Outra máis. Como en abril de 2008, por unanimidade en torno a unha proposta do BNG. E como en febreiro de 2019, co voto a prol de toda a bancada da esquerda e coa abstención do PP ante unha iniciativa do PSdeG. O pleno do Parlamento aceptou este martes comezar a tramitar a proposición de lei, formulada outra volta polo Bloque, para pedir ao Goberno de España o traspaso das competencias en materia de tráfico e seguridade viaria.
A asunción polo Goberno galego desta competencia, que xa exercen Catalunya, Euskadi ou Navarra (esta última está a completala) encaixa no actual Estatuto de Autonomía. Implicaría, ademais, unha mudanza ben visible por todo o país, como é o despregamento da Policía galega regulada dende 2007 por unha lei que nunca chegou a ser aplicada.
A iniciativa, formulada polo BNG, retoma unha petición que o Parlamento xa culminara en 2008, pero que fracasou ao chegar ao Congreso dos Deputados en 2010
Non é posible entender o debate desenvolvido este 27 de abril de 2021 no Parlamento sen todos estes antecedentes. Pero, sobre todo, sen o xeito en que finalizou aquela afastada unanimidade de 2008. Cando completou a súa tramitación en Galicia, a petición chegou ao Congreso e alí sería debatida en 2010, cando en Galicia xa cambiara a cor do Goberno e a Xunta volvía estar nas mans do PP. O daquela gobernante PSOE de Zapatero votara "non" e o PP, que co seu voto favorable desequilibraría o resultado a prol do traspaso, optara pola abstención.
Máis dunha década despois daquel traspaso frustrado, e outra volta cun Goberno de España encabezado polo PSOE, os populares galegos permiten que se volva tramitar a petición aínda que non cun voto favorable, senón coa abstención ante a proposición de lei formulada polo BNG. O deputado Luís Bará, que a defendeu no pleno, evidencia que a iniciativa ten tras de si a devandita "longa historia" e "sobre todo, doce anos de parálise do autogoberno durante a presidencia de Núñez Feijóo".
O BNG reprocha que o balance de Feijóo en materia de autogoberno sexa "cero" e o PP retruca que "o compromiso co autogoberno non se mide no número de competencias, senón en firmeza na defensa dos intereses de Galicia"
"Constatamos -resalta Bará- que o balance dos gobernos de Feijóo nesta materia son cero, a nada, o baleiro, a irrelevancia política" nun período en que "Galiza e Murcia foron as únicas" comunidades autónomas "que non recibiron ningunha transferencia". "Unha verdadeira vergoña", lamentou nun contexto no que, lembra, o PP chegou a concorrer ás eleccións xerais de 2019 prometendo "unha moratoria para paralizar a cesión de competencias".
No nome do PP, o deputado Alberto Pazos xustificou que o partido do Goberno permita tramitar a proposta porque "Galicia non renunciará a maiores cotas de autogoberno desde a lealdade ás institucións galegas e españolas" e porque a Xunta está "preparada para asumir" a xestión do tráfico. Non obstante, Pazos traza unha dicotomía segundo a cal "as prioridades dos galegos neste momento on a saúde, a protección social e o impulso económico" e ademais, retruca a Bará, a xuízo do PP "o compromiso co autogoberno non se mide no número de competencias transferidas, senón na firmeza amosada na defensa dos intereses de Galicia" que, cre, exerce Feijóo.
O PSdeG, que formulara unha iniciativa no mesmo sentido en 2019, apoia a proposta "por convicción federalista" e porque "a xestión do tráfico pódese facer mellor dende Galicia"
A iniciativa do BNG si tivo o voto favorable do PSdeG. O seu vicevoceiro, Pablo Arangüena, resalta que o "si" socialista parte dunha "convicción federalista" e tamén da necesidade de "coherencia" fronte "á parálise e ao inmobilismo dun Goberno galego que leva 12 anos sen acadar unha soa competencia". O propio PSdeG, lembra, impulsou esta mesma petición en 2019, aínda que decaeu pola fin da lexislatura. "A xestión do tráfico pódese facer mellor dende Galicia", asevera Arangüena, quen lembra que neste mesmo pleno o PSdeG defende outra iniciativa encamiñada a reactivar o traspaso de ata 30 competencias pendentes.