0 Gardados para despois

CRÓNICA | Íñigo de la Serna, o ministro sincero

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Cando, en novembro do pasado ano, Mariano Rajoy outorgou a Íñigo de la Serna a dirección do Ministerio de Fomento o presidente da Xunta aplaudiu que a carteira caese nas mans dun ministro "do norte" porque, argumentou, "non deixa de ser unha garantía de que as comunicacións do norte seguirán sendo unha prioridade". Tras sete anos e medio con titulares de orixe natal ou política en Galicia o departamento das obras públicas do Estado iniciaba unha nova xeira co ata daquela alcalde de Santander, que herdaba de Ana Pastor unha axenda galega encabezada por dous asuntos: a promesa dunha nova data para rematar as obras do AVE a Madrid, dada a imposibilidade de cumprir a de 2018, e a transferencia das competencias sobre a AP-9, que o propio gabinete de Rajoy viña de vetar estando en funcións. En ambas cuestións De la Serna fixo gala dunha pouco habitual sinceridade que impactou de cheo nas expectativas galegas e que os argumentarios da Xunta e do PPdeG tentaron parchear despois con escaso éxito.

Apenas un mes despois de tomar posesión, o 5 de decembro, De la Serna mantivo o seu primeiro encontro institucional con Alberto Núñez Feijóo e nesa xuntanza chegou o primeiro acceso de sinceridade política. O seu departamento non contemplaba o traspaso da Autoestrada do Atlántico e por iso viña de acordar co Goberno galego unha comisión para supervisar a AP-9, as súas obras e cambios en eidos como as compensacións polas rebaixas nas peaxes. E nada máis. Dende a Xunta presentouse este novo organismo como un "histórico" réxime de xestión compartida que foi desinchando nas semanas seguintes e picou de vez na súa primeira xuntanza, toda vez que a comisión se limitou a constatar plans xa previstos.

Un mes despois de tomar posesión De la Serna certificou que non apoiaría o traspaso da AP-9 e substituíao por unha comisión para supervisar a autoestrada coa Xunta

Unha vez marcado o campo de xogo a respecto da autoestrada De la Serna guindouse á poza da sinceridade a respecto do outro gran asunto con repercusión galega: o AVE. Sete días despois de expresar no encontro con Feijóo a vontade de "ser realista e trasladar o que realmente hai" sobre o tren á Meseta o ministro aproveitou unha entrevista en TVE para ofrecer un cirúrxico diagnóstico sobre un dos treitos máis problemáticos da liña, a variante de Taboadela, 17 sinuosos quilómetros ás portas da cidade de Ourense que o gabinete de Feijóo levaba seis anos a presentar como esenciais, pero nos que aínda non se movera unha pedra. "Temos que reflexionar" sobre se "paga a pena facer ese investimento" para reducir "catro minutos" o tempo de viaxe ou, no seu defecto "arranxar a liña convencional" e rematar antes as obras, sinalou.

A rectificación sobre Taboadela que non foi tal

De la Serna e Ethel Vázquez, xunto a cargos do PP na visita ás obras do AVE / PP Ourense

Tras cuestionar a variante de Taboadela o Ministerio emitiu un comunicado cunha suposta rectificación, pero o novo prazo das obras ratificou as verbas do ministro

As palabras do ministro sobre a entrada do AVE en Ourense xeraron un enorme balbordo. Na oposición, pero máis aínda no seo do PP ourensán. Tal foi a contrariedade que ás poucas horas o propio Ministerio emitiu un comunicado presentado como rectificación: a variante de Taboadela íase construír segundo o previsto e ademais, agregaba, tampouco desbotaba a millonaria variante de Cerdedo para levar o AVE da capital ourensá a Vigo sen pasar por Santiago. Así e todo, a rectificación non foi alén desa comunicación aos medios.

Cando, a finais de xaneiro deste ano, De la Serna e Feijóo volveron encontrarse para anunciar a nova data do AVE -fin das obras en 2019 con entrada real en servizo no horizonte de 2020- ese treito ficou fóra do paquete. O que haberá en Ourense será unha solución provisional que Adif encargou o pasado abril e a variante de Taboadela non será realidade ata, cando menos, o ano 2024, segundo admitiu publicamente Feijóo. Mentres gobernou o PSOE no Estado a Xunta do PP reiterou que o AVE a Madrid non estaría completo ata que esa variante non fose unha realidade.

A AP-9 queda "onde está"

Tres días despois de que o Parlamento volvese pedir por unanimidade a transferencia da AP-9 o ministro reiterou que non se producirá

Unha vez fixada a sexta -ou a sexta e a sétima- data para o prometidísimo AVE o ministro De la Serna aínda tivo tempo para volver dinamitar, á mantenta ou non, as ideas forza do PPdeG con relación á AP-9. O pasado mércores o Parlamento volveu aprobar por unanimidade a reclamación das transferencias a través dunha nova versión da lei, redactada coa intención declarada de esquivar os atrancos do Goberno de España. Na liña do avanzado dende a dirección estatal do PP o deputado que interveu no debate no nome dos conservadores, Martín Fernández, advertiu de que culminar o proceso con éxito ía ser "difícil". Esa calculada ambigüidade foi aclarada por De la Serna aos tres días noutro ataque de sinceridade descarnada dende a mesa do Consello de Ministros.

A transferencia non vai ser difícil, vai ser imposible, veu dicir o ministro. A razón é que o Goberno de España non ten intención ningunha de acceder á petición galega por moi unánime que sexa. En poucas palabras: "a titularidade ten que estar onde está", resumiu De la Serna. Á mesma hora, pero a 600 quilómetros de distancia, o número dous do PP galego, Miguel Tellado, gabábase de que o seu partido "pode facer o mesmo discurso a nivel local, autonómico e nacional" fronte ás "desavinzas" que, dixo, caracterizan a esquerda.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Unha excepción chamada Angrois

A sinceridade do ministro De la Serna tornada en torpedeo intencionado ou non ás posicións políticas e promesas do PPdeG tivo, ata o momento, unha excepción tan única como obvia: a posibilidade dunha investigación política e doutra investigación técnica independente sobre o accidente de Angrois, no que faleceron 80 persoas nas proximidades de Santiago o 24 de xullo de 2013.

De la Serna apoiou como alcalde as investigacións sobre Angrois ás que se nega como ministro

Pouco antes de ser nomeado ministro De la Serna uniuse como alcalde de Santander á moción que o pleno da capital cántabra aprobou por unanimidade para dar "apoio expreso" á investigación sobre o sinistro. Fíxoo mentres a dirección do seu partido en Madrid consideraba esa reclamación como "absurda" e "miserable", pero non mantivo o mesmo criterio cando pasou a formar parte do Goberno de España.

Así, a finais de decembro o ministro recibiu unha representación da Plataforma Víctimas Alvia 04155 na que confirmou que non ía apoiar como ministro a reclamación á que se sumara como alcalde. Para xustificar esa negativa o Ministerio de Fomento manipulou datas claves, xa que afirmou por escrito que o apoio do ministro á investigación se producira cando "eran descoñecidos" os supostos atrancos para unha nova investigación técnica, aínda que realmente esas teóricas dificultades xa existían dende dúas semanas antes.