A finais do pasado xaneiro ou, o que é o mesmo, no inicio do undécimo ano dende a chegada a Galicia dos últimos traspasos de competencias dende o Goberno de España, o PP galego deu o que semellaba un xiro na materia. Nunha das comisións parlamentarias cuxos debates adoitan pasar desapercibidos os conservadores daban en apoiar unha iniciativa do BNG para reclamar novos traspasos. Concretamente, as "xa reclamadas" hai unha década e "aquelas novas" que a Xunta considere "convenientes". O grupo que sustenta o Executivo de Alberto Núñez Feijóo pretendía con este movemento alentar a tese dun suposto agravio a Galicia por parte do Goberno de España para beneficiar a Catalunya, pero deu en reactivar, sen querer, o debate sobre a parálise do autogoberno.
O apoio do PP a unha iniciativa do BNG a prol de novas competencias foi lido como unha nota discordante en pleno xiro recentralizador de Pablo Casado. Feijóo tentou reconducilo, pero o debate xa alentara
Aquela votación xerou un ruxerruxe que foi alén da política galega. Dalgún xeito, o PPdeG recuperou o manual da confrontación co Goberno central empregado exitosamente nos tempos de Zapatero. Pero agora, en pleno xiro recentralizador da cúpula de Pablo Casado, a reclamación de novas competencias por parte dun líder territorial do PP soou a nota discordante. Neste contexto Feijóo apresurouse en subliñar que ao seu xuízo "España non está para facer transferencias ás comunidades autónomas" pola "deslealdade de Catalunya". O PP galego só pedía, dixo, por se os gobernos vasco ou catalán logran novos traspasos.
Pero, con aclaración ou sen ela, o debate xa revivira. Ou, cando menos, xa volvera alentar. O PP tentou reconducilo por boca do propio presidente, que antes de iniciar unha viaxe oficial de cinco días aos Estados Unidos asegurou que non ía permitir "ocultar" por tras do "veo das competencias" a "falta de respecto" que ao seu xuízo supón para Galicia o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado formulado polo Goberno de Pedro Sánchez, nos que a caída do investimento territorializado cae no caso galego un 19% interanual -a Xunta elevou esa cifra nun comunicado oficial a un 30%, sen especificar a fonte do dato-.
Tras múltiplas declaracións cruzadas, boa mostra desa reactivación será o vindeiro pleno do Parlamento, no que todos os grupos da oposición forzarán o PP, con diferentes iniciativas, a votar "si" ou "non" ao incremento do autogoberno. Para o voceiro de En Marea, Luís Villares, cabe anticipar que a resposta será "non" porque Feijóo exercerá de "presidente veleta, que antes miraba o vento segundo lle viña de Madrid e agora, segundo lle vén de Andalucía. "Que pouco lle durou o disfrace de autonomista", ironiza Villares, dende cuxo punto de vista "Abascal e Casado deberon darlle o toque" e, de aí, os múltiples matices posteriores á reivindicación inicial de máis traspasos.
En Marea, PSdeG e BNG forzan votacións no Parlamento para que o PP teña que optar polo "si" ou o "non" a respecto de traspasos concretos de competencias pendentes
A recuperación do paquete de 70 competencias acordado por unanimidade hai unha década no propio Parlamento debera, a xuízo do voceiro de En Marea, ser o inicio da reactivación duns traspasos que o voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, avanza que tamén serán apoiados pola banda socialista. Feijóo, di Leiceaga, "tennos afeitos a facer declaracións nun sentido e a actuar na dirección contraria" e esta é unha mostra máis. Por iso, subliña, o PSdeG forza unha votación sobre a reclamación das competencias en materia de tráfico, fracasada en 2010. Trátase de saber se a vontade do presidente é real ou se segue tendo a mesma "alerxia ao autogoberno" que cando "bloqueou a reforma do Estatuto de Autonomía" en xaneiro de 2007, conclúe.
Pola banda do BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, tampouco cre que Feijóo realmente queira competencia nova ningunha, máis aínda despois de que contrapuxese a cuestión das competencias co rexeitamento ao proxecto orzamentario de Pedro Sánchez. "Houbo un tempo no que o PP presumía de ter un presidente ao que lle cabía un Estado na cabeza; a Feijóo non lle pedimos tanto, pero si, como mínimo, que sexa capaz de defender dúas iniciativas a favor de Galiza" ao mesmo tempo, afirma: "Conseguir máis investimentos nos Orzamentos do Estado e, cando menos, as mesmas competencias que Euskadi e Catalunya".
Puy mantén que "o PP está onde sempre estivo" e di concordar con Feijóo en que o debate competencial realmente é unha "cortina de fume" para tapar o que acontece cos Orzamentos do Estado
"Ou ben Feijóo é un incompetente en termos políticos para defender os intereses deste país ou o señor Casado xa lle tirou das orellas e deu ordes de que non tocan máis competencias", sinala a líder nacionalista que lembra que o Bloque tamén forzará votacións concretas ao respecto. Comezará, nomeadamente, cunha proposición de lei para reclamar as competencias en materia de salvamento marítimo.
Mentres, o PP, asegura por boca de Pedro Puy que non existiu mudanza nin matiz ningún. "O PP está onde sempre estivo, na defensa do autogoberno dentro da Constitución e de acordo co que prevé o Estatuto", afirma o voceiro parlamentario dos conservadores, quen di concordar co presidente en que o debate reaberto sobre as transferencias é, en realidade, unha "cortina de fume" para "tapar" o que acontece en torno aos Orzamentos Xerais do Estado.