A aposta é clara. Mesmo máis que a formulada polo PP galego hai unha década, cando regresou ao poder na Xunta prometendo rebaixar a presenza da lingua galega no ensino e nos procesos selectivos da Administración autonómica, como finalmente sucedería aínda que por baixo do anunciado en campaña. O programa electoral dos populares para as eleccións xerais do 28 de abril, presentado este luns por Pablo Casado, promete abertamente rebaixar o rango legal dos idiomas oficiais diferentes do castelán e faino mesmo contradicindo varias leis aprobadas baixo gobernos do PP tanto en Galicia como en España.
A promesa de que non teñan "carácter oficial" os os "actos administrativos" en galego se non son traducidos ao castelán contradí en boa medida a Constitución e tamén normas aprobadas polo Executivo de Rajoy en 2015
Xunto á promesa dunha paralización das transferencias de competencias ás autonomías e outras medidas en clave recentralizadora os de Casado anuncian a súa intención de aprobar unha "lei orgánica de uso do castelán como lingua oficial do Estado" e avanzan algúns dos seus contidos. Baixo o epígrafe Comprometidos con el fortalecimiento de la nación aseguran, por exemplo, que "só terán carácter oficial aqueles actos administrativos que se realicen, cando menos, en castelán", polo que calquera texto en galego sen tradución anexa non sería aceptado en ningunha Administración. Aseguran, ademais, que nese novo marco o castelán sería a "única lingua cuxo coñecemento" tornaría en "imprescindible" para "o acceso a un emprego público".
Aínda que o programa electoral non o menciona abonda ollar á lexislación vixente nestes ámbitos para concluír que a realización do plan de Casado traería consigo a desmontaxe de parte do corpo lexislativo que avala a cidadanía para relacionarse coas Administracións públicas en linguas oficiais que non sexan o castelán. Isto é, contradicir en boa medida o espírito do artigo 3 da Constitución e a lexislación que se apoia nel.
A lei do procedemento administrativo fixa o dereito a "utilizar as linguas oficiais no territorio da súa comunidade autónoma" e o Estatuto do emprego público "garante a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio"
No ámbito estatal dúas das leis máis recentes das que o programa de Casado renega pola vía dos feitos proceden, precisamente, da lexislatura na que o PP de Mariano Rajoy gobernou con maioría absoluta. Unha é a nova redacción do Estatuto Básico do Empregado Público, que viu a luz en outubro de 2015. Esa norma fixa entre "os principios de conduta" do persoal ao servizo das Administracións a obriga de "garantir a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio" e que as Administracións deben "prever a selección dos empregados públicos debidamente capacitados para cubrir os postos de traballo nas comunidades autónomas que gocen de dúas linguas oficiais".
Tamén é de outubro de 2015 a vixente lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, é clara no que atinxe aos dereitos da cidadanía a utilizar todas as linguas oficiais ao relacionárense coa Administración, pero tamén a respecto da validez oficial dos escritos redactados en galego, euskera ou catalán. Non en van, o artigo 13 fixa entre os "dereitos das persoas nas súas relacións coas Administracións públicas" o de "utilizar as linguas oficiais no territorio da súa comunidade autónoma" segundo a lexislación vixente.
A lexislación estatal vixente deixa claro que a cidadanía "tamén" pode utilizar nos procedementos administrativos os idiomas oficiais diferentes do castelán
O artigo 15 desa lei detense especificamente no idioma a empregar nos procedementos administrativos. Fixa que a lingua dos procedementos na Administración Xeral do Estado "será o castelán", pero explica tamén que "os interesados que se dirixan aos órganos" da Administración estatal "con sede nun territorio dunha comunidade autónoma poderán utilizar tamén a lingua que sexa cooficial nela". Neses casos "o procedemento tramitarase a lingua elixida polo interesado" e só en caso de conflito o procedemento transcorrerá en castelán.
A lei do procedemento administrativo do ano 2015 detalla deixa tamén claros un dos aspectos aos que atinxe o plan recentralizador de Casado. Nos procedementos administrativos de comunidades autónomas, deputacións e concellos "o uso da lingua axustarase ao previsto na lexislación autonómica correspondente", di a norma. Alén destas leis sectoriais, a Administración do Estado ten outros compromisos aos que axustarse, como a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias
Nas leis galegas
A lexislación galega tamén se vería abertamente cuestionada no caso de que o plan de Casado saíse adiante. A primeira, a lei de normalización lingüística de 1983, aprobada naquela altura por unanimidade durante o primeiro goberno de Alianza Popular -dous membros deste grupo non asistiran á votación, un deles era Rajoy-. Esta norma, entre outros aspectos, evidencia que "as actuacións administrativas en Galicia serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada". Isto é, as comunicacións oficiais en galego son plenamente válidas, igual que as ditadas en castelán.
A lei de normalización lingüística evidencia que "as actuacións administrativas (...) serán válidas e producirán os seus efectos" tanto en galego como en castelán
Ese principio xeral veu sendo aplicado, con maior ou menor intensidade e con máis ou menos eivas, en toda a historia da autonomía. Mesmo cando, tras regresar ao poder en 2009, o PP de Alberto Núñez Feijóo modificou a lei de función pública para eliminar a obriga de realizar cando menos un exame en galego en cada proceso selectivo. Aquela reforma, aínda en vigor, estipula que nas probas selectivas da Xunta e dos concellos "incluirase un exame de galego, agás para aqueles que acrediten o coñecemento da lingua galega" co correspondente certificado.
A lei de servizos públicos do 2015 reitera o "dereito" a relacionarse coa Administración en galego ou castelán e sinala a galega como "lingua de uso normal e preferente" nos procesos habituais da Xunta
Os principios xerais que Casado cuestiona están presentes en múltiples leis galegas. Por exemplo, en tres das máis recentes que regulan a Administración xeral e a súa relación como a cidadanía, como a lei de garantía da calidade dos servizos públicos do ano 2015, a cal evidencia como dereito das persoas usuarias destes servizos o de "utilizar e ser atendidas, segundo a súa escolla, na lingua galega ou castelá". Ademais, agrega que o galego é a "lingua de uso normal e preferente en todas as actividades relacionadas coa organización e prestación dos servizos públicos".
Tamén en 2015 a lei do emprego público, na liña do estatuto básico, fixa a obriga do persoal público de "garantir á atención aos cidadáns na lingua oficial (...) que soliciten" e, para garantila, regula os requisitos lingüísticos para acceder ao emprego público na liña do fixado na lei da función pública. Así, reitera que as persoas que non teñan "acreditado o coñecemento da lingua galega" deben facer "un exame de galego" no marco da oposición. Estas probas, non obstante, adoitan ter unha escasa dificultade.