A finais de maio de 2019, o reconto definitivo das eleccións municipais constataba un fito histórico na política galega. Trinta anos despois, o baltarismo perdía a maioría absoluta na Deputación de Ourense e o PP precisaba un pacto para que José Manuel Baltar non se vise obrigado a ceder o bastón de mando que herdara do seu pai en 2012 e lograra revalidar tras as municipais de 2015. A piques de chegar ao ecuador do mandato, o PSdeG de Ourense busca apoios para tentar lograr ese obxectivo mediante unha moción de censura.
Os bipartitos do PP e DO saltaron polos aires tras as eleccións galegas, cos populares apoiándose nunha denuncia contra Jácome de membros do seu propio partido que quedou arquivada o pasado xaneiro
Apenas dúas semanas despois de perder a absoluta, Baltar tiña o pacto fiado. Co visto e prace da dirección do PP de Galicia, o barón ourensán rubricara un intercambio con Gonzalo Pérez Jácome, quen prometera desbancalo do poder en canto tivese oportunidade. Os populares puxeron os seus votos á disposición de Democracia Ourensana para elixir a Jácome como alcalde de Ourense e, a cambio, Democracia Ourensana fixo o mesmo cos seus dous escanos na Deputación para salvar a Baltar. O pacto implicaba, ademais, que DO renunciase a presentarse ás eleccións galegas na provincia para evitar restar votos ao PP.
Pero os bipartitos en ambas institucións saltaron polos aires a finais do verán de 2020. Unha vez celebradas as eleccións galegas e constituído o novo Goberno da Xunta, cinco integrantes de DO acusaron a Jácome de diversas irregularidades no partido e formularon unha denuncia ante a Xustiza (que quedou arquivada o pasado xaneiro). Esa denuncia foi a razón esgrimida polo PP para romper o bipartito no Concello mentres o líder dos rebeldes de DO, Miguel Caride, era ascendido por Baltar a vicepresidente da Deputación, cargo do que tivo que destituílo apenas dous meses despois a causa da nova doutrina do Tribunal Supremo, que impide ascender politicamente aos tránsfugas.
Foi así como volveu perigar relativamente a posición de Baltar, con Caride fóra do goberno da institución e o restante deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, tamén fóra do xogo do bipartito ao manterse fiel a Jácome. E é neste contexto no que o PSdeG ourensán admite estar á procura de apoios para unha moción de censura na que serían precisos, xunto aos 9 votos socialistas, os dous escanos que logrou DO tras as municipais e mais o apoio do deputado do BNG, Bernardo Varela, e da deputada de Ciudadanos, Montserrat Lama, ex-membro do PP e voceira do goberno de Baltar no anterior mandato.
O PSdeG pide "poñer fin a 35 anos de baltarismo" cunha moción de censura que precisaría os votos socialistas xunto a DO, BNG e Ciudadanos
Cos ruxerruxes na política ourensá disparados dende hai semanas, este mércores o PSdeG de Ourense admitía que está a despregar contactos para tentar fiar unha moción de censura contra Baltar. A súa intención, explican, é "que todas as forzas políticas se pronuncien con claridade" sobre a súa dispoñibilidade para "poñer fin a 35 anos de baltarismo" ao estar actualmente "nunha situación de extrema debilidade". Esa, aseguran, é a razón pola que esta semana os populares deron en saír ao rescate de Pérez Jácome reintegrándose na Xunta de Goberno do Concello de Ourense, aínda que asegurasen que o fan de xeito "temporal", para suplir a ausencia dun dos dous únicos edís fieis a Jácome, que tivo que ser hospitalizado, e impedir un bloqueo completo da institución
"Este movemento por parte do PP -valora o PSdeG- é a proba palpable do medo que leva ao presidente da Deputación a esgotar todas as vías ao seu alcance", neste caso volvendo a soster a Jácome. "Venderon a cidade co pacto da vergoña e volven facelo" agora, acusan, polo que consideran que é tempo de "colaborar" para que "a democracia penetre nesta provincia", tamén na Deputación.
Os socialistas evitan aclarar se chegaron a ofrecer a presidencia dun eventual goberno alternativo á deputada de Ciudadanos, partido que di querer unha "solución de amplo espectro" con PP e PSOE
Non aclaran os socialistas se, como apuntan algunhas fontes, entre as negociacións despregadas incluíuse o ofrecemento da presidencia dun eventual goberno alternativo para Montserrat Lama, de Ciudadanos. Si admiten contactos coa formación, imprescindible para desbancar a Baltar, e ínstana a "abandonar a pasividade". "A Deputación pende dun fío e, nestas circunstancias, non hai cabida para a indecisión" ante a posibilidade "dun cambio histórico", sosteñen os socialistas.
En Ciudadanos, pola súa banda, din ser partidarios dunha "solución de amplo espectro". Aseguran que, nos últimos días, recibiron unha proposta "rocambolesca" do PSdeG para a Deputación e admiten tamén ofrecementos do PP, ao que piden "pensar menos nos seus intereses, en liñas vermellas e en sillóns". Neste contexto, aseguran que prefiren un "entendemento" entre socialistas e populares, que o que definen como "constitucionalismo" se "poña de acordo para ofrecer solucións aos cidadáns".