O 14 de outubro de 2016 o Goberno de Mariano Rajoy levaba dez meses en funcións. Case un ano antes o Parlamento de Galicia aprobara por unanimidade unha proposición de lei do BNG para reclamar a transferencia á Xunta das competencias sobre a Autoestrada do Atlántico. E o gabinete de Rajoy comezou a manobrar para vetala forzando o artigo 134.6 da Constitución, que permite ao Goberno de España frear unha lei no Congreso se afecta aos gastos ou ingresos previstos no Orzamento do ano en curso, algo que o texto galego non facía.
Tras dous anos de vetos do Goberno de Rajoy forzando un artigo da Constitución, o gabinete de Sánchez ergueu o bloqueo ao trámite da lei da transferencia, que se debate este 11 de decembro no Congreso
Despois daquel primeiro veto aínda chegarían dous máis do Goberno de Rajoy. Un, contra unha nova versión da mesma lei tamén avalada pola unanimidade do Parlamento galego e outro, contra unha proposta formulada no mesmo sentido por En Marea directamente no Congreso. Os tres vetos do Executivo popular baseábanse en cálculos económicos erróneos ou falsos, suxerían razóns que non se corresponden coa realidade como que a AP-9 conecta con Portugal e, en última instancia, utilizaban o devandito recurso constitucional dun xeito incorrecto e excesivo, como constatarían despois os servizos xurídicos do Congreso.
Tras todos estes sucesos e viraxes, a moción de censura que o pasado maio desbancou a Rajoy atinxiu directamente á lei galega para traspasar a AP-9. Nomeadamente, á aprobada en 2015 en Galicia. O pasado setembro o Goberno de Pedro Sánchez eliminou o veto a que esta lei puidese ser tramitada e o texto chegou á orde do día do pleno do Congreso cun ritmo moito máis acelerado do habitual. Así, este 11 de decembro a Cámara Baixa debaterá e votará a toma en consideración da lei do traspaso da AP-9, trámite indispensable que os de Rajoy teimaran en impedir dado o elevado risco de que saíse adiante.
Unha delegación do Parlamento galego composta por PP, En Marea e PSdeG -por seren as tres forzas con máis representación, algo que contrariou especialmente o BNG, grupo que inicialmente impulsou o texto- defenderá ante o pleno do Congreso a lei para o traspaso. Para tentar suplir esa ausencia no debate, que se inicia ás tres da tarde, durante a mañá a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, reunirase no propio Congreso con representantes dos grupos de PNV, ERC, PDeCAT, Compromís e EH-Bildu para "recabar o seu apoio" á lei galega.
O PP di que agora vota a prol do traspaso porque o Goberno de Sánchez accedeu a transferir a AP-1 a Euskadi
Despois da intervención da delegación galega, os grupos fixarán posición e votarán. O que ten máis escanos,o PP, xa avanzou que agora votará a prol tras impedir durante anos co apoio de Ciudadanos na Mesa do Congreso. Faino, argumentaron os conservadores a pasada fin de semana por boca da súa deputada compostelá Marta González, agora vicesecretaria de comunicación do partido, porque o Goberno do PSOE se amosou disposto a transferir a AP-1 a Euskadi e negarse a facer o propio coa AP-9 a Galicia sería un "agravio". Unha vez mudada a posición, dende o PPdeG o seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, considera que "todos deberíamos estar contentos de conseguir a transferencia da AP-9 e non andar mirando quen ten máis mérito" nela.
Gonzalo Caballero ratificou o voto a prol do PSdeG e En Marea reitera o apoio por ser "transcendental para Galicia"
Pola banda do PSOE, que nas últimas semanas evitara aclarar abertamente o sentido do seu voto, a balanza inclinouse cara ao voto afirmativo. Así, dende Galicia o seu voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, sinalou este luns que agarda un apoio "amplo" á toma en consideración da lei e pouco despois o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, ratificaba o voto favorable tras a xuntanza da Executiva Nacional do partido e contrapúñaa cos "vetos da dereita". "En sete anos de Goberno do PP en España, Feijóo non tivo peso político para convencer ao seu partido de que este era un tema importante para os galegos; houbo que esperar a que chegase un goberno socialista", afirma.
Dende En Marea a súa voceira no Congreso en materia de Fomento, Alexandra Fernández, ratificou tamén o apoio á lei do traspaso por parte do grupo de Unidos Podemos, no que se integra a formación. "É unha decisión transcendental para Galicia" que, ao seu xuízo, cumpriría que viñese acompañada tamén do rescate da infraestrutura -escenario que o texto a debate formula como hipótese-. "O PSOE -advertiu Fernández- ten que demostrar que está a escoitar unha demanda unánime da sociedade galega" nun marco no que, advirte, os "pasos firmes para a transferencia da AP-9" son clave para En Marea cara a "diálogos" posteriores como os dos Orzamentos do Estado para 2019.
Se a lei culmina a aprobación parlamentaria a Comisión Mixta Galicia-Estado concretará os termos exactos do traspaso de competencias, que sería o primeiro dende 2008
Dadas as declaracións dos grupos, todo apunta a que a toma en consideración da lei para o traspaso da AP-9 sairá adiante cunha maioría ampla. Así e todo, hai marxe para a incerteza. Non en van, o precedente máis inmediato dun debate deste tipo no Congreso non é bo. O 7 de setembro de 2010 unha delegación galega defendeu o traspaso das competencias en materia de tráfico e seguridade viaria e a lei chegara de Galicia tamén aprobada por unanimidade. Pero foi rexeitada polo PSOE e o PP, que cun voto a prol permitiría a aprobación, optara pola abstención.
Se finalmente a lei galega supera o primeiro chanzo en pleno isto non significará a aprobación automática da transferencia. Unha vez transcorrido o trámite parlamentario -incluíndo emendas que poden mudar aspectos concretos da lei, como a referencia a un eventual rescate-, se a lei é aprobada definitivamente será o momento do diálogo político entre a Xunta e o Goberno de España na Comisión Mixta de Transferencias Galicia-Estado para concretar os termos exactos do traspaso. No caso de que este acordo chegue, o pacto suporía o primeiro incremento de competencias para Galicia dende o ano 2008.