Fomento só investiu en 2017 en Galicia a metade do que orzamentou

Obras do AVE entre Galicia e a Meseta, que encaran a súa recta final e polo tanto xa requiren menos orzamentos © Adif

Á espera das contas para este 2019 que o Goberno prevé presentar este venres, o anuario estatístico que o ministerio vén de publicar revela que 2017 foi o peor ano da última década en execución real, co 54,5%, só superado polo 37% de 2016, cando o Goberno en funcións bloqueou numerosos gastos

Os orzamentos do Estado para Galicia veñen reducíndose nos últimos anos na mesma medida en que as obras do AVE, ás que ían destinadas as principais contías, van chegando á súa fin. Agora, a poucos días de que o Goberno central de Pedro Sánchez presente as que serían as súas primeiras contas, para este 2019, cuxos apoios parlamentarios non están garantidos, Fomento vén de publicar o seu anuario estatístico correspondente a 2017 que reflicte que ese ano, o último xestionado de xeito íntegro polo PP, a execución real do orzamento estatal en Galicia non chegou ao 55%, a metade do previsto.

En 2017 as distintas entidades dependentes de Fomento, das que Adif, co AVE, foi a máis significativa, contaron cun orzamento total para investir en Galicia de 898 millóns de euros. Porén, finalmente só gastaron realmente 489 millóns, segundo os datos do propio ministerio. Ese 54,51% é a segunda porcentaxe de execución real máis baixa da última década, só superada polo 37% executado o ano anterior, 2016, marcado polas dificultades para formar Goberno e a imposibilidade do Executivo en funcións de Mariano Rajoy de validar numerosos gastos. Aínda así, ese ano Fomento executou realmente 444 millóns, cifra moi próxima ao investido realmente un ano despois, xa sen aqueles condicionantes e coas contas públicas prometendo uns investimentos similares aos xa frustrados o ano anterior malia a que entrarían en vigor a mediados de ano.

Investimento real por comunidades en 2017 segundo o anuario estatístico do Ministerio de Fomento Dominio Público Ministerio de Fomento

O actual Goberno central socialista presentará este venres as súas primeiras contas, para 2019, que non teñen aínda os apoios parlamentarios necesarios para ser aprobadas

Á espera de coñecer a execución real final das contas de 2018, ano en que a xestión do último orzamento do PP estivo repartida a medias entre o Goberno dese partido e o do PSOE, este último prevé aprobar no Consello de Ministros deste venres as súas primeiras contas propias, para 2019. Porén, non ten aínda garantidos os apoios parlamentarios precisos para que eses orzamentos poidan entrar en vigor. En caso de non aprobarse, a prórroga dos preexistentes permitiría seguir completando as cada vez menos obras pendentes do AVE.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.