A deputada galega do PP Ana Vázquez foi expulsada este mércores do pleno do Congreso dos Deputados tras suxeitar e amosar un bote de gas pementa desde o seu escano na sesión de control. A parlamentaria popular pola provincia de Ourense abandonou o hemiciclo entre aplausos da maioría da bancada popular logo de dúas chamadas á orde da presidenta da Cámara baixa, Francina Armengol, que a obrigou a depositar fóra o aparello.
"Isto non pode formularse na casa da soberanía do pobo e na casa da democracia", argumentou Armengol entre as airadas protestas de Vázquez, que sacou e enarborou o bote de gas pementa mentres realizaba unha pregunta ao ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska.
"Este é o símbolo da falta de liberdades que sofren as mulleres ceutís, é o material escolar básico, señor Marlaska, un spray de gas pemente, señor Marlaska. É esta a nova normalidade á que se teñen que acostumar os ceutís", preguntouse a deputada do PPdeG.
Vázquez mostrou un bote de gas pementa mentres facía unha pregunta a Marlaska: "É o símbolo da falta de liberdades que sofren as mulleres ceutís, material escolar básico"
Armengol, que a avisou varias veces, argumentou que o bote era unha "arma" e pediulle que o levase fóra. "O que non lle deixaríamos facer a ninguén nesta casa non o pode facer un deputado que ten que representalos", dixo, aludindo ao artigo 106 do Regulamento do Congreso, que advirte de "desorde grave" na conduto "de obra ou de palabra" para expulsar unha ou un deputado.
Foi daquela cando Vázquez decidiu abandonar o pleno do Congreso entre a ovación da maioría da bancada popular agás Núñez Feijóo que, no entanto, negou coa cabeza. Logo, o ex-presidente da Xunta e líder da oposición en España defendeu a súa deputada e atacou a Armengol por "inflamar o debate" e facer "unha acusación gravísima".
Feijóo defendeu a Ana Vázquez e cargou contra Armengol: "Só describiu a situación"
"O único que fixo Vázquez foi describir unha situación; non se lle pode dicir a unha deputada que trae unha arma", dixo logo nunha conversa con xornalistas que recolleron varios medios. A deputada, nos corredores do Congreso, preguntouse se a presidenta di "que todas as mulleres portan armas en Ceuta" ou "que todos os nenos nos colexios portan armas en Ceuta".
Tamén o PPdeG saíu axiña a defender a deputada membro do seu partido. "Véndennos como 'normalidade' que as nenas de Cueta teñan que levar gas pementa ao colexio. Iso si, que Ana Vázquez o leve baleiro ao Congreso é tan grave que supón a súa expulsión", dixo a formación nas súas redes sociais.
Descarga de gas pementa e zonas precintadas
Chegou a asegurar tamén que o bote de gas pementa, que di que estaba baleiro, lévano "moitas mulleres deste país, no que vivimos máis inseguros ca nunca e no que hai máis agresións sexuais ca nunca".
Segundo varios medios, na mesma mañá e en paralelo ao incidente, funcionarios do Congreso tiveron que desaloxar e precintar numerosas zonas das instalacións da Cámra baixa logo de que se baleirase, precisamente, un bote de gas pementa nun baño, que provocou que ata doce persoas tivesen que ser atendidas con síntomas polo gas tóxico.
Un traballador do PP acabou admitindo que foi el quen manipulou o bote de gas pementa que Ana Vázquez amosou no Congreso, tal e como conta El País.