Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno deste xoves o presidente Feijóo foi preguntado polo reducido nivel de acollida en España de refuxiados de oriente próximo unha vez superado o pasado martes o prazo dado pola Unión Europea. Feijóo respondeu asegurando que a Xunta vai “dar refuxio a todas as persoas que o Goberno central nos remita” e asegurou que ten “capacidade” e “disposición” para facelo.
A Feijóo non se lle preguntou este xoves por Cataluña, pero el mesmo referiuse ao conflito catalán como xustificación da negativa do Goberno a debater sobre a AP-9
A continuación, sen que lle preguntasen pola cuestión, o presidente falou de Venezuela. “Nós estamos a disposición deses refuxiados, como nos preocupa tamén moitísimo o éxodo que está habendo de venezolanos, españois e galegos, pero venezolanos, a Galicia”, dixo. E lanzou un chamamento para acoller venezolanos en Galicia: “Mandamos unha mensaxe a todos os venezolanos que están nunha situación límite de que Galicia é un bo lugar de acollida, é un bo lugar para vivir, para estudar os seus fillos; os venezolanos que poidan estar perseguidos simplemente por razóns ideolóxicas, que poidan vir a Galicia a vivir, a instalarse”, dixo.
Por outra banda, na rolda de prensa deste xoves, a diferenza do que viña sucedendo nas súas anteriores comparecencias, a Feijóo non se lle preguntou polo conflito catalán. Porén, o presidente referiuse igualmente a el, como xa fixera no pasado, como xustificación da negativa do Goberno central a sequera debater no Congreso a transferencia da AP-9 a Galicia reclamada de xeito unánime polo Parlamento galego, tamén polo PP.