e obtería 9 eurodeputados. Estes inquéritos outorgan ademais un eurodeputado a ERC, pero non teñen en conta as coalicións xa anunciadas como a de Esquerra co BNG e mais Bildu. Tampouco a do PNV co PDeCAT, formacións á que esta proxección non dá representación na vindeira Eurocámara, nin as alianzas que finalmente conformen formacións como En Marea, aínda por coñecer.
Segundo esta sondaxe de proxección do futuro Parlamento Europeo, os actuais grandes grupos parlamentarios da Eurocámara –populares, socialdemócratas e liberais– seguirán sendo os maioritarios con cadanseus 183, 135 e 75 deputados.