"Nunca se sabe, isto é unha caixa de sorpresas". O revisor do tren responde sobre a escasa afluencia de pasaxeiros nunha liña, Ferrol-Ribadeo, que esmorece. Malia a súa potencialidade, entre o desleixo das administracións e os constantes problemas que provocan o abandono duns usuarios resistentes pero fartos do desaproveitamento do ferrocarril. O do norte galego, que pode ser clave --como xa foi-- na vertebración dun territorio en decadencia e golpeado cunhas nefastas políticas de mobilidade. Nin tan sequera o FEVE coidan.
"Nuinca se sabe, isto é unha caixa de sorpresas", di o revisor sobre a escasa afluencia de pasaxeiros
Esa é a impresión dos usuarios. "O que pon aí non vale nada, ti faime caso a min; é aquí, no andén 7". Comezamos a viaxe na estación de Ferrol, collendo un dos catro trens que comunican a cidade con Ribadeo (dous deles tamén con Oviedo, en sete horas), entre advertencias dun viaxeiro habitual, afeito a erros nas pantallas. O que case deixa en terra unha pasaxeira, agardando aínda que o ferrocarril chegue ao corredor 9, como indicaba o aviso.
Na espera, unha estación case baleira, solitaria. Non é o mellor horario. "Algunhas persoas máis hai no de primeira hora, sobre todo na Mariña, de xente que vai a Burela, ao hospital", explica o mesmo revisor. Desta vez, haino. Non é sempre así. "Hoxe si? Pois pago, porque xa teño ido bastantes veces de balde", explica un veciño de San Claudio, sabedor de que o desleixo é tal que viaxar sen billete é habitual. E sacar usuarios das estatísticas, tamén.
Entre Narón e Ortigueira, durante 16 paradas, ninguén sobe no tren que cobre a liña entre Ferrol e Ribadeo
Nesta parroquia ortegana soben dúas persoas cara á Viveiro. Unha parada antes, en Mera, dous vellos camiño da feira que cada xoves hai en Ortigueira. Son as únicas persoas que entran nun dos dous vagóns habilitados neste tren desde que o fixeran outras tres en Santa Icía, en Narón, 16 paradas antes.
É aló, na área de Ferrol, onde se dá máis movemento, pouco en todo caso. Onde o tren funciona de verdade como un tren de proximidade, sobre todo entre a cidade e Xuvia, con varias paradas e case 30 trens de ida e outros tantos de volta ao día desde as 6.30 da mañá. Mesmo até San Sadurniño, coa metade de frecuencias. Unha persoa máis sobe en Virxe do Mar e baixa en Piñeiros; outras tres en Santa Icía e chegan a Pedroso. Desde aí, case nada até achegarse á Mariña.
Pouco máis dunha ducia de persoas xunta, no momento de máis afluencia, este tren no seu percorrido até Viveiro, a outra capital comarcal das tres polas que transcorre, xunto á cidade departamental e Ortigueira. Son as paradas destas tres localidades as que máis usuarios --viaxeiros que subiron ou baixaron dun tren-- suman cada ano, xunto ás de Xuvia e Burela, segundo os datos de Adif. Todas van a menos. En Ferrol, hai cinco anos, os usuarios do FEVE achegábanse aos 100.000; a tal hora non chegan a 60.000.
As estacións de Ferrol, Xuvia, Viveiro, Ortigueira e Burela son as que máis usuarios suman nun ano
Malia todo, os xefes das estacións manteñen con rigorosidade o seu ritual en San Sadurniño, Moeche ou Cerdido. Entre o baleiro e o silencio do monte, que só racha o tren, levan o chifre á boca, erguen a bandeira vermella e asubían para abrir paso ao ferrocarril. O revisor, a cada parada e repetitivamente, abre a porta da cabina dianteira e mira de esguello aos vagóns por se alguén subise. Ninguén ata que aqueles dous anciáns soben en Mera, ducias de quilómetros despois. Entre hectáreas de eucaliptos que atrancan a paisaxe, ramallos que baten contra a locomotora e conversas de complicidade, familiares.
Dous mozos soben en Mosende, apeadoiro que tivo 168 usuarios en todo 2017
Un home máis colle o tren en Loiba (onde "o banco máis bonito do mundo", disque), outra muller en Ortigueira e o tren pégase ás rías para achegar a beleza do Barqueiro, do Vicedo e da marea alta, con oito pasaxeiros dentro. En Mosende, dous mozos agardan. O apeadoiro desta pequena parroquia foi utilizado un total de 168 veces en todo 2017, segundo os datos que manexa Adif. Medio uso por día. Un uso cada cada dúas xornadas nunha das catro paradas máis desertas da liña.
Nese 2017, a perda de viaxeiros do tren do norte duplicouse malia un suposto plan de mellora que quedou en case nada. No verán do mesmo ano, outro plan urxente de mellora fallou ao primeiro día. As cancelacións, o traslado de usuarios en autobuses, as avarías e a falta de maquinistas seguiron sendo o máis habitual entre a desesperación dos concellos por onde pasa o FEVE, fartos de remendos que nunca solucionan nada.
Os inútiles plans de mellora, as avarías, as cancelacións e os malos horarios lastran un tren con moitas posibilidades
Na última reunión que os rexedores mantiveron con Renfe e Adif, prometéronse novas máquinas nun prazo de tres anos e novos horarios para este principio de 2019, entre a indignación dos representantes municipais ou da Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo, que leva anos denunciando o desleixo que sofre esta liña: o 30% das incidencias de todo o sistema ferroviario español danse neste trazado de 254 quilómetros. A última resposta de Adif, a unha pregunta parlamentaria de En Marea sobre investimentos no tren do norte galego, limitouse a destacar o "tratamento das trincheiras".
O tren loita contra o desleixo e alternativas como Blablacar: "Mulleres de 60 anos manéxanse nesa aplicación para desprazarse"
"Non hai horarios decentes, non podes depender do tren para traballar... E se vas, faltan maquinistas, fallan os trens ou chegas tarde", di unha moza empresaria de Viveiro, que advirte de que ten visto "mesmo señoras de máis de 60 anos manexarse co Blablacar para desprazarse pola zona". "Déixanas onde queren, acordan a hora... Un tren como o que hai agora non pode competir con nada", explica. Nas comparacións, tamén os servizos de proximidade que Catalunya, Euskadi ou mesmo Asturias foron quen de implantar nas mesmas vías.
"Lembro o que supuxo o tren para a comarca cando chegou ao Ortegal, a principios dos 60, a cantidade de xente que o utilizaba... Ata non hai tanto, o FEVE compensaba para moitas cousas, pero agora é case un tren turístico para ir con calma e pouco máis. Se non hai servizos, a xente marcha; e se a xente marcha, non dan servizo", reflexiona outro veciño, que alude ás protestas, lóxicas, dos usuarios do precario servizo ferroviario en Extremadura, pero advirte do que aquí hai.
"Agora é case un tren turístico para ir con calma e pouco máis. Se non hai servizos, a xente marcha; e se a xente marcha, non dan servizo"
Con todo, hai traxectos que só precisan mellores horarios e difusión. Entre Ortigueira e Viveiro, en coche, o percorrido non leva menos de 45 minutos, por estradas antigas, perigosas e con curvas, á espera dun corredor decente que nunca chega. En tren, a distancia percórrese nuns 40 minutos e o billete custa 2,85 euros, con dúas paradas a un paso do centro da vila mariñá. Pero o primeiro vagón non pasa até pasadas as 9.30 da mañá. "Vale para ir tomar os viños ou de compras, nada máis".
Á volta, a primeira hora da tarde, o tren xunta algún estudante, dous turistas arxentinos e veciños que volven a Ortigueira desde Viveiro. Seis deles baixan na vila ortegana, desde onde o FEVE viaxa case baleiro ata achegarse a Ferrol. Na estación da cidade, o revisor, o mesmo da mañá, reflexiona: "Mallamos tanto nos usuarios que nos abandonan; se non é a falta de maquinistas son as averías e, senón, os malos horarios... Así é moi difícil", resume.