Unha mudanza, un concello sen contas e estabilidade: as cidades galegas, un ano tras as municipais

Abel Caballero, Inés Rey, Gonzalo Pérez Jácome, Goretti Sanmartín, Paula Alvarellos, Miguel Anxo Fernández Lores e José Manuel Rey Varela, xunto a mapas de apoio ás principais forzas nas municipais de 2023 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Hai agora un ano, o 28 de maio de 2024, os grandes titulares sobre o acontecido a nivel estatal nas eleccións municipais, que tamén foron autonómicas nunha decena de comunidades, apuntaban a un tsunami das dereitas fronte a un esfarelamento das esquerdas. O PP, en solitario ou apoiado en Vox, estaba en disposición de gañar un amplo volume de poder territorial, retornando a prazas significativas de mando local que, nalgúns casos, non tocaban dende 2015.

Fronte ao 'tsunami' da dereita que marcou as municipais a nivel estatal, en Galicia a esquerda logrou revalidar o groso do poder local malia ao avance en votos dun PP que tivo en Ferrol e a Deputación de Pontevedra os principais logros

En Galicia existiu tamén a tentación, segundo para quen e segundo onde, de trasladar ese relato. Pero o certo é que no caso galego, máis alá de que o PP avanzou algo máis de cinco puntos, o tsunami non foi tal. Os de Alfonso Rueda lograron avances significativos encabezados polo seu retorno á presidencia da Deputación de Pontevedra e á alcaldía de Ferrol oito anos despois, pero iso foi tan certo como que a esquerda logrou revalidar o groso do poder nas principais institucións locais e que, cos números daquel 28M, máis da metade da poboación vive nun concello con alcaldía do PSdeG ou do BNG.

Como é habitual, un dos principais termómetros daquelas municipais en Galicia foron os resultados urbanos: as sete principais cidades e as principais cabeceiras de comarca. Un ano despois, nas sete principais urbes a estabilidade dos gobernos saídos do 28M é a tónica dominante, aínda que con algunhas excepcións e matices que non implicaron, en calquera caso, cambios de signo político das persoas que ostentan os bastóns de mando.

O pasado xaneiro Lugo cambiou de alcaldesa tras a remuda de Lara Méndez pola tamén socialista Paula Alvarellos

O principal cambio político nas cidades galegas neste ano foi o de Lugo. O pasado 18 de xaneiro, os votos de PSdeG e BNG volvéronse unir no pleno municipal para elixir alcaldesa e situar a Paula Alvarellos no posto para o que elixiran tras as eleccións á socialista Lara Méndez, que renunciou á alcaldía que exercía dende 2015 para acompañar a José Ramón Gómez Besteiro na candidatura do PSdeG ao Parlamento. Alén dalgúns axustes de competencias na parte socialista do goberno, Alvarellos continúa gobernando con Rubén Arroxo, do BNG, na Tenencia da Alcaldía, nun gabinete que sacou adiante en febreiro os seus orzamentos sen maiores sobresaltos.

Onde a ausencia de orzamentos segue marcando a vida municipal é en Ourense. O 28M de hai un ano foi o da consolidación de Gonzalo Pérez Jácome na alcaldía ourensá. Por lograr Democracia Ourensana ser a forza máis votada, pero tamén polo seu novo pacto co PP, que lle permitiu seguir gobernando o concello a cambio de garantir aos de Rueda reter a Deputación na que culminaron a fin da era dos Baltar.

Rueda cos alcaldes de Ferrol e Ourense, José Manuel Rey Varela, con maioría absoluta, e Gonzalo Pérez Jácome, investido grazas ao PP CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Jácome segue, non obstante, gobernando en minoría. E a principal consecuencia é a ausencia de orzamentos municipais. Por cuarto exercicio consecutivo, Pérez Jácome nin sequera tentará sacar adiante as contas municipais, segundo confirmou no pleno deste mes de maio, no que agregou que prefire comezar a traballar nas de 2025, tentar aprobalas no outono e así comezar o ano vindeiro téndoas aprobadas.

Ourense é a única das sete principais cidades sen orzamentos aprobados para 2024. Ferrol non os aprobou ata abril malia a maioría absoluta do PP

Ourense quedou, deste xeito, como a única das principais cidades sen orzamentos aprobados para 2024. A última en sacalos adiante en pleno foi a única que goberna o PP, Ferrol. O goberno que dirixe José Manuel Rey Varela, malia contar con maioría absoluta no pleno, non as aprobou ata 9 de abril.

Antes, en marzo, entraran en vigor os Orzamentos do Concello de Pontevedra. O nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, que hai agora un ano asegurou tomar nota do "recado" das urnas tras perder o BNG dous edís, sacou adiante as contas públicas pola vía da cuestión de confianza tras non dar logrado o acordo cun PSdeG co que se prevía que gobernaría en coalición e que o apoiou na investidura, pero que polo momento segue na oposición.

PSdeG e BNG ostentan as alcaldías de cinco das sete principais cidades galegas © Concello da Coruña | Concello de Lugo | BNG | Concello de Pontevedra | Concello de Vigo

Onde o PSdeG continúa tamén na oposición e en Santiago, onde tras o 28M a alcaldía foi, como en Pontevedra, para o BNG. O novo goberno encabezado por Goretti Sanmartín en coalición con Compostela Aberta si teceu un acordo orzamentario co PSdeG local, concretado en pleno a principios de febreiro. Malia á súa minoría plenaria, na contorna do gabinete de Sanmartín transmítese relativa satisfacción cos primeiros pasos do mandato e certa confianza nunha posible consolidación.

As dúas principais cidades galegas en canto a poboación, Vigo e A Coruña, si comezaron 2024 coas contas aprobadas nun contexto de maior estabilidade. Especialmente en Vigo, onde a maioría absolutísima do PSdeG de Abel Caballero deixou o trámite orzamentario resolto definitivamente o 27 de decembro do pasado 2023. Ao día seguinte, o goberno socialista de Inés Rey fixo o propio na Coruña, no seu caso tras un pacto co BNG que encabeza Francisco Jorquera.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.