A Xunta de Galicia ten na actualidade exactamente as mesmas competencias que no verán do ano 2008, cando o Executivo de coalición de PSdeG e BNG rubricou co Goberno de España, na altura aínda presidido por José Luis Rodríguez Zapatero, os traspasos en materia de asociacións, do hospital da Defensa de Ferrol e do Parque das Illas Atlánticas. Comezaba daquela o que acabaría sendo o período máis longo sen novas competencias da historia da autonomía, con Galicia encadeando por primeira vez tres lexislaturas sen novas competencias.
Galicia encadea por primeira vez tres lexislaturas sen sumar novas competencias, o período máis prolongado na historia da autonomía
Esta seca no incremento do autogoberno prodúcese aínda que o partido que dirixe a Xunta dende 2009, o PP, incluíu en cada un dos seus programas electorais (o propio 2009 e despois, 2012 e 2016) a promesa de lograr novas transferencias. Hai unha década facíao para asegurar que se propuñan poñer fin ao bipartito, "un auténtico antídoto do autogoberno de Galicia" polo seu "sometemento a Madrid" que deixaba tras de si apenas unha ducia de "traspasiños menores", resumía o actual vicepresidente Alfonso Rueda.
Pero o certo é que aquela primeira lexislatura rematou sen traspaso ningún. E o mesmo a iniciada en 2012 e a que rematará o vindeiro 12 de xullo deste 2020 cuns comicios para os cales o PP volve incluír no seu programa a promesa de lograr transferencias de competencias. Concretamente, as mesmas ás que se referían os seus programas de 2009, 2012 e 2016 cunha única excepción.
As transferencias prometidas son basicamente as mesmas, pero os populares mudan os argumentos para expoñelas. "O Estado autonómico, no ámbito competencial, está desenvolvido no substancial", sinalan, pero "a debilidade parlamentaria do actual Goberno socialista o ten levado (...) abrir o debate sobre novas transferencias ás comunidades autónomas, algunhas delas de dubidosa constitucionalidade", din.
Afirma o programa do PP que "non aceptaremos que Galicia quede en inferioridade de condicións" pero tampouco traspasos que "poñan en risco a viabilidade de políticas estatais que, precisamente por ser exercitadas de forma centralizada, supoñen un gran beneficio para o conxunto dos españois". Deste xeito, antes de lembrar que competencias "continuaremos demandando", destacan a súa oposición a traspasos como os ligados á Seguridade Social (que avanzan en Euskadi na liña do contemplado no seu Estatuto).
Tras advertir de que non aceptarían traspasos que "poñan en risco a viabilidade de políticas estatais", o programa do PP reitera as peticións de competencias que "foron avaladas polo Parlamento", en referencia aos traspasos pactados na Cámara na lexislatura do Goberno de PSdeG e BNG
No apartado das promesas, o PP volve prometer que, se continúa gobernando tras o 12X, pedirá as transferencias que "foron avaladas polo Parlamento galego". Entre elas, citan algunhas como museos e bibliotecas estatais, arquivos, bolsas de estudo, Inspección de Traballo, servizos meteorolóxicos, varias ligadas á pesca e á ordenación territorial, a sanidade penitenciaria ou as autoestradas AP-9 e AP-53.
O "aval" do Parlamento ao que se refire o programa popular refírese ao paquete de 70 competencias reclamado por unanimidade na recta final da lexislatura do Goberno da coalición de PSdeG e BNG. Tras retornaren ao poder con Alberto Núñez Feijóo á fronte, os populares aseguraron asumir aquelas peticións e clasificáronas en grupos prioritarios, comezando polas que xa comezara a negociar o Executivo de socialistas e nacionalistas e que neste 2020 aparecen expresamente no programa do PP: museos, bibliotecas e arquivos, bolsas de estudo e Inspección de Traballo-. Despois, aseguraran, virían as demais.
Xunto ás competencias xa prometidas dende 2009, o programa do PP cita unha nova: a xestión do ingreso mínimo vital
Alén daquelas promesas, o certo é que as reclamacións fronte ao Goberno central apenas existiron a partir de 2012, cando tomou posesión o Executivo do PP presidido por Mariano Rajoy. Naqueles anos o PP galego asegurara chegar á conclusión de que, en realidade, o incremento do autogoberno pola vía destes traspasos ficara "esgotado". As peticións da Xunta, non obstante, recobraron ímpeto dende mediados de 2018, co retorno do PSOE ao Goberno central primeiro en solitario mediante a moción de censura contra Rajoy e, dende comezos deste 2020, en coalición con Unidas Podemos.
Este é o marco no que o programa electoral do PP galego volve prometer os mesmos traspasos de competencias que nas tres anteriores eleccións galegas agregando unha única nova petición: "a xestión do Ingreso Mínimo Vital". Fano porque "o Goberno socialista recoñeceu que a competencia é transferible a algunha comunidade autónoma", afirman en referencia á xestión por parte de Euskadi e Navarra desta nova prestación, que o Executivo central se abriu a coxestionar co resto de autonomías e mesmo cos concellos mediante a sinatura de convenios a partir de 2021.