O BNG pide explicacións por cargos e familiares do PP con empregos na Deputación de Ourense

Baltar fillo e Rueda con Luis Menor, presidente da Deputación e do PP de Ourense desde 2023 CC-BY-SA PP Ourense

Os nacionalistas critican que persoas próximas a dirixentes populares obtivesen postos baixo a presidencia de Luis Menor, segundo revela El País, a semellanza do que ocorría durante as tres décadas dos Baltar 

O diario El País publica este martes que cargos do PP e parentes seguen a lograr empregos na Deputación de Ourense baixo a presidencia do popular Luis Menor, no posto desde hai tres anos, como xa o facían durante o reinado dos Baltar que se estendeu tres décadas. A información sinala entre outras persoas ao irmán da xefa de gabinete do presidente, un sobriño da candidata ao Congreso Ana de Bande Vázquez, un curmán da vicepresidenta da Deputación ou un concelleiro do PP. Ante esta revelación, o BNG pide explicacións aos populares e piden á cidadanía que o teña en conta á hora de votar o 29N.

Luis Menor e Rueda coa Marta Nóvoa entre eles, vicepresidenta da Deputación de Ourense e alcaldesa de San Cibrao das Viñas © PPdeG

Baltar pai foi condenado hai unha década por prevaricación continuada ao colocar a 104 persoas na Deputación pouco antes de que Baltar fillo gañase o congreso do PP provincial de 2010 no que o sucedeu á fronte do partido, para despois facelo tamén na administración provincial. Segundo a información de El País, cargos e familiares do PP seguiron obtendo empregos públicos tamén baixo a presidencia de Luis Menor, home de confianza de Alfonso Rueda que substituíu en 2023 a Baltar fillo ao ser este investigado -e despois condenado- por delito vial.

Ana Pontón pide votar o 29N contra a "caradura" dos populares e a candidata nacionalista Noa Presas "limpar Ourense desta indignidade"

A lista ofrecida por El País sinala a un sobriño da candidata popular Ana Vázquez que é tamén irmán da secretaria provincial do PP, alcaldesa de Bande e xefa territorial da Consellería de Cultura, Sandra Quintas. Tamén a un irmán da xefa de gabinete de Menor, Elena Freijedo Ledo, que é ao tempo primeira tenente de alcalde en Piñor. O nomeamento en propiedade como técnico auxiliar en Medio Ambiente foi asinado por Menor o pasado 19 de outubro.

Tamén obtivo un posto un curmán da vicepresidenta da Deputación e alcaldesa de San Cibrao das Viñas. E un concelleiro do PP en Cartelle, José Antonio Mourille, nomeado persoal laboral fixo como legoeiro por Menor en setembro do pasado ano. E un candidato en Vilar de Barrio. E o fillo do director da área de Medio Ambiente da Deputación.

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, que fala de "caradura", pon esta información como exemplo de por que "é tan importante" que a súa formación obteña escano por Ourense o 29N. E a candidata a obter ese escano para os nacionalistas, Noa Presas, pide "limpar Ourense desta indignidade" xa que "non representa o que somos os galegos e galegas". 

.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.