0 Gardados para despois

O persoal da Xunta xa sofre o recorte nas baixas por enfermidade

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Pouco máis de dous meses. É o escaso treito temporal transcorrido entre a aprobación e a aplicación real dunha das vertentes máis controvertidas da lei de recortes ao persoal público, a tesoirada aos complementos por incapacidade, isto é, á remuneración que reciben os traballadores ao servizo da Xunta mentres se atopan de baixa. A través dunha instrución interna á que tivo acceso Praza Pública o director xeral da Función Pública, José María Barreiro, informou os diversos departamentos autonómicos de que dende o 7 de maio está en vigor un recorte que diminúe notablemente a prestación, repercutindo polo tanto no salario que recibirá o persoal mentres unha enfermidade lle impida acudir con normalidade ao seu posto de traballo.

Se se producen máis de dúas baixas no mesmo ano natural "non se abonará" o complemento por incapacidade

Recollendo o estipulado na lei de medidas temporais en determinadas materias do emprego público, aprobada en solitario polo PP pola vía de urxencia, as baixas máis penalizadas son tamén as máis frecuentes, as vinculadas ás "enfermidades comúns ou accidentes non laborais", por exemplo, unha gripe ou un accidente de tráfico sen consecuencias importantes e, en xeral, as continxencias de saúde que non requiren hospitalización nin intervencións cirúrxicas. Entre o primeiro e o terceiro día de baixa "abonarase un complemento ata acadar o 50% das retribucións cando sexa a primeira baixa no ano natural". Esta porcentaxe baixará ao 40% na segunda baixa "no mesmo ano natural" e, se se producen máis, "non se abonará o devandito complemento".

Entre o cuarto e o vixésimo día a porcentaxe do complemento aumenta para garantir que o funcionario ou empregado público "acada o 75% das retribucións". Só cando a baixa sexa prolongada, "a partir do día vinte e un", será abonado "un complemento ata acadar o 100% das retribucións". Ese 100% seguiráselle aplicando tamén aos " supostos de incapacidade temporal por continxencias profesionais" que "impidan o normal desenvolvemento" das funcións da traballadora ou traballador. Neste caso "terá dereito á licenza por enfermidade ou accidente ata a alta médica", sempre e cando exista o aval "dos servizo sde asistencia sanitaria".

Días da baixa Complemento a cobrar
Do 1 ao 3 (primeira baixa do ano) 50%
Do 1 ao 3 (segunda baixa do ano)  40%
Do 1 ao 3 (terceira baixa do ano) 0%
Do 4 ao 20 75%
Do 20 en diante  100%

Neste escenario, á marxe das enfermidades derivadas do propio traballo só escapan aos recortes se un membro do cadro de persoal da Xunta é hospitalizado, xa sexa nun centro sanitario ordinario, no seu domicilio ou nun hospital de día, caso por exemplo das instalacións nas que se subministran tratamentos oncolóxicos. Do mesmo xeito, o 100% mantense para os traballadores que teñan que someterse a unha intervención cirúrxica se esta está incluída "na carteira de servizos do sistema sanitario público", xa sexan con "internamento" ou "ambulatorias". Ten a mesma consideración a "incapacidade temporal derivada do embarazo", tendo que "acreditar" a traballadora que "a enfermidade é consecuencia directa" da xestación. Se non existe ese documento, aplicaráselle o recorte.

A tesoirada nas baixas por enfermidade non só afecta ao funcionariado ou ao persoal laboral "pertencente a corpos, escalas e categorías adscritos" á dirección xeral da Función Pública, senón tamén a "todo o persoal das entidades públicas instrumentais". Neste sentido, o documento ao que tivo acceso este diario advirte de que "as entidades do sector público autonómico non incluídas no ámbito de aplicación" desta instrución "aplicarán o disposto mentres non diten, de ser o caso, a súa propia, que deberá respectar en todo o caso os criterios xerais" da norma en vigor dende este luns.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Rueda reduce a "contactos" do PSdeG datos oficiais sobre a redución de 'chiringuitos'

Nin 70, nin 42 nin 48. Ao longo da lexislatura foron múltiples as cifras ofrecidas polo Goberno galego no referido á redución da administración paralela, unhas cantidades de chiringuitos eliminados que son, para o gabinete de Alberto Núñez Feijóo, unha das mellores mostras da política de "austeridade". O conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, acudiu este martes ao Parlamento para explicar a segunda fase do "plan de racionalización", isto é, o seu plan para seguir a pechar entes públicos ata o remate do mandato. Durante a sesión parlamentaria o número dous do Executivo volveu botar man dos rexistros de organismos suprimidos, se ben as cifras non concordan coas que a propia Xunta lle achegou ao Goberno central para que este, á súa vez, llas transmitise á Unión Europea dentro do chamado Programa de Estabilidade para o ano 2012.

Segundo os datos do Goberno galego "a primeira fase do plan está practicamente rematada e supuxo a análise de máis de 60 entes", dos cales "se determinou a desaparición de 42 organismos, cuxa extinción xa foi formalizada". "Unha vez culmine a execución da segunda fase do plan, a Xunta terase desprendido de máis de 70 entes", engade. Pero estes non son os datos que o Executivo central inclúe no seu informe para as autoridades comunitarias. "Segundo a información subministrada polas comunidades autónomas", neste caso pola Xunta, Galicia reducira "a finais de febreiro" tan só 8 entes e "a redución prevista" é de 46.

Este "baile de cifras" entre uns e outros datos foi achegado á tribuna do Parlamento polo socialista José Manuel Lage Tuñas, que na súa intervención instou o conselleiro a comezar por "dicir a verdade" e, de paso, "rectificar" a súa política referida á Administración paralela, incluíndo nos órganos a suprimir as "embaixadas subcontratadas á Confederación de Empresarios", cun custo de 18 millóns de euros en catro anos, di. Fronte á disparidade de datos, Rueda obviou que pertencen a un documento oficial e optou por atribuílos ironicamente aos "magníficos contactos" do PSdeG no Goberno de España e da UE, engadindo ademais que os entes extinguidos son 42 e, "ata 48" producíronse "refundicións" e outros axustes. "Tampouco coinciden as cifras", retrucoulle Lage, quen ademais insiste na necesidade de deixar claro que "os chiringuitos que agora finiquita" o Goberno galego "non os creou o PSOE", senón que na súa maioría corresponden aos gobernos de Manuel Fraga. Nun sentido semellante o nacionalista Alfredo Suárez Canal ilustra o proceso de "racionalización" da Administración paralela comparándoa co filme Kramer contra Kramer, xa que é un proceso "do PP contra o PP", no que os conservadores se gaban de eliminar entidades creadas por eles mesmos.