Os populares volven entrar na Xunta de Goberno argumentando que o fan só de xeito temporal para garantir o funcionamento do Concello ao estar hospitalizado un dos dous únicos que edís que se manteñen fieis ao alcalde
Cinco meses despois de abandonar o Goberno local de Ourense argumentando as supostas irregularidades económicas do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, na xestión do seu partido, Democracia Ourensana, e sen lograr neste tempo que abandonase a alcaldía, o PP sae ao seu rescate e volve participar na Xunta de Goberno local argumentando que é só de xeito temporal e para garantir o funcionamento do Concello.
Tras deixar que Jácome gobernase a cidade neste tempo en solitario co apoio de só dous edís que se manteñen fieis e a el, a hospitalización dun deles, Telmo Ucha, por coronavirus impediría que se cumpra o requisito de quorum mínimo para poder validar expedientes na Xunta de Goberno, o que agora leva ao PP a asegurar que a súa participación na mesma é temporal e para non bloquear a administración.
Jácome eloxia ao PP por estar "á altura das circunstancias" ao volver a apoialo
Tras gobernar conxuntamente a cidade desde as eleccións municipais de 2019 a cambio de que Jácome dese a presidencia da Deputación de Ourense a José Manuel Baltar, os populares deixárono só dous meses despois das eleccións galegas do pasado xullo amparándose nas supostas irregularidades económicas na xestión do seu partido denunciadas por varios críticos.
Neste tempo o PP consolidou o goberno en solitario de Jácome con só outros dous edís ao negarse a pactar unha moción de censura do PSdeG, formación máis votada nas municipais. E hai un mes o xulgado arquivou a denuncia contra Jácome ao non conseguir probala.
Agora, un mes despois dese arquivo, a hospitalización do edil de DO Telmo Ucha serve de argumento aos populares para volver á Xunta de Goberno local e facilitar así que Jácome siga na alcaldía. Un Jácome que xa eloxiou aos populares por estar “á altura das circunstancias” fronte a PSdeG, BNG e Ciudadanos aos que acusa de “ruíns” por “tentar quitar tallada dunha continxencia sanitaria”.