Feijóo deslígase da creba do bipartito de Ourense e culpa o PSdeG de que Jácome sexa alcalde

Feijóo, nos instantes previos á sesión de control deste 7 de outubro CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

"O PP de Ourense ten liberdade para pactar" e oxalá "acerte". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, evidenciou este mércores no Parlamento a súa intención de desligarse por completo, tamén na súa condición de presidente do PP en Galicia, da crise política que estourou definitivamente en Ourense cando o grupo municipal dos populares decidiu romper o bipartito con Democracia Ourensana, formado en xuño de 2019 para nomear alcalde a Gonzalo Pérez Jácome a cambio de soster a José Manuel Baltar como presidente da Deputación.

O presidente da Xunta e do PP deixa a resolución da crise ourensá nas mans de Baltar e fai responsable o PSdeG de que os populares se coligasen con DO por non facilitar que o barón ourensán seguise á fronte da Deputación

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, aproveitou a sesión de control ao presidente para instalo a aclarar se "é consciente" da "situación de ingobernabilidade" na que está sumida Ourense, unha crise da que sitúa a Feijóo como "responsable", toda vez que "colocou" como alcalde a "aquel do que dicía que era letal para a cidade". Na súa resposta, o titular do Goberno galego deixou claro que os movementos do PP ourensán ante unha eventual moción de censura están nas mans de Baltar, non sen antes culpar os socialistas de que Jácome sexa alcalde.

Gonzalo Caballero, secretario xeral e voceiro do PSdeG, nun intre do pleno © Parlamento de Galicia

Segundo Feijóo, Jácome chegou á alcaldía por culpa dos socialistas porque o PSdeG non aceptou cando "lle pedín un pacto" para que gobernase "a lista máis votada" tanto "nos concellos" como "nas deputacións", dixo, aínda que nos entes provinciais non se celebran eleccións nin existen listas electorais. "A súa sistemática é impedir que o PP poida gobernar, por iso creo que deberíamos deixarnos de plantexamentos demagóxicos e cínicos", advertiu a Caballero, porque "o que me preocupa é a gobernabilidade, non se o alcalde é dun partido ou doutro". [As normas antitransfuguismo impiden ao PP mudar a alcaldía de Ourense sen pactar coa esquerda]

Gonzalo Caballero: "Foron vostedes quen provocaron a crise para salvar o baltarismo colocando na alcaldía a aquel do que dicía que era letal para Ourense"

"Foron vostedes quen provocaron a crise" de Ourense, retrucou o voceiro socialista, "para salvar o baltarismo, o caciquismo na Deputación". Sobre o eterno retorno á cuestión do goberno da lista máis votada, advertiu Caballero, Feijóo debería preguntarse se "é que non gobernan vostedes na Comunidad de Madrid pactando coa ultradereita" malia non seren primeira forza. Segundo Feijóo, tras anos de recorrentes intervencións na Cámara galega a respecto de Andalucía, a Comunidade Valenciana ou Venezuela, Caballero non debera "falar de Madrid" porque "este é o Parlamento de Galicia".

Alén do tirapuxa da sesión de control, Feijóo deixa claro que a resolución do labirinto ourensán fica nas mans de Baltar, se ben antes suxire que "podemos chegar a acordos" se o PSdeG, primeira forza da corporación, non ten como "único obxectivo conseguir a alcaldía". "Non creo que o mellor xeito de chegar a acordos sexa demonizar o partido que ten a maioría na Deputación agás un escano", advertiu sobre as críticas a Baltar antes de concluír que, en calquera caso, "o PP de Ourense ten liberdade para pactar".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.