0 Gardados para despois

Fomento escúsase polos Orzamentos do Estado para Galicia antes de que sexan públicos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O Ministerio de Facenda entregará o vindeiro martes no Congreso o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado de 2017 para iniciar a súa tramitación parlamentaria. O propio Cristóbal Montoro explicou este venres, tras a súa aprobación en Consello de Ministros, as grandes liñas dunhas contas das que aínda se descoñecen detalles como o investimento por territorios, o cal non será público ata a entrega nas Cortes. No entanto, Xunta e partidos galegos teñen claro que o montante total que chegará a Galicia será inferior que noutras ocasións e, ante os primeiros titulares ao respecto, o Ministerio de Fomento emitiu un comunicado no que o departamento de Íñigo de la Serna dá en escusarse por un orzamento aínda descoñecido.

A explicación preventiva de Fomento chega despois duns anos nos que, cadrando co intenso ciclo electoral, os gobernos galego e español puxeron o acento cada ano nos incrementos das consignacións orzamentarias para Galicia, engrosadas fundamentalmente polas partidas para o AVE a Madrid. Esa liña ferroviaria, aínda que adiada novamente, ten xa rematada ou en marcha a práctica totalidade do seu trazado. Por este motivo, e dado que o Estado non ten previstos grandes investimentos para Galicia noutros ámbitos, o montante total vaise reducir. E por iso o Executivo de Rajoy tenta amortecer o impacto desta mingua.

Tras varios anos chamando a atención sobre o incremento de partidas o Goberno de España tenta amortecer o impacto da súa diminución, derivada do avance de obras do AVE a Madrid

Neste escenario, Fomento sae ao paso das primeiras alarmas para asegurar, sen adiantar unha soa cifra, que o proxecto orzamentario "contempla todas as partidas necesarias para facer fronte aos compromisos do Ministerio con Galicia, especialmente a chegada da alta velocidade". O ministerio mantén, como xa fixera tras a xuntanza de De la Serna con Feijóo, que as "obras da alta velocidade a Galicia" van estar "finalizadas" no "terceiro trimestre de 2019", se ben obvia que a entrada en servizo antes de 2020 é materialmente imposible, e insta a ter en conta que o orzamento para un dos treitos, o que unirá Zamora con Pedralba de la Pradería, "figura" como investimento para Castela e León, e non para Galicia. A respecto deste treito Fomento incorre por enésima vez nunha contradición con Adif. Así, o Ministerio volve "prever" a "finalización" do treito para 2018, mentres que, como informou Praza.gal, a empresa pública mantén que estará "en servizo" xa este ano.

Variante de Ourense e tren a Lugo, sen prazos

O Ministerio admite que a variante de Ourense será contratada "a partir de 2019", polo que o tren pasará pola cidade cunha solución provisional durante un período indefinido

O ton preventivo da explicación de Fomento leva o departamento estatal, ademais de a asegurar que os investimentos están garantidos, a evidenciar que dúas das promesas estrela para a conexión ferroviaria das dúas principais cidades do interior galego, Lugo e Ourense -Orense, en todas as mencións á cidade no documento difundido por Fomento- carecen de prazos. Así, a variante ourensá de Taboadela -cuxa necesidade cuestionou o ministro para, ás poucas horas, recuar polas protestas do PP ourensán- será licitada "a partir de 2019", o que implica que durante un período de duración indeterminada o tren rápido pasará pola cidade cunha solución provisional. No que atinxe ao tren a Lugo, di, "contémplase o global do investimento plurianualizado", isto é, como ata agora, pero sen máis compromisos que "adaptar á normativa" tramites xa feitos.

O comunicado oficial do Goberno de España tenta tamén tapar outro flanco, o vigués, cunha reflexión xenérica sobre a variante do AVE por Cerdedo, un proxecto cuxo custo estímase nuns 2.200 millóns de euros e cuxo traslado á realidade semella practicamente imposible. Non obstante, aínda que non entre nos plans gobernamentais abordar unha obra destas dimensións, o Ministerio tenta acalmar os ánimos asegurando que "está programada a tramitación" para cando "se reciban as consideracións medioambientais".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.