0 Gardados para despois

O Consello da Xunta duplica a aprobación de asuntos sen valor legal no inicio do ano electoral

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O Consello da Xunta é a reunión semanal do Goberno galego. Nel o presidente e demais membros do Executivo debaten e aproban proxectos -leis, decretos-, formalizan nomeamentos ou autorizan mediante acordo actuacións que inciden directamente na vida da cidadanía coa súa correspondente dotación económica. Xunto a estes asuntos adoita ter tamén sobre a mesa un número indeterminado de informes: documentos ou comunicacións orais sen valor xurídico ou legal ningún. Son presentados por un conselleiro ou conselleira sobre unha área da súa competencia e o Goberno úsaos para colocar na axenda pública asuntos que considera convenientes. Estes informes, empregados por todos os gobernos para publicitar cuestións do seu interese, duplicáronse no inicio deste ano electoral.

Os informes son documentos escritos ou comunicacións orais cos que o Goberno introduce na axenda pública asuntos do seu interese

No que vai de 2016 o Consello da Xunta reuniuse en once ocasións e nelas abordou 132 asuntos, practicamente os mesmos que nas súas once primeiras xuntanzas do ano anterior. No entanto, naquel inicio de 2015 o Consello déralles luz verde a 99 proxectos con contido real e concreto fronte a 34 informes. Neste comezo de 2016 os acordos foron 65 e os informes, 67, o que implica que máis da metade dos asuntos tratados e despois presentados por Alberto Núñez Feijóo non foron aprobacións con valor legal, senón recompilacións de medidas xa aplicadas, declaracións de intencións ou publicidade de plans gobernamentais.

En máis da metade das xuntanzas que o Consello celebrou no que vai de ano houbo sobre a mesa máis informes que acordos

Así, por exemplo, no último Consello celebrado ata agora, o do pasado 17 de marzo, o Goberno tratou 7 acordos e 5 informes. Entre os acordos estaba o decreto para autorizar novos casinos, a subscrición de convenios para rehabilitar a Catedral de Santiago e para atender vítimas de violencia machista ou a autorización dun pequeno parque eólico. Nos informes a Xunta publicitou "o acordo acadado para a posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo", difundiu a súa intención de devolver na precampaña a paga extra adebedada ao persoal público dende 2011 e debullou unha resolución publicada días atrás no DOG sobre outro proxecto eólico.

Non obstante, nese Consello non se cumpriu unha tendencia que vén sendo habitual no comezo de 2016, toda vez que o Executivo tratou na súa xuntanza máis acordos que informes carentes de valor legal. En ata 6 destas 11 primeiras xuntanzas do ano houbo máis informes que acordos. A proporción máis repetida foi de 4 a 7: sucedeu o 8 e o 21 de xaneiro, o 25 de febreiro e o 10 de marzo. Algúns deses informes serviron para publicitar asuntos tan dispares como a calidade das augas de baño, as novas prazas da oferta de emprego público do Sergas, o parque de drons de Rozas ou investimentos en obras en pequenos núcleos históricos. Ningún deses informes implicou, obviamente, aprobación de medida ningunha nesa mesma xuntanza.

O número de informes propagandísticos é en 2016 maior que en 2015 pero tamén que nos comezos dos dous anos restantes da lexislatura. Ademais, tanto en 2013 como en 2014 nesas primeiras once xuntanzas do ano o número de asuntos con contido real que foron tratados no Consello superou folgadamente a cifra de informes. No entanto, no inicio da fin do mandato os informes abondan máis ca nunca e os acordos con contido real son os máis escasos dos catro anos.

Nas primeiras xuntanzas do 2016 o Consello tratou, de media, 6 informes propagandísticos en cada unha

Un sinxelo cálculo permite concluír que no inicio da súa segunda lexislatura como presidente Feijóo difundiu unha media de algo máis de 3,5 informes por Consello, e que en 2014 elevou a media a máis de 4. Nos primeiros once Consellos de 2015 o Executivo ofreceu de novo uns 3 informes por xuntanza e, no entanto, nas primeiras xuntanzas de 2016 houbo, de media, seis documentos propagandísticos en cada unha.

A utilización desta figura non é, nin de lonxe, exclusiva do Goberno de Feijóo. Como acreditan as ordes do día das diferentes lexislaturas, tanto os gabinetes de Manuel Fraga como o bipartito difundían informes en cada unha das súas xuntanzas. Así, na etapa de Fraga non era estraño que o Goberno difundise nun único Consello máis dunha ducia de informes sobre temáticas diversas.

O Goberno de coalición reduciu notablemente o número de informes e, ademais, antes da comparecencia semanal do presidente ante a prensa informaba por escrito sobre os asuntos tratados. Deste xeito, os informadores podían distinguir previamente se o exposto por Emilio Pérez Touriño se trataba dun acordo con contido real ou dun mero anuncio, algo que deixou de acontecer co retorno do PP. Dende aquela e ata a actualidade, a Xunta só detalla a orde do día do Consello despois da comparecencia do presidente.

Acordos e informes nos primeiros once Consellos do ano

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A axenda presidencial xa arrecende a precampaña

Mentres Alberto Núñez Feijóo segue -ou cando menos así o reflicte no seu discurso público- a desfollar a margarida do seu futuro político e a dubidar entre se recuncar como candidato á Presidencia da Xunta ou retirarse da política galega, a axenda pública do actual xefe do Executivo galego vai adquirindo arrecendo preelectoral. Así, tras un inicio de ano de baixo perfil, nas últimas semanas as aparicións públicas de Feijóo véñense caracterizando por accións como visitas a pequenos concellos ou anuncios de investimentos en diferentes puntos do país.

Deste xeito, mentres que outros anos a Semana Santa era aproveitada polo Goberno e o seu presidente para reducir notablemente a súa actividade, esta semana comezou cunha inusitada actividade. Así, este luns Feijóo acudiu a Portomarín, onde visitou as obras de mellora da Casa do Concello, financiadas pola Xunta. Despois dese acto, nesa mesma vila achegouse ao antigo mercado municipal e alí anunciou que, en vindeiras semanas, a Xunta lanzará unha liña de axudas para os comercios rurais.

Nos últimos días o presidente da Xunta desenvolve unha intensa axenda de visitas a obras e anuncios de investimentos

Nunha liña semellante foi a axenda do presidente este martes. Neste caso Feijóo realizou un percorrido en autobús polas obras da autovía da Costa da Morte acompañado pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez. Tras esta breve viaxe, nunha comparecencia ante a prensa en Zas o titular da Xunta asegurou que a nova vía estará aberta ao tráfico "este verán", toda vez que xa foron executadas "o 80% das obras", dixo, obviando que previamente o Goberno galego permitiu que as empresas construtoras non levasen adiante practicamente a metade do trazado que comprometeran.

No seu discurso ante as obras o presidente eloxiou unha autovía que, afirma, "foi posible grazas á vontade dos veciños, que non renunciaron nunca nin deixaron de reivindicala", e tamén gras ao labor do seu Goberno. "Imos entregar un país máis vertebrado, máis competitivo e máis preparado para investir e para vivir", proclamou. As eleccións aínda non teñen data nin candidaturas, pero xa teñen ambiente.