0 Gardados para despois

A segunda lei do traspaso da AP-9 pon a proba a coherencia do PP galego

Redacción | @prazapublica

Un novo intento. O pleno da semana vindeira aprobará por unanimidade a proposición de lei para instar ao Goberno central a impulsar a transferencia da AP-9. Será a segunda vez que se procure e tamén co apoio de todos os grupos do Parlamento galego, o que non importou para que o Executivo de Rajoy boicotease a anterior proposta unánime, baseándose ademais en datos erróneos para xustificar a súa negativa. Desta vez, a Cámara limita as fendas polas que o Executivo de Rajoy podería volver coar a súa negativa. 

A proposición de lei para instar á transferencia da AP-9 será de novo unánime e porá en proba a coherencia do PP

O debate na Cámara do vindeiro martes volverá amosar o apoio de todas as forzas políticas á iniciativa e a segunda lei de traspaso da autoestrada en poucos meses porá a proba de novo a coherencia do PP, xa que mentres o PPdeG mantiña que estaba a favor de impulsar a transferencia, os populares votaban en contra sistematicamente no Congreso sempre que podían, a última das veces non hai tanto tempo. Hai menos de quince días, a comisión de Fomento debateu unha proposición non de lei de En Marea para que se erguese o veto sobre a primeira lei de traspaso e a iniciativa saíu adiante pero co voto en contra do PP, desta vez da man de Ciudadanos. 

O PPdeG mantiña que estaba a favor de impulsar o traspaso mentres o PP votaba sistematicamente en contra contra el no Congreso

É unha historia que vén de lonxe, xa que na anterior lexislatura no Estado o PP opuxérase tamén a unha proposta na mesma liña do BNG, seguindo a tendencia que os conservadores marcaron durante unha última década na que cada petición de traspaso da Autoestrada do Atlántica recibía un 'non' como resposta. Para ratificar o bloqueo imposto por Rajoy, no decembro pasado o novo ministro de Fomento e o presidente da Xunta mantiñan a súa primeira reunión institucional, confirmando a substitución dos anceios dunha transferencia da AP-9 por unha comisión para supervisar a infraestrutura. A Xunta presentara esta fórmula como unha innovadora "xestión compartida", pero a primeira xuntanza non se limitou máis que a constatar plans xa previstos para a autoestrada

A nova proposta da Cámara galega torna en papel mollado os informes legais e económicos do Goberno central contra a anterior lei

A lei que agora se enviará ao Congreso o Parlamento galego desactiva a estratexia do goberno de Rajoy para vetar o traspaso da AP-9. Daquela, enviou ás Cortes un informe con argumentos legais e económicos que a nova proposta torna agora en papel mollado. O Goberno central asentaba entón o seu veto no artigo 134.6 da Constitución, o que indica que calquera modificación legal que implique un incremento do gasto público ou unha diminución dos ingresos "require conformidade do Goberno". Para facelo asentábase nunha das disposicións da lei galega, a que indicaba que no caso de que a Xunta "acordase o rescate da concesión da autoestrada (...) para a súa reversión ao ámbito público", sería a Administración xeral do Estado, a que privatizou a xestión da vía e prorrogou a concesión a Audasa, a que asumiría as "obrigas económicas".

A Avogacía do Estado esgrimía un informe do Ministerio de Fomento baseado, como informou Praza.gal, en cálculos erróneos que inchaban notablemente o custo da eventual operación. Ese hipotético rescate, argumentaban, custaría "máis de 4.300 millóns" de euros. Para chegar a esa cifra baseábanse nos ingresos que, de media, engrosan cada ano as contas de Audasa en concepto de peaxes, uns 130 millóns anuais. Fomento limitábase a multiplicar esa cantidade polo número de anos que restan de concesión -ata 2048-, obviando que a lei de contratos do sector público obrigaría a realizar cálculos máis complexos, ponderando criterios como os beneficios ou o valor da concesión, segundo os cales o rescate roldaría os 3.000 millóns de euros.

A nova proposta elimina o prazo de seis meses para a transferencia e aclara que o traspaso non suporá incremento dos créditos nin diminución dos ingresos previstos nos orzamentos

O novo texto pactado por todos os grupos limita e case inutiliza os argumentos nos que o equipo de Rajoy podería basear a súa negativa. Co asesoramento dos Servizos Xurídicos do Parlamento galego os grupos eliminaron o prazo de seis meses para a transferencia que estipulaba a anterior proposición e ademais explicitan, a través dunha disposición adicional, que "o traspaso efectivo" das competencias "non suporá incremento" ningún "dos créditos nin diminución dos ingresos previstos na lei de orzamentos xerais do Estado en vigor". Isto é, trátase simplemente de que os recursos xa previstos muden de mans.

Ademais, a proposta actual tampouco inclúe a hipótese na que Fomento asentaba a súa negativa, a do eventual rescate da concesión. Así, trátase de que a través da comisión mixta Galicia-Estado e por medio dun real decreto de traspaso a Xunta poida asumir todas as competencias que actualmente exerce o Goberno de España sobre a autoestrada, isto é: o réxime xurídico da concesión, a autorización de novos tramos e reformas dos existentes, a supervisión e inspección, as posibles sancións por incumprimentos da concesionaria, a política de peaxes e as posibles ampliacións ou reducións do período da concesión. O Estado, pola súa banda, asumiría as obrigas económicas que xa estivesen vixentes no momento da transferencia.

O PPdeG di confiar no visto e prace do Congreso e En Marea confía en que "desta vez Feijóo se comporte como presidente de Galicia"

 

"Que Feijóo se comporte como presidente de Galicia"

Desde o PPdeG, o seu voceiro parlamentario, Pedro Puy confía en que agora o Congreso dea o visto e prace á transferencia e asegura que Feijóo xa comezou cos contactos para impulsar o traspaso. Ademais, advirte que a nova proposición de lei busca “superar o obstáculo técnico e formal que puxo o Congreso co texto remitido na pasada lexislatura” para tramitar esta demanda, ao incluír unha carga financeira para o Estado. “A nosa postura é que se debe materializar o traspaso da AP-9”, insistiu. 

Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, confía que desta vez Feijóo aproveite esta “nova oportunidade para se comportar como presidente de Galicia nestes vindeiros cen días, algo que non fixo nos anteriores“. “Ten unha nova oportunidade de acadar de xeito real a transferencia da AP-9“ incidiu en coincidencia co seu hómologo socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, que cre que agora o Goberno central xa non terá escusas aínda que, na súa opinión, debería asumir parte dos custos. 

O BNG espera "que o PP non volva traizoar a Galiza votando aquí unha cousa e en Madrid, a contraria"

Desde o BNG, pola súa banda, a portavoz parlamentaria Ana Pontón espera "que non se volva repetir o triste final da anterior tentativa, que Feijóo se faga respectar como presidente deste país e que o PP non volva traizoar a Galiza votando aquí unha cousa e en Madrid, a contraria”. A tamén voceira nacional asegurou que para o Bloque a transferencia “é o primeiro paso” para acabar coa estafa legalizada das peaxes, e volveu pedir ao presidente da Xunta que explique “como é posible que haxa miles de millóns para rescatar as radiais madrileñas, sen que iso desequilibre as contas do Estado, pero non haxa un euro para rescatar os galegos e as galegas do abuso do abuso das peaxes da AP-9”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.