O Goberno de España tramita dende a pasada semana no Congreso dos Deputados o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado. No que atinxe ao investimento previsto en Galicia a cantidade orzamentada, 757 millóns de euros, é por segundo ano consecutivo a menor en 15 anos cunha caída porcentual do 19%, a cuarta máis pronunciada da década, na que en cinco ocasións descendeu a previsión de investimento para Galicia con relación ao ano anterior, mentres que noutras cinco aumentou levemente.
Como nos anos previos, a causa fundamental da senda descendente é o remate das grandes partidas para o AVE sen que haxa novos proxectos tan custosos
Como nos anos previos, a causa fundamental desta senda descendente é o remate das grandes partidas para a construción da liña de alta velocidade ferroviaria Madrid-Galicia sen que haxa proxectos novos que, nin de lonxe, sexan tan custosos. Ademais, obras aínda pendentes seguen a ter unha programación plurianual prolongada.
Con estes números como pano de fondo e ás portas do que se prevé como unha dura precampaña para as eleccións municipais de maio, o PP galego aférrase ao dato da caída do 19% e combínao co incremento previsto dos investimentos para Cataluña -un 52%, o terceiro maior do Estado- para alentar a tese dun suposto agravio de Catalunya a Galicia. Así, en varios eventos preelectorais os populares galegos afirman sen citar máis cifras concretas que a devandita caída que, en realidade, o orzamento que diminúe en Galicia é desviado a Catalunya.
Nos últimos días o PPdeG afirmou que Pedro Sánchez dá "os cartos" de Bergantiños, Santiago ou Betanzos "aos separatistas"
Esta tese está a ser especialmente axitada polos conservadores galegos na provincia da Coruña. O presidente provincial da formación, Diego Calvo, tamén membro da cúpula que encabeza Pablo Casado, repetiu nos últimos días adaptando a mensaxe a cada localidade ou comarca a teoría do suposto desvío. "Pedro Sánchez dálle os cartos de Bergantiños aos separatistas", afirmou o 21 de xaneiro en Carballo. "O diñeiro que perdeu a comarca de Santiago serve para pagar favores aos separatistas cataláns", enfatizou o 18 do mesmo mes en Santiago. "Nos preguntamos en que investirán os cataláns os nosos cartos", proclamou o día 17 en Betanzos.
Na mesma liña o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmaba este mércores en rolda de prensa que Galicia está a ser vítima dunha "discriminación" para "beneficiar aos independentistas cataláns". Por iso, anunciou, van presentar mocións nos concellos para como "rexeitamento aos Orzamentos de Sánchez". Con esta declaración, de tipo simbólico e sen vinculación ningunha, procurarán trasladar á esfera local o discurso do agravio a respecto de Catalunya, do que ademais responsabilizan a gobernos municipais como os da Coruña ou Santiago.
O investimento previsto en Galicia e Catalunya
Estas declaracións prodúcense nun contexto no que tan certo é que o investimento previsto en Galicia descende como que as cifras orzamentadas para Galicia levan tres exercicios por baixo das proxectadas para Catalunya, o mesmo que sucedera durante toda a década anterior. Pola contra, de 2012 a 2016, anos de intenso devalo do investimento estatal en Cataluña, as previsións para Galicia si estiveron por riba. No caso concreto do proxecto de 2019, o descenso da previsión galega (-180 millóns con relación a 2018) non é nin un terzo do incremento catalán (+701 millóns).
Fronte ao argumentario dos populares a respecto do suposto transvasamento de diñeiro de comarcas galegas a investimentos cataláns, tanto o Goberno central como o PSOE, que o sustenta, veñen subliñando nas últimas semanas a necesidade de ter en conta o perfil "social" das contas do Goberno central. Tamén o impacto que terán en Galicia en ámbitos como a atención ás persoas en situación de dependencia ou o incremento das pensións.
Dende o Goberno central ponse o acento no perfil "social" das contas, pero tamén en que boa parte do orzamentado polos Gobernos do PP para Galicia nos últimos anos realmente quedou sen gastar
Ademais, cargos como o delegado do Executivo de Sánchez, Javier Losada, advirten dunha diferenza a respecto de anteriores exercicios. Boa parte do orzamentado polo Goberno de Rajoy nos últimos aos para Galicia quedou realmente sen executar, sen gastar. O diñeiro estaba "pintado" pero gran parte nunca pasou do papel, resaltan.
Para lanzar esta afirmación poñen o foco no departamento máis investidor do Estado, o denominado "grupo Fomento", isto é, o Ministerio de Fomento e os entes que dependen del, caso de Renfe, Adif ou Adif Alta Velocidade -estes últimos responsables do groso das obras no AVE e, daquela, dos maiores investimentos en Galicia no que vai de século. Así, por exemplo, os datos máis recentemente coñecidos, no ano 2017, amosan que de case 900 millóns de euros previstos, apenas foron executados 480.
Tal e como reflicten os anuarios estatísticos do propio Ministerio de Fomento, o ano 2017 non foi unha excepción. Ben ao contrario, é unha tendencia que se remonta a, cando menos, un lustro no que, como xa informara Praza.gal, o propio Goberno de España admitira a caída en picado do seu investimento real en Galicia moi especialmente no ano 2016, condicionado pola repetición das eleccións xerais. Así o constatan tamén os datos de execución orzamentaria da Intervención Xeral do Estado que, dende o ano 2015, abranguen a todo o sector público estatal, tamén ás empresas como Adif.
O gráfico sobre estas liñas reflicte a evolución destes indicadores dende o ano 2009, cando o investimento previsto para Galicia chegou ao seu máximo histórico cadrando coa execución simultánea das obras do AVE do Eixo Atlántico e a Madrid.