Tal día coma hoxe de hai vinte e cinco anos, o 14 de xuño de 1999, Galicia espertou politicamente nun escenario inédito. E, sobre todo, nun escenario con repercusións a máis longo prazo do que, posiblemente, podían chegar a imaxinar os seus protagonistas naquela alturas.
As municipais de 1999 supuxeron para o PP unha perda da hexemonía nas alcaldías das principais cidades que un cuarto de século despois aínda non deu recuperado
As eleccións municipais celebradas na véspera trouxeran consigo unha ampla vitoria máis en votos e edís do PP de Manuel Fraga , con máis do 45% dos sufraxios. Pero cunha caída a respecto das anteriores de case dous puntos e medio que, sumada a diversas subas locais do PSdeG (que retrocedera punto e medio no total) e ao empuxe do BNG (5,4 puntos de crecemento no conxunto de Galicia), propiciou unha perda da hexemonía no poder urbano que un cuarto de século e seis eleccións municipais despois aínda non deu recuperado.
Os resultado das urnas combinado co entendemento posterior de PSdeG e BNG -cuxa suma quedaba a apenas dous puntos da porcentaxe de votos do PP- propiciou que os populares pasasen de gobernar cinco das sete principais cidadades (Vigo, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol) a ficar só coa alcaldía ourensá. Dende aquela non volveu haber maioría de alcaldías do PP nas cidades galegas e, como máximo, chegaron a controlar tres á vez: Ourense, Vigo e Ferrol (2003-2007) e A Coruña, Santiago e Ferrol (2011-2015).
A esquerda gañara dun golpe catro significativas alcaldías: Vigo, Pontevedra, Ferrol para o BNG e Lugo para o PSdeG, nos catro casos mediante acordos entrambas forzas
A forza que gañara máis poder urbano naquelas municipais de 1999 en forma de alcaldías fora o BNG. Dun golpe lograra os bastóns de mando que ostentaba o PP na cidade máis poboada do país, Vigo; noutra na que sempre que gobernara a esquerda fora con alcaldía do PSdeG, Ferrol; e nunha praza histórica da dereita, Pontevedra. Lois Pérez Castrillo, Xaime Bello e Miguel Anxo Fernández Lores estreábanse nun terreo en boa medida ignoto para unha formación soberanista que dous anos antes lograra superar o PSdeG nas eleccións galegas.
O BNG tamén experimentara un ascenso moi pronunciado en Lugo, onde non obstante ficara por tras do PSdeG de Xosé Clemente López Orozco. Conformaran un goberno practicamente paritario (7 socialistas, 6 do Bloque) da man da nacionalista Branca Rodríguez Pazos nunha cidade que fora monocultivo da dereita con diversas combinacións.
Nas seguintes eleccións, as de 2003, Castrillo e Bello non lograrían recuncar. En Ferrol, o PP lograra sumar xunto a unha escisión da dereita en Ferrol e en Vigo, o PSdeG superara o Bloque e teceran unha precaria coalición que apenas duraría oito meses antes dunha moción de censura que situou na alcaldía á popular Corina Porro. Si repetiu Lores co BNG xa como forza máis votada e outra volta en coalición co PSdeG. E tamén Orozco, no seu caso con maioría absoluta.
Pontevedra e Lugo non mudaron de cor política na alcaldía dende aquela, no caso pontevedrés, sempre con Lores á fronte. En Lugo, con Orozco ata 2015 e dende aquela, con Lara Méndez e Paula Alvarellos
Ambas cidades, Pontevedra e Lugo, non mudarían de cor política na alcaldía dende aquela e, no caso de Pontevedra, tampouco de alcalde. Con altos e baixos electorais, Fernández Lores logrou revalidar o bastón de mando en ata seis ocasións. Así o conmemora estes días o BNG pontevedrés coa presentación do libro Unhas pinceladas sobre Lores, de María Núñez e César Mosqueira, no que celebran "vinte e cinco anos construíndo pontevedra" co foco posto, sobre todo, no modelo urbano da cidade.
Ata 2015 a veteranía de Lores na alcaldía era compartida polo socialista Orozco en Lugo. Foi daquela cando deu en retirarse para acceder ás esixencias do resto da esquerda local, que esixiu a súa marcha para apoiar unha nova investidura do PSdeG por mor das imputacións xudiciais que pesaban sobre el, todas elas arquivadas anos despois. Non obstante, a alcaldía seguiu tendo cor socialista en solitario ou en coalición co BNG, primeiro con Lara Méndez e, dende comezos deste ano, con Paula Alvarellos. Este 13 de xuño o PSdeG celebrou o que consideran "un fito histórico para o socialismo galego".
Aínda que nalgúns casos por estreita marxe, dende aquel 1999 os populares non volveron lograr levantar o bastón de mando en Pontevedra nin en Lugo. O mesmo lles sucedería en Vigo dende 2007, cando Abel Caballero accedeu en alianza co BNG por primeira vez a un cargo que dende 2015 exerce apoiado en amplas maiorías absolutas.
Esta hexemonía adoita ser sinalada como mostra da capacidade das opcións progresistas galegas para teceren maiorías de goberno, pero tamén como espello do que deberían dar feito no ámbito galego
Aquelas municipais de 1999 supuxeron todo un fito na política galega non só por facer abanear bastións de poder institucional en pleno fraguismo. Tamén por inaugurar unha xeira de acordos entre PSdeG e BNG (e viceversa) que non só se cinguirían ás cidades onde sumaban edís dabondo para gobernar. Tamén os estenderon a deputacións onde foron logrando maiorías e en 2005, ao Goberno da Xunta.
Esta hexemonía da esquerda no poder institucional das cidades que, mesmo en etapas de crise para socialistas e nacionalistas, continuou pola vía das mareas municipais, é frecuentemente sinalada como mostra da capacidade das opcións progresistas galegas para teceren maiorías de goberno. Pero tamén como espello do que deberían dar feito no ámbito galego e só aconteceu unha vez. Non en van, un dos grandes retos destas forzas nas convocatorias electorais alén das municipais, especialmente nas galegas, é a activación do electorado progresista urbano.