O PP apóiase en Vox para renegar da Policía galega que impulsaron Fraga e o bipartito

Un vehículo da Unidade da Policía Nacional Adscrita á Xunta (UPA), na Ribeira Sacra CC-BY-SA Xunta

O pasado febreiro o PP reafirmou, co rexeitamento dunha proposición promovida polo BNG no Parlamento, a súa negativa a cumprir a Lei de Policía de Galicia (2007). Os populares frearon, concretamente, a lei coa que o Bloque pretendía reactivar a petición do traspaso á Xunta das competencias de tráfico e seguridade, exercidas polo Goberno de España a través da Garda Civil A mesma solicitude de transferencia que en 2008 a Cámara galega aprobou pola unanimidade dos votos do PSdeG e do BNG, na altura socios no Executivo galego de coalición, e do propio PP.

Un dos argumentos que expuñan os populares tanto na tramitación da Lei de Polícia como na solicitude do traspaso das competencias de tráfico é que a iniciativa non era, en rigor, un avance exclusivo do Goberno de socialistas e nacionalistas. A derradeira Xunta presidida por Manuel Fraga xa a impulsara, lembraban. Dun e doutro en impulso veñen de renegar os populares galegos neste 2025 apoiándose nunha iniciativa de Vox no Congreso.

Fragmentos da referencia do Consello da Xunta do 24 de febreiro de 2005, dando conta da aprobación do proxecto de lei de policía CC-BY-NC-SA Praza.gal

Efectivamente, en febreiro de 2005 o gabinete Fraga -vicepresidido por Alberto Núñez Feijóo- enviou ao Parlamento o seu proxecto de Lei de Policía, que non acabou de tramitarse polo adianto das eleccións galegas daquel mesmo ano. As súas liñas mestras, entre elas a armazón xurídica para asumir as competencias de tráfico, quedaron plasmadas en gran medida na norma que si foi aprobada, ao do bipartito en 2007.

"Xamais imos permitir que se bote á Garda Civil de Galicia", clama a deputada ourensá do PP Ana Vázquez, responsable de Interior na dirección estatal do partido, ante unha resposta na que o Ministerio do Interior evidencia que o traspaso das competencias de tráfico encaixa na Constitución se o ampara o Estatuto, como no caso galego

Como tantos outros traspasos, o do tráfico -e con el, o desenvolvemento da Lei de Polícia- foron arrombados polos sucesivos gobernos do PP de Feijóo. Máis aínda dende que en 2010 a unánime petición galega aprobada en 2008 naufragou no Congreso -o PSOE opuxérase e o PP, que cos seus votos podía desequilibrar a votación a prol do "si", abstívose-. 

Anos despois, en 2019 e 2021, o PP accedeu, pola vía da abstención en Galicia, a iniciar unha posible nova petición cando o pediron o PSdeG e o BNG. Pero nesta segunda ocasión a porta aberta pechouse aos poucos días, cando a abstención virou en veto atendendo ás protestas de colectivos de gardas civís e diversas descualificacións da extrema dereita. O veto reeditouse en febreiro deste ano, mesmo botando man de mencións á disolvida banda terrorista ETA, e volve agora en clave de discurso público aproveitando unha pregunta de Vox ao Ministerio do Interior.

Mensaxe da deputada ourensá Vázquez Blanco contra a Policía galega, reproducido na rede social X pola conta oficial do PPdeG este 18 de maio

En febreiro, ao fío dunha noticia en El Debate sobre a devandita petición do Bloque, a formación de extrema dereita preguntou no Congreso ao departamento de Fernando Grande-Marlaska pola súa "posición" a respecto da "proposta do BNG de substituír a Garda Civil por unha policía autonómica en Galicia". A comezos de abril o trasladou a súa resposta, da que se fixo eco Ok Diario este 18 de maio. 

Tanto a Lei de Policía promovida polo Goberno de Fraga en 2005 como a aprobada en 2007 por impulso do Executivo de PSdeG e BNG apelaban ao desenvolvemento do Estatuto para despregar o novo corpo policial e asumir as competencias de tráfico

Aproveitando esa publicación do pasado domingo, a deputada do PP de Ourense Ana Vázquez Blanco, responsable de Interior na dirección estatal do partido, compartiuna nas redes sociais para advertir de que "xamais imos permitir que se bote á Garda Civil de Galicia". "Teranos en contra do desmantelamento da Garda Civil nas nosas vilas", advertiu nunha publicación compartida pola conta oficial do PPde Galicia na que reproducía o titular El Gobierno abre la puerta a echar a la Guardia Civil de Galicia: «La Constitución ampara ese derecho».

E, que di a resposta de Interior? Evidencia que como Ministerio "non pode valorar a vontade política da despregadura dun corpo policial autonómico en Galicia", pero tamén ten "en conta que a Constitución española ampara ese dereito sempre que así o recolla o seu Estatuto de Autonomía". Ao desenvolvemento da previsión estatutaria -concretamente, do artigo 27- apelaba precisamente o Goberno de Fraga en 2005 para lanzar a súa Lei de Policía, cuxa aplicación sería "un feito histórico" para a autonomía. 

Reposta do Ministerio do Interior á pregunta de Vox sobre a iniciativa do BNG a prol da Policía galega CC-BY-NC-SA Praza.gal

En desenvolver o Estatuto apoiouse tamén a lei de 2007, que segue en vigor. E o mesmo as sucesivas peticións de socialistas e nacionalistas, que veñen batendo coa negativa dos populares a aplicala. Porque, en liña co discurso agora reiterado con Vázquez Blanco, o que para o Goberno de Fraga -no que o actual presidente, Alfonso Rueda, era alto cargo- era dotar a Galicia dun "modelo de policía integral" que aumentaría o "benestar social" do país, para a actual cúpula do PPdeG é parte dun plan para "botar á Policía Nacional e á Garda Civil da nosa terra" e, en última instancia, "avanzar cara á independencia". 

Quixo a casualidade que estas consideracións do PP contra o incremento do autogoberno pola vía da vixente Lei de Policía chegasen na véspera de que, este luns, BOG e DOG fixesen oficial o traspaso das competencias sobre a xestión do litoral. Trátase, como é sabido, da primeira transferencia lograda en 17 anos, tamén a primeira dende a fin do Goberno de PSdeG e BNG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.