O investimento do Estado en Galicia volve baixar en 2019 polo remate das principais obras do AVE

A ministra de Facenda e integrantes do seu equipo, no Congreso para presentar os Orzamentos do Estado de 2019 © Congreso dos Deputados

A proximidade de remate do AVE fai que os investimentos previstos para Galicia volvan caer, pasando de 936 millóns en 2018 aos 757 de 2019

Dous meses e medio antes que nos dous últimos anos, nos que o Goberno de Mariano Rajoy non entregou ata abril os seus Orzamentos Xerais do Estado ao Congreso para a súa tramitación, pero con similar incerteza sobre a súa posterior aprobación definitiva pola falta de apoios parlamentarios, este luns o executivo de Pedro Sánchez presentou na Cámara baixa as súas contas para este 2019. Como nesas ocasións anteriores, e á espera de que o PSOE concrete os apoios que precisa de Unidos Podemos e as súas confluencias e mais dos grupos cataláns e vascos, o principal investimento que nos últimos anos atraeu o groso da atención política en Galicia, o AVE, está garantido non só porque xa está a piques de rematarse senón pola marxe de manobra independente dos orzamentos que ten Adif para as obras xa iniciadas. 

A alta velocidade non depende dos apoios que o PSOE capte para as contas; o resto de proxectos, si

Esa proximidade de remate do AVE fai, por cuarto ano consecutivo, que os investimentos territorializados totais para Galicia volvan caer por baixo dos 1.000 millóns, pasando dos 936 millóns das contas de 2018 aos 757 millóns agora previstos para 2019, un 19% menos que no ano previo e unha terceira parte dos 2.100 millóns que se chegaron a orzamentar hai unha década, en 2009, dos que máis da metade ían destinados á alta velocidade. Canto ao resto de actuacións, como a aposta de Fomento polo mantemento e a seguridade ou o incremento notable das partidas de medio ambiente, si estarán condicionadas a que o PSOE obteña os apoios que precisa para aprobar estas contas.

Malia que o groso do AVE entre Galicia e a Meseta xa está na súa fase final, coa expectativa de que entre en servizo en 2020, as actuacións ferroviarias seguen a ser o destino principal dos investimentos do Estado en territorio galego. Canalízanse a través de Adif, que sen os orzamentos aprobados non pode iniciar obras novas ou modificar as xa iniciadas, pero que pode seguir obtendo financiamento para os traballos que xa estean en marcha, como se encargou de salientar hai un ano, cando as contas que estaban en dúbida eran as do PP.

Alén do AVE destaca o incremento para os accesos ferroviarios ao porto exterior de Ferrol e o paso de 2 a 10 millóns para a antiga FEVE de Ferrol a Ribadeo

Adif prevé destinar este 2019 uns 246 millóns na provincia de Ourense e 167 millóns na de Zamora, onde outra empresa pública de Fomento (Seittsa) tamén contempla outros 54 millóns. Ademais, Adif tamén prevé xa para este 2019 destinar 18 dos máis de 600 millóns en que cuantifica o treito final entre Taboadela e Ourense, no que aínda non se moveu unha pedra e no que de xeito provisional os trens AVE seguirán a empregar inicialmente a vía actual adaptada.

Como proba de que o groso da liña de alta velocidade á meseta está case rematada, para un ano máis tarde, 2020, o investimento na provincia de Ourense caerá dos anteditos 246 a uns 20 millóns, contía similar aos 27 millóns que seguen estando consignados para o Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo, rematado hai máis de tres anos pero onde aínda están pendentes diversas melloras técnicas. 

En materia ferroviaria outros investimentos significativos van destinados ao acceso ao porto exterior de Ferrol, cuxa partida pasa dos 11 millóns de 2018 aos 27 previstos para 2019. Ou o incremento aínda maior que supón pasar dos 2 millóns consignados o ano pasado para melloras na antiga liña de Feve entre Ferrol e Ribadeo aos 10,7 millóns contemplados nas novas contas. 

Á marxe do tren Fomento prioriza obras de mantemento e seguridade; o investimento en obra nova concéntrase en treitos de autovía xa en marcha, como a de Santiago a Lugo

Á marxe do tren, o Ministerio de Fomento reduce o seu investimento total en Galicia de 187 a 141 millóns e prima nel actuacións de mantemento e mellora da seguridade viaria, que se multiplican, concentrando o investimento en novas obras só nos treitos de autovía xa en marcha. Así, consigna 27 millóns para rematar os treitos entre Lavacolla e Melide da autovía A-54 entre Santiago e Lugo, mentres que entre Melide e Palas, cos traballos máis atrasados, só prevé 3 millóns e demora outros 65 pendentes para anos posteriores. Tampouco arrancarán novos treitos máis alá dos poucos que xa están en obras nas autovías A-57 de circunvalación de Pontevedra ou A-56 Lugo-Ourense. E seguirán en planificación ou en fase de redacción de proxectos moitos outros treitos de autovía por toda Galicia, desde a A-74 entre Barreiros e San Cibrao ata a A-76 de Ponferrada a Monforte.

En materia de seguridade viaria e mantemento aparecen nos orzamentos multitude de actuacións de todo tipo, en liña co xa anunciado por Fomento, que admite que nos anos de crise esas actuacións se resentiron. Nesa liña, unha das principais partidas serán os 5 millóns que se contemplan para avanzar na busca de solucións á néboa na A-8 ao seu paso por Mondoñedo.

O investimento nas cinco autoridades portuarias pasa de 53 a 95 millóns mentres que nos tres aeroportos cae de 18 a 9 millóns

Noutros ámbitos de investimento, o porto exterior da Coruña recibirá outros 29 millóns de euros directamente do Ministerio de Fomento, mentres que Puertos del Estado investirá a través das cinco autoridades portuarias existentes en Galicia outros 95 millóns de euros, fronte aos 53,7 de 2018. Nesa contía destacan como actuacións principais tanto os accesos aos portos exteriores da Coruña e Ferrol como a plataforma loxística (Plisan) do porto de Vigo. Pola súa banda, os tres aeroportos galegos sumarán un investimento total de 9 millóns de euros, a metade dos 18 consignados para o ano pasado

Fronte á caída de Fomento aumentan notablemente as partidas de Transición Ecolóxica, no que irrompen con forza os fondos para a rexeneración da ría do Burgo

Fronte á caída de Fomento, o ministerio que aumenta notablemente as súas partidas é o de Transición Ecolóxica, que pasa de 24 a 37 millóns. Nese departamento irrompe con forza unha partida para a rexeneración ambiental da ría do Burgo, que en 2018 só prevía un millón de euros e que agora contempla para 2019 uns 8 millóns.

As contas públicas tamén contemplan diversas partidas a través da Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (Sepi) para a construción das novas fragatas en Navantia Ferrol. Igualmente, na contorna de Vigo a Zona Franca aumenta notablemente as súas partidas para investimento, que pasan de 6 a 41 millóns de euros.

O investimento galego pesa tres puntos menos

O remate das grandes partidas do AVE condiciona tamén a perda de peso do investimento galego sobre o total estatal, cunha caída de tres puntos

O remate das grandes partidas para o AVE condiciona tamén a perda de peso do investimento previsto para Galicia sobre o total do Orzamento. Os 937 millóns de euros de 2018 supuñan que os fondos proxectados pra Galicia supuñan un 9,2% do total do investimento territorializable -actuacións que atinxen a un territorio en concreto e non á estrutura estatal en xeral-. Mentres, en 2019, a proporción do investimento galego cae ata o 6,2 do total estatal.

A ausencia de proxectos novos coa mesma magnitude económica que o AVE fai que no proxecto entregado pola ministra María Jesús Montero ao Congreso o investimento galego pase a ser o sexto maior do Estado, mentres que en 2017 era o quinto. A  diminución é do devandito 19,2%, unha caída só superior á de La Rioja (-39%). Os maiores incrementos porcentuais no proxecto de 2019 con relación a 2018 son os de Navarra (+92%), a Comunidade Valenciana (+61%) e Catalunya (+52%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.