- O incendio nun vagón de FEVE en Moeche, nova constatación do abandono do tren do norte galego
- HEMEROTECA | O plan urxente de Renfe para mellorar o tren do norte galego falla ao primeiro día
En 2017 os usuarios das estacións de ancho métrico foron 263.114, un 11,6% menos que en 2016 e acrecentando a redución de anos anteriores
En xuño do pasado ano Renfe, na que se integrou Feve, responsable da liña Ferrol-Ribadeo, anunciou un plan de actuación inmediata, aplaudido pola Xunta, para a mellora de diversas eivas que viñan rexistrando eses servizos ferroviarios de ancho métrico e que viñan denunciando tanto os usuarios como os concellos polos que pasa. Ese plan de mellora fallou ao primeiro día da súa posta en marcha e agora datos oficiais de usuarios das 52 estacións da liña aos que ten acceso Praza.gal constatan que no pasado 2017 duplicouse o ritmo de perda de viaxeiros a respecto dos anos anteriores.
En 2017 foron un total de 263.114 os viaxeiros que subiron ou baixaron dun tren nalgunha das 52 estacións existentes entre Ferrol e Ribadeo, un 11,6% menos que os 297.623 rexistrados un ano antes. Ese descenso de viaxeiros supón máis do dobre do rexistrado un ano antes, cando os usuarios caeran un 5,3%, e case o triplo que a caída do 4% rexistrada en 2015. En 2013, primeiro ano da integración de Feve en Renfe, nesas 52 estacións rexistráranse 382.103 viaxeiros, polo que no último lustro a perda de viaxeiros é dun 31%.
Á vista dos datos oficiais, a perda de viaxeiros nos últimos anos foi más acentuada na parte máis occidental da liña, nas proximidades de Ferrol, que na máis oriental, na Mariña lucense. Así, a estación de Ferrol do Feve, a máis empregada ao funcionar eses servizos na práctica como un sistema de transporte de proximidade da cidade, pasou de preto de 98.000 usuarios en 2013 a menos de 60.000 o pasado ano. Xuvia, en Narón, a segunda estación máis empregada da liña, xusto antes de que esta se afaste do entorno metropolitano da ría de Ferrol e se dirixa cara ao interior e a costa norte, e que dispón de preto dunha trintena de servizos ao día que a comunican coa cidade en só 12 minutos, pasou de preto de 49.000 usuarios en 2013 a pouco máis de 30.000 o pasado ano.
Avarías constantes dos trens, escaseza de maquinistas, ausencia de revisores, derrubamento de noiros ou caída de árbores nas vías son algunhas das incidencias que veñen rexistrando os servizos da liña Ferrol-Ribadeo
Pola contra, a caída de usuarios é menor na Mariña lucense. Burela, con 33.000 usuarios en 2013, pasou a 25.000 o pasado ano; Viveiro baixou de preto de 21.000 a 18.000; e Ribadeo de 22.000 a 17.000.
Avarías constantes dos trens, escaseza de maquinistas, ausencia de revisores, derrubamento de noiros ou caída de árbores nas vías son algunhas das incidencias que veñen rexistrando os servizos da liña Ferrol-Ribadeo, ao que se engade uns horarios e tempos de viaxe pouco útiles para a mobilidade nas comarcas que atravesa.