A Xunta devolverá en precampaña a paga extra que debe ao persoal público dende 2012

Complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta CC-BY-NC-SA CIG

Os recortes ás remuneracións do persoal ao servizo das Administracións públicas foron dos primeiros en ser aprobados dende o inicio da crise económica. O primeiro gran paquete de recortes do Goberno de Zapatero en 2010 incluíu unha rebaixa salarial media do 5% e no verán de 2012 o Executivo de Mariano Rajoy aplicou medidas adicionais como a supresión da paga extra de decembro dese ano, que en Galicia se engadiu a retalladas aplicadas unilateralmente dende a Xunta, caso das restricións ás baixas por enfermidade. Un deses recortes na Administración galega, a devandita paga de 2012, semella estar a piques de ser restituída. Acontecerá, casualmente ou non, en plena precampaña electoral.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, confirmou este mércores en senllas xuntanzas cos sindicatos da función pública que neste 2016 o persoal ao servizo da Xunta -tanto funcionariado como o resto- recuperará o 50% da paga do Nadal de 2012, devolución que inicialmente se anunciara desde o Goberno central para 2013. Ambas centrais sindicais acollen de bo grao a recuperación dos fondos pero advirten dos compromisos pendentes e subliñan, ademais, o arrecendo electoral da medida: a metade da devolución efectuarase en abril e a outra metade, en setembro. Así as cousas, un dos dous pagamentos chegaría en precampaña das eleccións galegas tanto en caso de adianto electoral como se os comicios se celebran cando corresponde, no outono.

"Seguramente estas medidas teñen moito que ver coas eleccións, xa que a última nómina para cobrar será en setembro, cerca das datas electorais"

"Seguramente estas medidas teñan moito que ver coas próximas eleccións galegas -di a CSI-F-, xa que a última nómina para cobrar será en setembro, cerca das datas electorais". Por este motivo, agrega o sindicato, cabe agardar que as medidas do Goberno neste eido "non queden só" no que agora se anuncia. A CIG, pola súa banda, ve no anuncio unha manobra "puramente electoralista". O que cómpre, indica a central nacionalista, é "o pagamento de todas as cantidades adebedadas polos recortes nas pagas", tamén no período entre 2013 e 2016.

As anteriores devolucións da paga de 2012 producíronse antes das municipais e previamente ás xerais

Nestes mesmos encontros o conselleiro afirmou tamén que en 2017, primeiro ano completo da próxima lexislatura, o persoal público volverá cobrar con normalidade as súas pagas extra. "Aínda que isto fose así -di a CIG- seguen pendentes as cantidades substraídas por mor dos recortes efectuados" dende o Goberno central. O conselleiro, censuran, "nin sequera foi quen de garantir o pagamento das cantidades devindicadas da paga extra de 2013, nas que a Xustiza xa lle deu a razón á CIG nas múltiples sentenzas emitidas.

Ambas centrais sindicais coinciden en subliñar que aínda resta un bo volume de "condicións laborais e económicas perdidas" durante os anos da crise. Mentres, esta nova devolución da paga de 2012 ven completar os dous retornos anteriores: o primeiro 25% foi devolto o pasado maio, mes das eleccións municipais, e o segundo 25% chegou a finais de ano, isto é, pouco antes dos comicios xerais do 20 de decembro.

Mobilización dos empregados públicos © CCOO Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.