O presidente salienta que nunca houbo tantas políticas de igualdade en Galicia como agora e reclama que En Marea pida tamén “a igualdade real e efectiva das nais e nenas venezolanas que teñen dereito a comer”
Venezuela, tamén como argumento fronte ás críticas de deriva machista no PP. Este mércores o presidente Feijóo tivo que enfrontarse no Parlamento de Galicia a preguntas de En Marea e BNG sobre os obstáculos, condenados pola xustiza, que pon a Xunta á folga feminista do 8 de marzo, debate no que lle lembraron de xeito constante diversas declaracións do presidente do PP, Pablo Casado, así como o pacto con Vox en Andalucía. A resposta de Feijóo foi tirar do comodín de Venezuela. O 8 de marzo, dixo o presidente, “é o día da igualdade, en Venezuela tamén”.
O presidente, nas súas respostas na sesión de control ao Goberno, esforzouse en salientar que nunca houbo tantas políticas de igualdade en Galicia como agora, pero na quenda do portavoz de En Marea, Luís Villares, Feijóo salientou que a deputada desa formación Eva Solla, vicepresidenta segunda do Parlamento e secretaria xeral do Partido Comunista de Galicia, está estes días en Venezuela. O presidente dixo agardar que a deputada de En Marea pida alí “a igualdade real e efectiva das nais e nenas venezolanas que teñen dereito a comer”.
Feijóo criticou a "supremacía ideolóxica" que ao seu ver se atribúe a esquerda en materia de feminismo
Previamente, tanto Villares como a portavoz do BNG, Ana Pontón, criticaron a Feijóo as reiteradas sentenzas que vén recibindo a Xunta por vulnerar o dereito de folga, en particular varias que condenaron o Goberno galego por facelo durante a folga do 8M do ano pasado, nun caso criticando os xuíces o seu “comportamento malicioso” e reiterado. Feijóo minimizou as ilegalidades cometidas polo seu goberno dicindo que foran só 5 sentenzas correspondentes aos servizos mínimos de 5 dos 120 departamentos para os que a Xunta ditara servizos mínimos. O presidente tamén criticou a “supremacía ideolóxica” que ao seu ver se atribúe a esquerda en materia de feminismo.
Vinculando a súa pregunta tamén en parte coas políticas da Xunta para as mulleres, o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, cuestionou a Feijóo sobre as medidas para fomentar a natalidade. O presidente defendeu novamente, como na cuestión da igualdade, que nunca tanto se fixo desde a administración autonómica, criticando pola contra, novamente, as políticas do bipartito de PSdeG e BNG que deixou de gobernar Galicia hai agora unha década. Nesa liña de remontarse ao pasado, Feijóo concluíu que os problemas demográficos de Galicia son unha “crise que se xestou na década dos 70”.