A pasada primavera a Xunta e o PPdeG tentaron, mesmo antes de que sucedese, amortecer o efecto político dunha realidade inevitable. As grandes partidas dos Orzamentos Xerais do Estado para o AVE entre Madrid e Galicia aproxímanse ao seu remate e, ante a ausencia de novos proxectos de magnitude semellante, os investimentos do Estado en territorio galego comezan a caer de xeito substancial. Os serodios Orzamentos finalmente chegaron e trouxeron consigo 924 millóns de euros nas partidas galegas, unha caída do 32% que fixo caer o montante total ao seu nivel máis baixo dende o ano 2004. Ante a agardada controversia política pola baixada o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a creación inmediata dun "comité de seguimento da execución orzamentaria real" do Estado en Galicia para fiscalizar eses compromisos polo miúdo e advertir o gabinete de Mariano Rajoy en caso de incumprimento. Ese comité nunca se reuniu, porque non chegou a ser creado.
A creación dese novo e inédito organismo foi anunciada polo propio presidente ao remate do Consello da Xunta do pasado 6 de abril, aínda que o asunto non figurou na referencia pública da reunión nin sequera como informe -figura sen valor xurídico utilizada polo Executivo para transmitir asuntos que considera de relevancia-. Nel sentarían o vicepresidente, o conselleiro de Facenda e as conselleiras de Infraestruturas e Medio Ambiente. "Presidireino eu mesmo", resaltou, xa que "como Goberno non podemos limitarnos a valorar" o que, ao seu xuízo, se revelaba como un "dato positivo", que "Galicia sexa a segunda comunidade en investimento per cápita" por parte do gabinete de Mariano Rajoy. Este "comité interno de funcionamento da Xunta" ía reunirse "con carácter trimestral" para, cun traballo "exhaustivo de recollida de datos e seguimento dos mesmos" poder "valorar" a "execución real do Orzamento". Isto é, se os ministerios -Fomento, fundamentalmente-, gastan en Galicia todo o comprometido.
Feijóo asegurou que el mesmo presidiría cada tres meses este comité, anunciado para amortecer o impacto político da caída do investimentos do Estado en Galicia
Deste comité, abondou o presidente naquela presentación, sairía a valoración política definitiva da Xuntas obre un orzamento que se é "executado tal e como se aproba, será mellor que o de 2015 e o de 2016", pero "se o Goberno central non o executa, estaremos ante un orzamento decepcionante". Neste sentido, dende o Goberno galego, detallouse que este "labor de seguimento" incluiría un sistema de "alerta" que "se porá en marcha se se comproba que o nivel de execución non é o óptimo". Ademais, avanzou que "se ben o comité nace para avaliar de xeito concreto os orzamentos deste 2017", a "intención" de Feijóo era "que siga funcionando nos anos seguintes co obxectivo de que o AVE entre en Galicia conforme ao prazo comprometido polo Goberno actual".
Tras aquel anuncio, eixo do argumentario do Executivo galego a respecto do Orzamento estatal durante as semanas seguintes, nin o presidente nin ningún dos conselleiros que o ían compoñer volveron a referise a el en público. Unha vez transcorridos os primeiros tres meses, en xullo, a primeira xuntanza que segundo o cronograma avanzado por Feijóo tería que celebrarse, nunca se produciu. E neste mes de outubro, no que tería que chegar a segunda avaliación, tampouco hai novas do comité. Porque non existe.
A xustificación da Xunta
O Goberno defende que controla o investimento estatal dende o Consello da Xunta
Fontes do Goberno galego consultadas por Praza.gal admiten que a "comisión" cuxa "creación" o presidente deu por feita o pasado 6 de abril nunca chegou a poñerse en marcha. Por razóns de "operatividade", explican as mesmas fontes, decidiuse realizar un "seguimento continuo" do investimento estatal en Galicia a través das xuntanzas do Consello da Xunta, onde "cada conselleiro" ofrece un "reporte" periódico ao respecto. As consellerías manteñen un contacto "constante" cos ministerios, especialmente no caso de Infraestruturas, di o Goberno, nun contexto no que dende San Caetano se asegura que a execución das grandes obras marcha segundo o previsto e se destaca, ademais, o cumprimento da promesa de visitas trimestrais do ministro de Fomento aos traballos do AVE á Meseta.
Deste xeito, mentres cunde a incerteza sobre a aprobación ou non do orzamento estatal para 2018 o Goberno galego vén admitir que o seguimento dos investimentos comprometidos polo Estado vén ser o habitual, sen ningún órgano extraordinario como o anunciado polo presidente. A marcaxe da Xunta é tamén notablemente máis relaxada que a que realizou mentres o Executivo central estivo dirixido polo PSOE, e moi especialmente dende a ruptura do pacto de entendemento co daquela ministro de Fomento, José Blanco. Ata que José Luis Rodríguez Zapatero perdeu o poder tanto Feijóo como quen daquela era conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, realizaron un seguimento milimétrico dos investimentos no que se chegaron a establecer ultimatos de dez días. O ministro, dicía o PP galego naquel tempo, só tiña dúas opcións: "cumprir ou dimitir".