Galicia e Murcia son as únicas autonomías de réxime común sen traspasos de competencias na última década

Na última década Galicia non recibiu ningún novo traspaso de competencias CC-BY-SA Foto: Xunta | Mapa: Praza Pública

A aplicación do pacto co PSOE que levou o BNG a apoiar a investidura de Pedro Sánchez dará lugar, sempre e cando sexa cumprido en sentido estrito, a unha situación paradoxal. O primeiro punto do documento implica a "convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias Estado-Xunta de Galicia" no "primeiro trimestre de 2020". Se o pactado torna en realidade, o Goberno galego sentará cunha representación do Executivo de coalición de PSOE e Unidas Podemos nun órgano básico para o autogoberno galego que non se reúne dende os tempos de José Luis Rodríguez Zapatero.

O pacto do PSOE e o BNG para a investidura de Sánchez contempla a convocatoria "no primeiro trimestre de 2020" da Comisión Mixta de Transferencias Galicia-Estado, inactiva dende os tempos de Zapatero

Segundo o acordado por socialistas e nacionalistas, sobre a mesa das sucesivas xuntanzas desa comisión mixta Galicia-Estado terá que estar durante a lexislatura a "totalidade das competencias pendentes recollidas no Estatuto", a comezar polas que xa foron "obxecto de consenso no Parlamento galego". Concretar calquera deses traspasos suporía poñer fin ao período máis prolongado da autonomía galega sen novas transferencias, toda vez que a máis recentes se remontan a 2008. 

Transcorreu, daquela, máis dunha década na que Galicia e Murcia foron as únicas autonomías de réxime común sen traspaso ningún. Un período no que Galicia foi o único dos territorios constitucional e estatutariamente definidos como nacionalidades históricas que non incrementou o seu autogoberno, tal e como recollen as bases de datos do Ministerio de Política Territorial.

Entre as competencias pendentes xa negociadas están algunhas como as bolsas de estudo, bibliotecas, museos, arquivos ou inspección de traballo, que a Xunta chegara a asinar co Estado durante o Goberno de PSdeG e BNG

Alén da autoestrada AP-9, cuxo traspaso depende na actualidade da aprobación definitiva da lei ao respecto que tramita o Congreso, unha das competencias que foron obxecto do devandito "consenso" no Parlamento galego é a das bolsas de estudo. Ese traspaso chegou a ser asinado polo goberno de coalición do PSdeG e o BNG en Galicia co Executivo do socialista Zapatero en decembro de 2008. Naquel pacto ás bolsas de estudo engadíanse os museos, as bibliotecas, os arquivos ou a inspección de traballo, entre outras. 

Apenas tres meses despois, o PP regresou á Xunta e dixo estar disposto a culminar o proceso e mesmo a formular novas peticións de transferencias ao Goberno de España. Ata 70 traspasos posibles. Segundo o popular Alfonso Rueda, actual vicepresidente, PSdeG e BNG apenas lograran unha ducia de "traspasiños", unha práctica "parálise" do autogoberno por mor do seu "sometemento a Madrid". Pero o retorno dos populares ía mudar a situación, prometía. O certo é que non chegou ningunha nova competencia dende aquela.

Argumentos para a parálise e novas peticións tras a moción de censura

Na etapa de Rajoy a Xunta utilizou diversos argumentos para evitar a reclamación de novas transferencias

Nesta década os argumentos ofrecidos pola Xunta e o PP para explicara a parálise na asunción de competencias, varias delas contempladas no propio Estatuto, foron diversas. Ata 2011 centráronse nunha suposta resistencia do Goberno do PSOE a ceder competencias a Galicia dende o retorno do PP á Xunta. De 2012 en diante, con Mariano Rajoy en La Moncloa, o argumento máis recorrente foi a crise económica, agregando en ocasións que o modelo de negociación política para transferir novas competencias estaba "esgotado". Na única excepción, a AP-9, foi o Goberno de Rajoy o que freou a petición.

A actitude dos populares mudou tras a volta do PSOE ao poder en España. Así, por exemplo, en xaneiro de 2019 os populares deron en apoiar unha iniciativa do BNG daban en apoiar unha iniciativa do BNG para reclamar novos traspasos, se ben pouco despois Alberto Núñez Feijóo se apresuraba en aclarar  que ao seu xuízo "España non está para facer transferencias ás comunidades autónomas" por culpa do independentismo catalán, teorizou. 

Dende a saída do PP do Goberno de España, Xunta e populares galegos apoiaron iniciativas para volver reclamar traspasos como o das bolsas de estudo ou o tráfico

Pouco despois, en febreiro de 2019, o PP permitiu coa súa abstención iniciar o proceso para reclamar ao Goberno de España a transferencia das competencias en materia de tráfico, as mesmas que o propio Parlamento galego xa pedira por unanimidade en 2008 como paso esencial para despregar a lei da policía galega do ano 2007. No entanto, ao chegar ao Congreso en 2010, o traspaso fracasara porque o PSOE votara en contra e o PP, que cun voto a prol propiciaría a súa aprobación, preferiu absterse.

Nun sentido semellante, o pasado xullo os populares galegos escenificaban a viraxe outra volta accedendo nesa ocasión a volver pedir as competencias en materia de bolsas de estudo, como propuxo o BNG co apoio do resto da oposición. Agora, tras a investidura de Sánchez e a posta en marcha do novo Goberno de España, o PPdeG afirmaba o pasado luns por boca do seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, que a Xunta estaría disposta a aceptar transferencias que melloren a xestión, pero sempre dende a óptica de non "baleirar de competencias o Estado". Xusto o que, paradoxalmente, pedía abertamente o propio PP galego hai algo máis de 25 anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.