Nunca pasara. Esta semana o Parlamento galego da IX Lexislatura ficou disolto e co decreto do presidente da Xunta que lle botou, formal e politicamente, o ferrollo a este período. Por segundo mandato consecutivo os poderes lexislativo e executivo de Galicia rematan a súa actividade ordinaria antes dunhas eleccións sen sumaren unha soa competencia nova pola vía dos traspasos dende o Goberno de España. É a primeira vez que se dá esta circunstancia en toda a historia da autonomía e sucede sete anos despois de que o actual equipo de Goberno chegase, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, anunciando a reactivación das transferencias tras tres anos de medio dun bipartito ao que o PPdeG definiu en 2009 como "antídoto do autogoberno".
No derradeiro treito da lexislatura do Goberno de coalición de PSdeG e BNG os tres grupos que daquela formaban a Cámara galega consensuaran un paquete de 70 traspasos que consideraron prioritarios. Cando os conservadores retornaron ao poder o equipo de Feijóo marcou dous grupos prioritarios: un que xa comezara a negociar o bipartito -museos, bibliotecas e arquivos, bolsas de estudo e Inspección de Traballo- e outro de dez competencias entre as que destacaban algunhas que son xa demandas históricas, como a da autoestrada AP-9, xunto a outras como a meteoroloxía e varias no ámbito marítimo. Todo isto, asemade, nun contexto no que o programa do propio PP prevía reintentar a reforma do Estatuto de Autonomía.
Tras fixar dous paquetes prioritarios de competencias o PP e a Xunta deron o proceso de transferencias por esgotado e subliñaron que "blindan" o autogoberno co cumprimento do déficit
Malia a esta fixación de prioridades o primeiro treito do Goberno de Feijóo mantivo o balance de traspasos en branco e dende o PP atribuíuse esta circusntancia á "falta de sensibilidade para con Galicia do Goberno socialista". No entanto, a finais de 2011 os populares chegaron ao Goberno de España e a situación non mudou. Así foi como se pechou a primeira lexislatura de Feijóo e a mediados da segunda, en 2014, o seu voceiro parlmaentario, Pedro Puy, daba o proceso de transferencias por esgotado. "Houbo un momento no que as comunidades impulsaban o autogoberno mediante traspasos", pero "agora o que cómpre mara manter o autogoberno é manter a solvencia da comunidade autónoma", sinalaba. Nesta liña, o propio presidente reiterou en diversas ocasións que as competencias galegas estiveron "blindadas" durante a crise grazas ao cumprimento dos obxectivos de déficit e á estabilidade orzamentaria, que impediu a intervención do Ministerio de Facenda nas contas galegas.
Mentres o contador das transferencias cara a Galicia segue parado en 154, durante a lexislatura de Rajoy en La Moncloa si avanzaron os doutras autonomías, aínda que timidamente. Atendendo aos datos da Secretaría de Estado de Administracións Públicas dende o ano 2011 e ata as eleccións xerais de decembro de 2015 o Estado transferiu ata 16 competencias a sete gobernos autónomos. A que máis traspasos recibiu foi Castilla y León, con catro, seguida por Andalucía e Canarias con cadandúas tres novas competencias. Balears e Madrid sumaron dúas cada unha e a Comunitat Valenciana e Castilla-La Mancha, unha.
A posición do PPdeG na oposición
A ausencia de transferencias nestes oito anos contrasta notablemente cos plans trazados por Feijóo ao chegar ao poder pero, sobre todo, cos formulados inmediatamente antes, nos meses previos ás eleccións galegas de 2009. Daquela, despois de que Emilio Pérez Touriño convocase as eleccións o actual vicepresidente da Xunta -responsable directo das Relacións Institucionais-, Alfonso Rueda, sinalaba na súa calidade de secretario xeral do PPdeG e xefe da campaña de Feijóo que "os feitos" permitían "demostrar" que "o bipartito en xeral e [Anxo] Quintana en particular" -o na altura líder do BNG ostentaba as competencias neste eido- se comportaron como auténticos antídotos do autogoberno de Galicia".
O PP considerou o bipartito un "antídoto do autogoberno" por lograr só "14 traspasiños menores" que acreditaban, ao seu xuízo, "sometemento a Madrid en materia de autogoberno"
Malia a formular a asunción das devanditas 70 competencias, censuraba Rueda, socialistas e nacionalistas pechaban a lexislatura con "14 traspasiños de asuntos menores" -as transferencias logradas polo bipartito foron 12- fronte "a unha media de 23 traspasos en cada unha das anteriores lexislaturas". Por culpa do bipartito, acusaba, Galicia non tiña "nin Policía Autonómica, nin competencias en materia de tráfico por estrada" porque "non foron uncluídas nese paquete de traspasiños". Isto, afirmaba, convertía "a Galicia na única comunidade autónoma que non conta con competencias policiais propias, a diferenza do que acontece en Catalunya, o País Vasco e mesmo Navarra" e malia contar cunha lei de policía en vigor dende 2007. Aquela lexislatura, confluía, foran "catro anos de sometemento a Madrid en materia de autogoberno".
A competencia de tráfico foi, precisamente, unha das que Galicia non deu logrado nesta lexislatura. A petición unánime da Cámara galega foi rexeitada en 2010 polo Congreso dos Deputados -o daquela gobernante PSOE votou en contra e o PP, cuxo voto favorable permitiría a aprobación, optou pola abstención- e o resto de transferencias non chegaron a abordarse. O mesmo sucedeu coa reforma do Estatuto; tras anunciar Feijóo, xa como presidente, a presentación dunha "completa iniciativa de reforma do Estatuto de Autonomía" esta foi sendo adiada ata que en 2013, tras revalidar o poder, o propio presidente a desdeñou.