O xuíz condena á administración que preside José Manuel Baltar a pagar ao subministrador o que lle debe e pide á Fiscalía que investigue un posible delito de prevaricación orixinado en 2011, cando o seu pai estaba á fronte
Un xulgado do contencioso-administrativo de Ourense vén de condenar á Deputación Provincial que preside o popular José Manuel Baltar a pagar 193.093 euros a un particular que lle subministrou bancos e marquesiñas “a dedo, sen orzamento, contrato ou formalidade algunha” en 2011, cando o seu pai aínda estaba na presidencia. O xuíz constata as ilegalidades e decide que se lle paguen ao demandante os subministros “a fin de evitar un enriquecemento inxusto por parte da Deputación, que percibiu os bancos e marquesiñas e non pagou o seu prezo”. Pero máis alá da condena a pagar, o xulgado pide á Fiscalía que investigue o caso por se ademais pode ser constitutivo dun delito de prevaricación por como se encargou o mobiliario urbano.
"Beneficiouse dunha forma groseira", di o xuíz, dunha subministración coa que a Deputación "saltou a normativa en materia de contratación"
O xuíz sinala na súa sentenza que o vendedor do mobiliario “beneficiouse dunha forma groseira dunhas subministracións encargadas a dedo, sen orzamento, contrato ou formalidade algunha e, o que é máis grave, saltándose a normativa en materia de contratación, impedindo que outras empresas puidesen presentar as súas propostas, de modo que finalmente se encargasen as subministracións á que mellor oferta fixese, co consecuente beneficio para os administrados e para as arcas públicas”. O maxistrado destaca que “nin sequera se tratou de eludir a aplicación da normativa acudindo a sucesivos contratos inferiores ao mínimo legal para esquivar, en fraude de lei, a aplicación da normativa contractual, senón que non se fixo contrato algún, a pesar de que as subministracións encargadas supuxeron para o erario público centos de miles de euros”.
Unha peritaxe citada na sentenza cifra en 332 euros o prezo de cada banco e 1.900 o de cada marquesiña
A Deputación admitiu no preito que non pagara os subministros porque non houbera un orzamento aceptado previamente e o vendedor non podía fixar unilateralmente uns prezos que considera excesivos, “máis cando algúns dos produtos subministrados, como os bancos, non foron adecuadamente tratados, co conseguinte menoscabo do seu estado”.
Porén, o xuíz ampárase nunha peritaxe para concluír que o deterioro do mobiliario foi normal, un estudo que certifica que os elementos foron “fabricados de forma totalmente artesanal” e cun “prezo de execución material de 332,82 euros para cada un dos bancos e un valor de 1.925,28 euros para cada unha das marquesiñas ou refuxios, IVE aparte”.
Ademais de condenar á Deputación a pagar os 193.000 euros, a sentenza ordena remitir “testemuña das presentes actuacións ao Ministerio Fiscal a fin de que se practiquen as dilixencias que considere necesarias para determinar se procede o exercicio da acción penal, pola posible comisión dun delito de prevaricación cometido por o/os responsables do encargo dos subministros de bancos e marquesiñas, sen prexuízo de calquera outros nos que puidesen incorrer os partícipes”.