Os gobernos progresistas priman na Galicia máis poboada malia á vaga de censuras do PP

Detalle do bastón de mando do alcalde de Lugo tras a súa toma de posesión o pasado marzo CC-BY-NC-SA Praza.gal | Foto: Concello de Lugo

O peche das urnas nas eleccións municipais de 2023 veu acompañado dun relato político e mediático no Estado baseado nun tsunami das dereitas que, no caso galego, encaixou con dificultade. Tan certo foi o avance do PP, con cinco puntos máis e dúas notables ganancias de poder institucional no Concello de Ferrol e na Deputación de Pontevedra, como que a esquerda revalidou o groso do poder nas principais institucións locais.

Na vintena de concellos que aglutinan a maioría da poboación galega máis dun millón de persoas teñen alcaldía do PSdeG ou do BNG, fronte a 174.000 do PP e 182.000 doutras forzas

Máis dun cuarto de século despois da fin da hexemonía do PP nas sete principais cidades, PSdeG e BNG sosteñen o bastón de mando en cinco desas urbes. Pero, ademais, nos 19 concellos que aglutinan máis da metade da poboación continuaron a primar os gobernos progresistas. Así foi tras as investiduras derivadas daquelas eleccións e así continúa sendo en plena vaga de mocións de censura impulsadas polo PP, sete delas apoiadas en tránsfugas ou independentes  aproveitando a nova doutrina do Tribunal Constitucional al respecto.

Cunhas cifras oficiais de poboación situadas en 2,71 millóns de habitantes para toda Galicia, esta case vintena de concellos xuntan 1,37 millóns de habitantes. Algo máis dun millón deles viven nun municipio con alcaldía do PSdeG ou do BNG, algo máis de 174.000 teñen alcalde ou alcaldesa do PP e unhas 182.000, doutras forzas locais ou independentes.

Tras a moción de censura en Ribeira, coa que esta semana o PP desbancou o BNG da alcaldía da principal vila barbanzá apoiándose en 3 dos 5 membros do Partido Barbanza Independiente (PBBI), coligados co Bloque e co PSdeG nos últimos dous anos, os conservadores sumaron algo máis de 27.000 habitantes á súa cota de poder institucional na Galicia máis poboada. O meirande concello que controlan segue sendo a cidade de Ferrol seguido de Arteixo e da propia Ribeira.

Canda a maioría absolutísima de Abel Caballero en Vigo, o PSdeG ten tamén a alcaldía da Coruña en minoría e mediante pactos puntuais co Bloque. Os socialistas gobernan Lugo en coalición co BNG e, con alianzas ou gabinetes en minoría, tamén en Vilagarcía, Ames, Culleredo e Redondela.

O PP suma 27.000 habitantes á súa conta na Galicia máis poboada tras a moción en Ribeira

O BNG, pola súa banda, continúa tendo como alcaldía máis poboada a de Santiago. Na Galicia con máis habitantes tamén encabeza os gobernos de Pontevedra, Carballo e Cangas

Sobre o concello da capital, precisamente, planearon tamén os ruxerruxes de moción de censura contra a alcaldesa, Goretti Sanmartín en días pasados. O PP compostelán chegou a amosar a súa disposición para converter en rexedora a Mercedes Rosón, antiga edil do PSdeG, despois de que o grupo de non adscritos ao que pertence emitise declaracións ambiguas ao respecto. A propia Rosón rematou a cuestión cun elocuente "xamais".

Neste mapa político municipal da Galicia máis poboada resulta tamén significativo que formacións independentes gobernen máis poboación que o PP. Sucede por mor da alcaldía de Democracia Ourensana na cidade de Ourense, a cal non obstante sería imposible sen o sustento dos populares. As máis de cen mil persoas residentes en Ourense súmanse a cadanseus case 40.000 habitantes en Oleiros (Alternativa dos Veciños) e Narón (Terra Galega).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.