Adeus a Carlos Mella, protagonista e relator do inicio da autonomía

Carlos Mella, en 2007 CC-BY-SA Santos-Díez

Adeus a Carlos Mella (A Estrada, 1930). O xurista, economista, escritor e político faleceu este martes 21 de abril en Compostela aos 95 anos de idade. Figura clave na política galega, sobre todo desde a implantación da autonomía tras o franquismo, estivo vinculado á UCD, a Coalición Galega e ao BNG antes de impulsar unha exitosa traxectoria literaria, tanto no ensaio como na narrativa. 

Licenciado en Dereito na Complutense de Madrid e en Ciencias Económicas pola Sorbona de París, Mella foi director xeral de política financeira do Goberno de España e profesor de Economía Política na Complutense. En Galicia, foi elixido deputado pola UCD nas primeiras eleccións ao Parlamento de Galicia en 1981 para logo liderar un grupo de oito deputados desta formación que pactaron con Alianza Popular para entrar no Executivo. 

Carlos Mella, nunha entrevista para Nós TV CC-BY-SA Nós TV

Naquel goberno autonómico presidido por Xerardo Fernández Albor foi vicepresidente para asuntos económicos e obxecto de duras críticas desde a prensa e a política madrileña cando en 1984 criticou en público que a Casa Real designase a Domingo García Sabell e non o presidente da Xunta para facer a ofrenda ao Apóstolo. Pouco despois, e ante as diferenzas co tamén vicepresidente Xosé Luís Barreiro Rivas, dimitiu. 

Mella foi vicepresidente da Xunta con Albor, dimitiu por diferenzas con Barreiro Rivas, tivo acta de deputado por Coalición Galega e foi cabeza de lista ás europeas polo BNG

Integrado despois en Coalición Galega, coa que consegue acta de deputado en 1986, acaba abandonando o partido para secundar a escisión que deu orixe ao Partido Nacionalista Galego. Case unha década despois, Mella regresa á vida política activa e encabeza a candidatura do BNG ao Parlamento Europeo, que obtén case 140.000 votos pero non obtén representación na Eurocámara. 

'Non somos inocentes' ou 'A Galicia posible' son obras claves para entender os primeiros tempos da política autonómica galega e reflexionar sobre o futuro do país

Foi desde aquela cando Mella centrou máis a súa actividade no eido cultural, con importantes obras de narrativa e de ensaio, con títulos de referencia como Non somos inocentes (Xerais, 1990), A Galicia posible (Xerais, 1992), A falacia do economicismo (Espiral Maior, 1994) ou Memorias dun ninguén (Galaxia, 2009).

En Non somos inocentes, libro de memorias dun "político galego en excedencia", Mella fai un repaso dos primeiros tempos da política autonómica galega, mentres que n'A Galicia posible (1992) esboza unha reflexión sobre o país tentando adiviñar o horizonte de futuro. 

Carlos Mella CC-BY-SA Editorial Galaxia

Co libro de relatos O protocolo xaponés (1992) e a novela Bieito, Bieito (1993) introdúcese no eido da ficción, ao que ha volver en 2005 con Luces de Fisterra. O ensaio A falacia do economicismo (1994) e a escolma de artigos Coa palleta distraida (1994), nos que reflicte unha "visión entre agarimosa e cruel do acontecer cotián da nación galega", amosan as múltiples facetas da súa obra, tal e como destacaba a editorial Galaxia.

"Foi un galego de ben que estudou, amou e defendeu o noso país", di del o BNG

Chegou a ocupar brevemente a presidencia da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e foi tamén o máximo responsable da Fundación Castelao. 

"Foi un galego de ben que estudou, amou e defendeu o noso país", expresou este martes o BNG nas súas redes sociais. "O noso recoñecemento á súa traxectoria intelectual e compromiso con Galiza. O noso agarimo á súa familia e amizades", engadiu a formación nacionalista. 

A Galicia posible que imaxinou "un paisano sabio"

Beiras definiu a Mella como "un paisano sabio" que "quer que esta nación sexa posíbel no inmediato porvir. Por iso non lle abonda un simple exercicio de intelección, non proxecta cara adiante só a ollada, proxecta tamén a vontade"

Dúas obras destacan na produción de Carlos Mella, que en realidade comezou a escribir tarde, xa preto dos 60 anos: Non somos inocentes (Xerais, 1990), A Galicia posible (Xerais, 1992), esta última prologada por Xosé Manuel Beiras. 

Precisamente neste prólogo Beiras subliña a diferenza entre os dous ensaios: "Non somos inocentes é a ollada volta atrás pra unha reflexión agredoce, crítica e autocrítica, decote irónica, sobre a andaina da nova nomenklatura autonómica ao fío das propias vivencias. Non é unha novela, mais cáseque". En cambio, 
en A Galicia posible, "a ollada agora proxéctase dende dentro sobor deste país, ou sexa Galiza, como problema, por tanto como incógnita dun proceso envolto na brétema do tempo por vir, mais que cómpre abesullar pra orientarmos os pasos.

Beiras, que no prólogo destaca a "metamorfose" política de Mella ("un home recuperado polo país e recuperado prao país") e defíneo como "un paisano sabio", escribe que "Mella quer que esta nación sexa posíbel no inmediato porvir, val dicer, no presente de eiquí a un pouco. Por iso non lle abonda un simple exercicio de intelección, non proxecta cara adiante só a ollada, proxecta tamén a vontade. Niso Mella é gramsciano sen o saber, pois exerce o pesimismo da súa razón, mais así mesmo o optimismo da súa vontade: a vontade de ser na dimensión colectiva do país. Ou sexa, Galiza".

Capa de 'A Galicia posible', con foto de Xurxo Lobato © Xerais

"Autocolonización, submisión ante o poder e falta de presencia política: velaquí os tres cavorcos que impiden a Galicia ollar cara a un futuro máis esperanzador. Sen se-la única condición, pero si necesaria condición, o nacionalismo preséntase como a escada que poder permitir que saia do atranco", escribía Mella en 1991

Na obra, Carlos Mella salienta a existencia de varios "desequilibrios" na Galicia no momento. "O desequilibrio económico vén causado pola autocolonización e pola dependencia de intereses alleos: os axentes económicos galegos aceptaron esta dependencia. O desequilibrio socialo vén causado pola submisión ao poder e pola falta de esixencia da súa correcta utilización: os galegos, confundindo o público co privado, intentaron soluciona-los seus problemas particulares do uso do favor público e quedaron pillados nunha rede caciquil. O desequilibrio político vén causado pola impotencia da sociedade galega para traduci-la súa súa identidade en presencia política", di.

Mella engade: "autocolonización, submisión ante o poder e falta de presencia política: velaquí os tres cavorcos que impiden a Galicia ollar cara a un futuro máis esperanzador. Sen se-la única condición, pero si necesaria condición, o nacionalismo preséntase como a escada que poder permitir que saia do atranco".

E conclúe: "Depende dos homes e das mulleres de Galicia que sexamos un país próspero e libre ou sigamos a ser un bretemoso recanto xeográfico. Depende dos galegos que nos convertamos en coral polifónica ou sigamos de triste coro de queixumes, ecoando dende hai cincocentos anos a nosa falla de capacidade política e a nosa resignación social".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.