Regreso ao traspaso do tráfico, a última frustración do autogoberno galego antes de ficar conxelado

Control da Policía adscrita á Xunta de transporte de produtos lácteos procedentes de Portugal en 2017 CC-BY-SA Xunta

A comezos de abril de 2008 o Parlamento aprobou por unanimidade o proxecto de lei para solicitar, a través do Congreso dos Deputados, a transferencia a Galicia das competencias en materia de tráfico e seguridade viaria. Na práctica, ese traspaso suporía o despregamento da Policía galega regulada por lei dende un ano antes, remudando en boa medida o labor da Garda Civil neste eido. Aquel amplo acordo tornou na última frustración en materia de autogoberno, conxelado durante toda a seguinte década, e o traspaso do tráfico regresa agora ao debate político galego sen que, a priori, existan elementos obxectivos que conviden a pensar na súa aprobación.

A unanimidade galega de 2008 sobre a transferencia do tráfico esmoreceu ao chegar ás Cortes, onde en 2010 PP e PSOE impediron a súa aprobación

Como noutras ocasións, a unanimidade sobre a transferencia de tráfico esmoreceu en canto chegou ás Cortes. Os ritmos do Congreso dos deputados provocaron que o debate propiciado por Galicia en 2008 non se celebrase ata setembro de 2010. Quen desbrozara as negociacións co Goberno de Zapatero, Anxo Quintana (BNG) xa non era vicepresidente e o membro do PSdeG na delegación galega para defender o texto, Xoaquín Fernández Leiceaga, xa non representaba a forza que ostentaba a presidencia da Xunta. Facíao Pedro Puy, que substituíu a Jesús Palmou como integrante popular na delegación.

Tanto Puy como Leiceaga tiveron que ver dende os escanos do Congreso como cadansúas forzas tombaban a petición unánime do Parlamento galego. O PSOE, que aínda ostentaba o Goberno de España, votou en contra ao non ver necesario dar luz verde a esa transferencia para o novo Executivo de Núñez Feijóo. O PP, que podía desequilibrar a balanza a prol do "si" -os de Zapatero non tiñan maioría absoluta-, optou pola abstención porque non creu necesaria a transferencia, segundo dixo. A lei galega foi tombada e a reclamación pasou á gabeta, como as demais transferencias pendentes e mais a reforma do Estatuto.

Quintana, Leiceaga e Puy, no debate sobre o traspaso do tráfico a Galicia, en setembro de 2010 no Congreso © Congreso dos Deputados

Retorno en pleno xiro recentralizador de Casado

O retorno do debate neste inicio de 2019 ten como pano de fondo o xiro recentralizador que a dirección estatal do PP está a escenificar dende o ascenso á presidencia de Pablo Casado. Este é o contexto no que, a pasada semana, o PP galego deu en apoiar unha iniciativa parlamentaria do BNG para reclamar o reinicio das "transferencias xa reclamadas" ao Estado e "aquelas novas" que a Xunta considere "convenientes", tendo en conta as que se negocien ou poidan negociar con outras autonomías.

A oposición galega proponse furar nas contradicións dos populares propiciando unha votación sobre a reclamación das competencias de tráfico na que En Marea, PSdeG e BNG votarán a prol

Na mesma sesión desa votación, que xerou un amplo balbordo político e mediático, dixo "si" a esa reclamación xenérica de competencias, pero dixo "non" a outra petición moito máis concreta, tamén do Bloque, que reclamaba o despregamento completo da lei de policía de 2007,  o que implica o traspaso do tráfico. Tras ambas votacións Feijóo deu en explicar que ao seu xuízo non é momento de traspasos por culpa de Catalunya, pero que se os gobernos vasco e catalán os reciben, el tamén os vai pedir.

Neste contexto, a oposición galega proponse furar nesas contradicións e conflitos internos do PP a respecto do autogoberno e, concretamente, da competencia do tráfico. Así, o PSdeG xa anunciou a súa intención de rexistrar decontado unha proposición de lei para "acadar esa transferencia como primeiro paso para recuperar a axenda de transferencias que iniciou o presidente Touriño". Tanto En Marea como o propio BNG xa evidenciaron o seu voto favorable, o que deixaría ao PP só no "non". O traspaso desas competencias está a ser negociado actualmente entre o Goberno de España e o Goberno de Navarra, conversas que o PP está a vincular a unha suposta "claudicación" ante o "separatismo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.