0 Gardados para despois

Fomento teima en defender o veto ao traspaso da AP-9 a Galicia cun cálculo económico falso

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O prolongadísimo proceso político en torno á transferencia á Xunta das competencias sobre a autoestrada AP-9 entrou nunha nova fase a finais de 2016. Co nomeamento de Íñigo de la Serna como novo titular de Fomento o Ministerio pasou de arrodear o debate con argumentos financieros ou políticos máis ou menos difusos a negarse abertamente ao traspaso reclamado por unanimidade dende o Parlamento de Galicia ao considerar que a competencia debe manterse "onde está", no Goberno de España. Así e todo, cando a Cámara galega redactou a reclamación por segunda vez o departamento encabezado por De la Serna regresou ao camiño que transitara a súa predecesora, Ana Pastor, o dun argumentario financeiro que levou este mércores ao propio ministro a defender o veto nunha resposta parlamentaria a En Marea baseándose nun cálculo económico falso.

Cando o lexislativo galego pediu a transferencia por primeira vez fíxoo nunha lei que contemplaba, a xeito de hipótese, un eventual rescate da concesión. Ese escenario hipotético serviulle ao gabinete de Mariano Rajoy para exercer a capacidade de veto por motivos económicos que lle outorga a Constitución, aínda que con cifras erróneas.

O ministro De la Serna recupera o argumentario económico que non se corresponde co eventual custo real nin co texto da lei aprobada en Galicia por unanimidade

Como avanzou Praza.gal, o Executivo central valoraba o eventual impacto do rescate facendo unha simple multiplicación: a media dos ingresos anuais de Audasa por peaxe polo número de anos que restan ata a fin da concesión, en 2048. Chegaba así á conclusión de que custaría uns 4.300 millóns de euros. No entanto, ese cálculo ignoraba os preceptos da Lei de Contratos do Sector Público e parámetros imprescindibles á hora de valorar unha empresa titular dunha concesión pública, como a parte da concesión xa amortizada e o seu valor actual ou os beneficios da compañía nos últimos cinco anos. Se o fixese, o resultado oscilaría entre 2.500 millóns e 3.000.

Esgrimir estas contas erróneas como resposta á primeira lei torna agora en defensa dun cálculo falso para retrucar á segunda, aprobada conxuntamente en Galicia por PP, En Marea, PSdeG e BNG previo asesoramento do equipo xurídico do Parlamento. Neste segundo intento o Ministerio respondeu cun novo veto á tramitación da lei no Congreso procurando unha nova arquitectura para a negativa a partir doutra hipótese: que, ao asumir as competencias a Xunta podería rebaixar as peaxes e non compensar a través delas as obras de ampliación da autoestrada ou as bonificacións ao custo nalgúns traxectos, o que obrigaría o Executivo central a gastar máis diñeiro, teorizaban.

Alexandra Fernández (En Marea) censura que o Goberno central bota man da "escusa" económica de "forma tan pouco rigorosa" que esgrime "datos inchados e falsos" para bloquear a petición galega

Con este pano de fondo, e despois de que PP e Ciudadanos ratificasen o bloqueo á lei galega o pasado outubro facendo valer a súa maioría na Mesa do Congreso, a deputada Alexandra Fernández cuestionou este mércores a De la Serna sobre se ten pensado "seguir vetando" a transferencia. Na súa resposta á parlamentaria de En Marea o ministro teimou en que permitir que esa lei chegase a votarse e aprobarse suporía "un incremento orzamentario de máis de 4.000 millóns de euros".

O Goberno do PP, lamentou Fernández, utiliza a "escusa" económica "de forma tan pouco rigorosa" que mesmo ignora que "na segunda iniciativa se retirou calquera mención ao rescate" para poder seguir empregando "datos inchados e falsos". En calquera caso, censura, o que transloce esta postura política é un "ánimo recentralizador" que non existiu, por exemplo, cando Catalunya e Euskadi si lograron traspasos de autoestradas. "Considera que somos menos?", preguntou Fernández, quen lamenta que con este "boicot por medo a perder unha votación" o PP estea a "cargarse os principios democráticos" e "a autonomía do Parlamento galego coa complicidade de Feijóo", chegando a "reducir" ambas Cámaras "a unha farsa". Non obstante, advirte, En Marea vén de presentar unha proposición de lei de seu para volver reclamar  no traspaso.

O ministro presume da obra de Rande no inicio do novo corte

"Conseguimos poñer en marcha a ampliación de Rande", di De la Serna ao día seguinte do inicio dos novos cortes para rematar a obra, que se producen tamén durante o día malia a súa promesa hai dous meses de que serían nocturnos

Como adoito, De la Serna contrapuxo o bloqueo ao traspaso co que considera "mostras máis que evidentes do compromiso" do seu departamento con Galicia en xeral e coa mellora da AP-9 en particular. Alén de negar que o PP estea, como acusou Fernández, a "votar a prol de Audasa", o ministro defende que mentres garante que a autoestrada "siga pertencendo ao Estado" impulsa avances como "asumir dende o Estado os gastos nos que viña incorrendo a Xunta" polas bonificacións de peaxes no Morrazo e na Barcala -polos que o propio Ministerio admitiu "enriquecemento inxusto" da concesionaria- e ademais, "conseguimos poñer en marcha a ampliación da ponte de Rande ou a circunvalación de Santiago".

Deste xeito, De la Serna gábase do remate dos traballos na ponte sobre a ría de Vigo vinte e catro horas despois de que regresasen os atascos por mor das obras a este punto da AP-9. A razón, como informou este diario, é que a inauguración da ampliación se produciu sen que os traballos estivesen rematados, labor que agora si se fará e que non finalizará cando menos ata o verán, segundo estima o propio Ministerio. Porén, mentres que o 20 de decembro, nunha visita a Galicia, o propio ministro asegurara que os traballos pendentes para rematar “algunha cuestión do taboleiro central” de Rande se realizarían “en período nocturno”, a realidade é que os cortes de carrís e os desvíos do tráfico están a ser permanentes tamén durante o día.

Desactivar os subtítulos Activar os subtítulos

14/02/2018 | Pregunta de Alexandra Fernández (En Marea) ao ministro de Fomento sobre o traspaso da AP-9

Imaxes tiradas do sinal institucional do Congreso dos Deputados

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

PSdeG e BNG ven a Feijóo "cómplice" da ratificación do veto ao traspaso, que o Parlamento aprobou por unanimidade

A resposta a En Marea que o ministro de Fomento ratificou o veto do Goberno central á transferencia da AP-9, solicitada dende o Parlamento galego en dúas ocasións con senllas leis aprobadas por unanimidade, o resto de forzas políticas da oposición ollaron tamén, como Alexandra Fernández durante o propio pleno do Congreso, directamente cara ao presidente da Xunta. Alberto Núñez Feijóo, din, é "cómplice" dun bloqueo que demostra, ao tempo, a súa "ineficacia".

Leiceaga resalta que o PP anunciou o levantamento ao bloqueo de varias leis nas Cortes, pero mantivo o veto á da AP-9

A xuízo do voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, a ratificación de Íñigo de la Serna "revela o fracaso de Feijóo na súa suposta defensa dos intereses de Galicia", máis aínda porque se produce días despois de que o PP anunciase a súa intención de desbloquear varias leis que, como a da autoestrada galega, tiña paralizadas nas cortes. "A presión da realidade" obrigou o conservadores a poñer diversas leis en marcha, "pero o escaso peso de Feijóo é insuficiente para que esta rectificación chegue á transferencia", lamenta.

Ana Pontón censura o "timo permanente ao noso país", manifestado agora na confirmación no veto e nas inauguración de Rande coas obras sen rematar

Nun sentido semellante a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, coida que os "feitos" acreditan que "o veto á transferencia se fai coa complicidade de Feijóo", a quen tamén culpa de admitir as recentes subas de peaxes mentres o Ministerio de Fomento se dispón a "rescatar" as autoestradas radiais madrileñas. "É un timo permanente ao noso país, xa está ben de tomarnos o pelo coa complicidade" do presidente, censura.

Neste contexto a líder do Bloque resalta que a "enésima tomadura de pelo" ten como escenario a ponte de Rande, onde o tráfico volve estar restrinxido mes e medio despois da inauguración da súa ampliación para, precisamente, rematar os traballos cuxo suposto remate Feijóo e Mariano Rajoy conmemoraron oficialmente en decembro. O BNG, advirte Pontón, pedirá explicacións ao respecto, pero tamén esixe a convocatoria da "famosa comisión bilateral Xunta-Fomento para determinar as responsabilidades" nesta situación e "analiza se é posible emprender accións legais polo feito de que o Goberno recepcione obras inacabadas, poñendo en risco a seguridade viaria e a dos traballadores".