Eterno retorno. En abril de 2008 o pleno do Parlamento aprobou por unanimidade remitir ao Congreso dos Deputados a solicitude do traspaso de competencias sobre tráfico e seguridade viaria, o que na práctica suporía o despregamento da policía galega creada por lei un ano antes. Cando as Cortes debateron a petición galega, dous anos despois, o gobernante PSOE votou en contra e o PP, que cun voto a prol podía desequilibrar a balanza, optou pola abstención. O proxecto galego decaeu.
O Parlamento xa pediu este traspaso no ano 2008 e, cando en 2010 foi debatido no Congreso, a proposta decaeu polo voto en contra do PSOE e abstención do PP
Case once anos despois daquela última gran frustración do autogoberno galego antes de ficar conxelado, o Parlamento galego vén de abrir a porta a formular outra volta esa petición e a facelo nun contexto de incerteza política moito maior ao de hai unha década. En 2008 o PP, na oposición en Galicia, votara a prol de solicitar ao traspaso ao Goberno de España do PSOE, como propuña o BNG en coordinación co seu daquela socio de Goberno, o PSdeG.
Desta volta quen o propoñen son os socialistas co voto a prol do resto da bancada esquerda da Cámara. O PP, contra prognóstico, optou pola abstención no debate de toma en consideración, permitindo comezar a tramitar a lei. En caso de chegar a aprobarse definitivamente a petición xa iría dirixida ao Executivo central posterior ás eleccións do 28 de abril.
A abstención do PP permite comezar a tramitar a proposta do PSdeG, apoiada tamén por En Marea e BNG
O PSdeG decidiu recuperar este debate nas últimas semanas despois de que, en pleno xiro recentralizador do PP de Pablo Casado, os populares desen en apoiar unha iniciativa do BNG que esixía novas competencias para Galicia tras dez anos sen lograr ningunha, aínda que o propio Alberto Núñez Feijóo matizou ese apoio pouco despois. Esta, defendeu Xoaquín Fernández Leiceaga, sería unha transferencia "útil" para adaptar a regulación do tráfico ás peculiaridades da rede viaria do país, ademais de para despregar a policía galega e, ao tempo, para facer unha "defensa radical de ideas moderadas como é o Estado Autonómico" como "mellor garantía de enfrontarnos aos riscos que nos ameazan" dende os "extremos" do espectro político, defendeu.
O PP non considera "prioritario" o traspaso e acusa o PSdeG de volvelo propoñer para "dar cobertura aos 21 puntos do señor Torra"
Pola banda do PP a intervención do deputado Martín Fernández Prado facía intuír un voto en contra máis que a abstención que finalmente se produciu. Segundo os populares a transferencia de tráfico non é "prioritaria", xa que para "empezar a falar de autogoberno" co Goberno de España tras dez anos de parálise o que cómpre "priorizar" é a transferencia da AP-9 "sen custos extras" para a Xunta, mellorar os Orzamentos do Estado e "completar" o cadro de persoal da Unidade de Policía Adscrita á Xunta (a alcumada como Policía autonómica, que precisaría 100 axentes máis para completar os 500 que pode chegar a ter). Así e todo, os conservadores cren que o PSdeG volve defender este traspaso para "tapar" outros "intereses partidistas" como "dar cobertura aos 21 puntos do señor Torra", teorizou, en referencia ao presidente da Generalitat catalá.
Tanto En Marea como BNG votaron a prol da tramitación dunha petición que, coa abstención do PP, inicia percorrido parlamentario sen garantías de chegar a ser enviada ao Congreso e, no caso de que o sexa, condicionada ao xogo de maiorías que saia das urnas o 28-A. Segundo Leiceaga, cómpre aproveitar a "sensibilidade" do Goberno de Pedro Sánchez a respecto do autogoberno e non secundar o programa "recentralizador" de Casado. Matiza, non obstante, que o PSdeG non está en condicións de "garantir" o apoio do PSOE no Congreso se o trámite chega a completarse. "Ímolo tentar", promete.