0 Gardados para despois

Feijóo insinúa que o Goberno de España non transfire a AP-9 a Galicia por culpa de Cataluña

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O momento actual, coa reclamación independentista en Cataluña, é para o presidente da Xunta, o “peor momento para falar de transferencias” como a da xestión da autoestrada AP-9 a Galicia. Así o dixo Feijóo este mércores no Parlamento de Galicia cando a oposición lle botou en cara que o Goberno do seu propio partido en Madrid se negue sequera a debater no Congreso unha reclamación que lle fixo de xeito unánime toda a Cámara galega.

Leiceaga propón que un grupo de deputados galegos rebata ante o Congreso os argumentos de Fomento e Pontón repróchalle ao presidente que non faga xestións políticas para levantar o veto

O conflito catalán como xustificación da negativa do Goberno a sequera falar sobre a xestión da AP-9 é un argumento que veñen usando nos últimos días fontes da Xunta e que este mércores verbalizou o propio Feijóo. Segundo dixo o presidente, a situación de Cataluña non condicionará que el siga a reclamar a transferencia, pero tampouco aclarou se fará algunha xestión política a nivel persoal para levantar o veto do Goberno.

Ese tipo de xestións foille reclamado polos portavoces de PSdeG e BNG, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón. O primeiro criticou que a negativa do PP a debater no Congreso a petición unánime do Parlamento de Galicia fai dos populares un “partido antisistema que non respecta os órganos constitucionais”. “Fomento despreza o Parlamento de Galicia, e con el a todos nós, tamén a vostede”, díxolle o socialista a Feijóo. Leicega reclamou ao presidente que rache relacións co ministerio e deixe de participar na comisión de seguimento das obras da autoestrada porque, ao seu ver, iso supón “darlle unha coartada”. Pola contra, o socialista propuxo que o Parlamento de Galicia envíe ao Congreso unha “embaixada pacífica”, unha comisión formada por un representante de cada un dos catro partidos galegos que rebata ante a Mesa da Cámara baixa, presidida pola popular galega Ana Pastor, os argumentos de Fomento en que se basea para vetar o debate.

Pola súa banda, Pontón rexeitou que a defensa da postura unánime do Parlamento de Galicia en Madrid dependa dos “informes xurídicos” que poida remitirlle a Cámara galega ao respecto ao Congreso dos Deputados, nos que Feijóo deita os próximos pasos da reclamación. “Isto vai de facerse respectar como país”, díxolle a nacionalista, ao tempo que censurou que Feijóo “nin sequera chamase a Ana Pastor para que levante o veto”.

Feijóo eloxia a utilidade da comisión de seguemento de obras na que participa con Fomento e no pagamento por parte do ministerio das peaxes de Rande e A Barcala

O presidente, pola contra, defendeu a utilidade da comisión de seguimento das obras na que participa a Xunta con Fomento e asegurou que seguirá reclamando a transferencia da xestión e que o ministerio asuma en solitario o custo da gratuidade das peaxes de Rande e A Barcala, reprochando ao bipartito de PSdeG e BNG que no seu momento asumise pagar a metade ou nunha ocasión rexeitase unha petición de transferencia que realizou o PP na oposición.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Villares acusa a Feijóo de ceder a chantaxes de Villar Mir e Raúl López

Para o presidente “o maior conflito político que hai en Galicia” é o de En Marea coa figura de Villares

Conflito do transporte, peche de colexios, demora do AVE, redución do sistema financeiro galego ou corrupción foron algúns dos problemas da Galicia actual que os tres grupos da oposición botaron en cara ao presidente da Xunta este mércores na sesión de control ao goberno. Porén, Feijóo respondeulles asegurando que esta primeira metade do ano 2017 supón “o mellor semestre de Galicia desde 2008” e que “nunca” se sentiu “tan satisfeito de ser presidente de Galicia como o último semestre”. Para o presidente, “o maior conflito político que hai en Galicia é coa súa persona”, dixo dirixíndose ao portavoz de En Marea, Luís Villares, a conta das discrepancias existentes nesa formación sobre o papel que debe exercer.

“Faga caso a algo máis que aqueles Vega Sicilia que aínda lle veñen ao padal”, díxolle Villlares a Feijóo lembrando as botellas de viño de alta gama que o dono de Monbus lle regalou varios anos

“Se vostede pensa que o maior conflito que ten o país é este que lle fala, é que vostede está xordo, miope”, respondeulle Villares. O portavoz de En Marea criticoulle que a Xunta se poña do lado de grandes empresarios como Villar Mir ou Raúl López, propietarios de Ferroatlántica e Monbus, nos conflitos abertos a conta das centrais hidroeléctricas das que a primeira empresa quere desfacerse na Costa da Morte e do novo modelo de autobuses para o rural que promove a Xunta. “Faga caso a algo máis que aqueles Vega Sicilia que aínda lle veñen ao padal”, díxolle Villlares lembrando as botellas de viño de alta gama que o empresario do transporte lle regalou durante varios anos a Feijóo. Ese feito e as investigacións a Villar Mir por presunta financiación ilegal do PP levaron a Villares a botarlle en cara a Feijóo que ceda á “chantaxe de algúns empresarios que actuaban en réxime de monopolio e vivindo ben grazas a vostedes”.