Entre as múltiples críticas lanzadas polo PP galego ao Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero sempre houbo un lugar destacado para o Plan E, o proxecto lanzado polo Executivo do PSOE en plena crise económica para o "estímulo da economía do emprego" e que tiña como parte esencial as obras canalizadas a través das administracións locais. Mentres concellos e deputacións gobernadas polos propios populares financiaban traballos con cargo a este fondo dirixentes como Alberto Núñez Feijóo cargaban con dureza contra os millóns de euros para "beirarrúas e xardíns". Seis anos despois daquel plan a historia segue o seu curso e as administracións locais seguen investindo en mobiliario urbano, aínda que a menor escala. A Deputación de Ourense está inmersa nun deses plans, aínda que cunha xestión un chisco accidentada.
O pasado outono o presidente da institución, Manuel Baltar, convocou a través dun decreto o procedemento para a "contratación e subministración de bancos e marquesiñas para mobiliario urbano, no marco da cooperación cos concellos e entidades locais da provincia durante o ano 2014". Cun importe total de 50.000 euros, o contrato prevía gastar ata 32.000 euros en bancos que non debían custar máis de 200 euros cada un e destinaba 18.000 euros ás marquesiñas, cun máximo de 3.000 euros para cada unha.
Eran, polo tanto, arredor de 160 bancos e 6 marquesiñas nos que se valoraría, ademais do prezo, as dimensións ou os materiais, que cada peza leve "gravado o o distintivo da deputación (escudo e lenda “Deputación Provincial Ourense”) de forma permanente, de xeito que para eliminalo sexa preciso sustituir a peza de soporte na súa totalidade". Con estas condicións, a Deputación dispúñase a mercar estes clásicos do interior galego ata que o xefe do negociado de Subministracións e Servizos, Fernando Rodríguez, que actuaba como secretario da mesa de contratación, advertiu que algo non ía ben.
O proceso para mercar 160 bancos e 6 marquesiñas tivo que reiniciarse porque dúas empresas non presentaran oferta económica e a Deputación non se decatou
Nun informe Rodríguez chama a atención sobre que o 12 de decembro, no acto de apertura dos sobres de documentación administrativa, dúas das empresas candidatas, Urbabil 2000 e Artepolitan Equipamientos Urbanos, ambas con sede en Bizkaia, "non procederan á presentación da súa oferta económica". "Dita circunstancia -asegura- non foi advertida non acto de dita apertura, sendo admitida a súa participación no procedemento". Segundo este informe, "tal circunstancia" tampouco "se puxo de manifesto" o día 18, cando se abriron as propostas económicas de todas as compañías. Así quedou a situación ata o 9 de xaneiro, co "procedemento xa moi avanzado, en concreto na fase de informe técnico". Nese intre "aprézanse as circunstancias expostas, existindo dese xeito unha infracción non subsanable".
O procedemento de contratación estaba "viciado" e, polo tanto, facíase "preciso o desestimento" e a celebración dunha nova convocatoria. Do contrario, a Deputación estaría infrinxindo a lei de contratos do sector público. Este informe foi abordado pola mesa de contratación o 14 de xaneiro. Dirixida polo vicepresidente do ente provincial, Rosendo Fernández, a mesa acordou por unanimidade "propoñer que se proceda ao desestimento do procedemento" e á convocatoria dun novo, reinicio que xa está en marcha dende o pasado día 22. Aínda que con atraso, a provincia de Ourense terá novos bancos e marquesiñas.