As mensaxes de precampaña do PP volven colidir coas mensaxes de precampaña... do PP. O Goberno de Pedro Sánchez deu sacado adiante esta semana na Deputación Permanente do Congreso algúns dos seus decretos de contido social e de inevitable arrecendo preelectoral, como o que garante a prolongación dos permisos de paternidade. Para facelo foi crucial o voto do PNV, que á súa vez logrou axilizar as negociacións de catro traspasos de competencias recollidas no Estatuto de Autonomía vasco de 1979, entre elas os relativos aos 77 quilómetros e medio da autoestrada AP-68 que transcorren por Euskadi.
Feijóo cualifica os inminentes avances no autogoberno vasco como unha "discriminación inxustificable para Galicia"
A vindeira semana os gobernos español e vasco sentarán á mesa da Comisión Mixta para avanzar nas transferencias, un feito que serviu para que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volvese alertar do que considera un novo agravio do Executivo do PSOE a Galicia. Entre referencias a Arnaldo Otegi e EH-Bildu, omnipresentes nas súas intervencións públicas dende hai semanas, Feijóo cualificou os inminentes avances no autogoberno vasco como unha "discriminación inxustificable" para Galicia que, lembrou, segue a esperar pola transferencia de competencias sobre a AP-9. Non en van, a Xunta non recibe competencias novas dende hai máis de dez anos.
Casado: "España non pode transferir máis competencias ás comunidades autónomas; isto xa non se aguanta, hai que reforzar a nación"
As protestas de Feijóo, escenificadas dende o atril de San Caetano, cadraban practicamente no tempo cun discurso de precampaña do presidente do PP, Pablo Casado. Celebrábase en Canarias, comunidade autónoma coa que Feijóo apostou esta mesma semana por actuar como lobby de presión ante o Goberno central. Alí, como vén facendo dende a súa chegada ao liderado do partido, Casado reiterou un argumentario en clave nacionalista de xeito máis ou menos xenérico, pero tamén concreto: "España non pode transferir máis competencias ás comunidades autónomas", proclamou nunha mensaxe tamén incluída nas ideas forza da xornada divulgadas dende o propio PP.
E, por que "España" xa non "pode transferir" máis? Porque "isto xa non se aguanta", argumenta. "Somos o país máis descentralizado da nosa contorna", dixo sen máis concreción e por iso "non hai que reforzar ás autonomías, sobre todo ás desleais", senón que hai que "reforzar o Estado", sinalou establecendo unha diferenza entre este e as comunidades autónomas. Porque "hai que reforzar a nación", zanxou.
A década en branco
A realización das intencións de Casado no caso de chegar ao Goberno de España despois do 28 de abril suporían, a efectos prácticos, afondar na parálise do avance do autogoberno que, no caso galego, dura xa unha década. Concretamente, dende as últimas transferencias asinadas polo Executivo de José Luis Rodríguez Zapatero coa Xunta de PSdeG e BNG no verán de 2008.
Dende aquela, pouco máis houbo que xestos e acordos que, agás excepcións, bateron contra o muro do Congreso dos Deputados e do Goberno central. Paradigma disto é o traspaso da AP-9, solicitado tres veces unanimemente polo Parlamento galego e bloqueado durante dous anos polo Goberno de Mariano Rajoy mediante unha utilización forzada do artigo 134.6 da Constitución baseada en estimacións económicas que non se correspondían coa realidade.
A lei do traspaso da AP-9 foi desbloqueada tras a moción de censura e o seu primeiro trámite chegou a ser aprobado no Congreso, pero despois o Ministerio de Fomento arrefriou as expectativas de que a transferencia chegue a concretarse
O bloqueo á lei do traspaso foi anulado polo Goberno de Pedro Sánchez tras a moción de censura que desaloxou a Rajoy e a mediados do pasado decembro o Congreso aprobou cunha folgada maioría -só Ciudadanos se opuxo- o inicio do proceso para aprobala. No derradeiro pleno da lexislatura mesmo foi aprobada, a instancias de En Marea, unha tramitación urxente da iniciativa, se ben pouco despois esta formación recibiu unha resposta escrita do Ministerio de Fomento na que se arrefriaban as expectativas de que o traspaso chegase a concretarse -se é aprobada a lei do traspaso, que seguirá 'viva' no Congreso na vindeira lexislatura, despois Xunta e Goberno central teñen que negociar os termos concretos da operación-.
Todas estas variables conflúen no mapa político ás portas da campaña do 28A. O PP asegura en Galicia queren tantos traspasos como consigan outras autonomías -agora, a vasca- mentres Casado proclama que o tempo das transferencias chegou á súa fin. O PSdeG retruca ás présas de Feijóo advertíndoo de que tivo "sete anos" para acelerar o proceso da man de Rajoy, En Marea e En Común-Podemos aseguran que defenderán a transferencia da AP-9 se obteñen representación e o BNG advirte de que só o seu regreso ao Congreso garante a vixencia desa reivindicación. O período en branco para o autogoberno galego vai camiño dos once anos.